Menu Xerais

Para enganchar os pequenos e pequenas: «Marcopola, a Illa Remeira 3: Dragoneta!», de Jacobo Fernández Serrano. Crítica de Rodríguez Alonso

Manuel Rodríguez Alonso publicou no seu blog, Bouvard e Pécuchet, unha recensión crítica sobre Marcopola, a Illa Remeira 3: Dragoneta!, escrita e ilustrado por Jacobo Fernández Serrano.

 

 

A terceira aventura de Marcopola

Nestes días da fin de ano atopámonos coa terceira aventura de Marcopola, a illa que xa coñecemos por dúas entregas anteriores. Neste caso atopamos nada menos que unha dragoa. E está moi ben que sexa unha dragoa, pois xa estabamos fartos do machismo que só admite a existencia de dragóns. Se hai leóns e leoas, gatos e gatas, rapaces e rapazas, pois claro que ten que haber dragóns e dragoas. Parabéns ademais ao autor por este neoloxismo léxico-gramatical de dragoa, que non figura en absolutamente ningún dos nosos dicionarios.

Contra a tradición dos dragóns malos, Dragoneta só poderá ter os poderes especiais destes seres míticos se é capaz de realizar unha boa acción a cambio de ren. Dragoneta ponse mans á obra, mais os resultados non son os esperados… A Dragoneta, pásalle un pouco o que a don Quixote, axuda mal ou a quen non debe. Claro que tamén Marcopola e Libro se trabucan ao consideraren bos a Hurdo e Lurda… Nada é no comezo desta nova entrega o que parece…

Mais, cando todo parecía que non tiña solución, incluída a conxelación de Marcopola para que non se estragase e servirlles de merenda aos enganadores e malísimos Hurdo e Lura algo acontece, porque, por fin, Dragoneta vai certar e sabe a quen axudar e que boa acción realizar. E ademais Libro e Marcopola van descubrir no remate que Dragoneta é unha vella coñecida… E o mellor de todo, o desenlace anuncia xa unha nova aventura… É dicir a cuarta aparición de Marcopola está xa aí.

O autor, como xa dixemos no primeiro parágrafo, acerta cando nos presenta non un dragón, senón unha dragoa, que, ademais, realiza boas accións, aínda que, como tamén dixemos enriba, lle custe acertar e ata se trabuque e no canto de axudar cree un dano ou mesmo, como fixo Don Quijote cos galeotes, axuda e libera a quen non debe. Mais no remate acerta e non só iso, anuncia unha nova aventura, precisamente para desfacer un dos seus erros.

Como acontece con outras series (Tintimán, os FORMIG4S, Megatoxos…) cómpre que nos felicitemos porque todos estes personaxes da literatura infantil e xuvenil atopan continuidade nas súas aventuras e están, nestes tempos tan difíciles para o galego, a crear uns personaxes que cada certo tempo saen de novo en libro ou cómic para realizaren novas aventuras. Os nosos rapaces e rapazas teñen así aventuras e heroes de noso e na lingua de noso. Os da miña xeración tiñamos El Capitán Trueno, El Jabato e cousas así. É de gabar que, nestes tempos tan difíciles para a transmisión interxeracional do galego, existan series coma esta de Marcopola (e as que acabamos de citar, así como outras que non nos veñen agora á memoria) que nos permiten enganchar nenos e nenas a aventuras e personaxes que usan o galego. Cómics, coma este da serie Marcopola. A illa remeita, teñen o seu sitio na escola, mais sobre todo nos fogares. Sempre digo que pais-nais e avós-avoas, que somos os que máis lidamos con cativos e cativas, temos que lles ler e comentar estes relatos. Sempre hai un momento para o dedicar á lectura destas historias. Así estaremos a traballar desde a propia familia pola transmisión interxeracional do galego. A min esta actividade deume nos oitenta moi bo resultado coas fillas. Agora estou a facelo cos netos e a cousa non vai mal, aínda que sei que viven nunha atmosfera onde a presenza do castelán, especialmente no lecer dos pequenos e pequenas, é asoballante. Pero, cómpre que saiban que temos heroes e heroínas de noso e que se expresan na lingua de noso como estes entrañables xa Marcopola, Libro, Dragoneta e ata os malvados coma Hurdo e Lurda.

Manuel Rodríguez Alonso

Comentarios pechados