Menu Xerais

Para inspirar aos Reis Magos: «Fábulas contadas», de Gonzalo Navaza e «A Señorita Bubble. Baixo cero», de Ledicia Costas. Crítica de Manrique Fernández

O blog O meu andel publicou un artigo de Manrique Fernández sobre literatura infantil e xuvenil con mención a dous libros publicados por Xerais: Fábulas contadasde Gonzalo Navaza; e A Señorita Bubble. Baixo cerode Ledicia Costas.

Para inspirar aos Reis Magos…

Chegadas estas datas, é tradición que neste blog lle dediquemos unhas liñas á literatura infantil e xuvenil. Por iso traemos a esta páxina tres obras doutros tantos autores e autoras que poden servir para inspirar aos Reis Magos no seu traballo. Gonzalo Navaza, Ledicia Costas e Xosé Neira Cruz, achegan propostas poéticas e narrativas para os máis pequenos da casa.

GONZALO NAVAZA: «Fábulas contadas»

As fábulas son pequenos clásicos da tradición literaria; historias breves, case sempre en verso, maiormente protagonizadas por animais (que non deixan de simbolizar o comportamento dos seres humanos), e sempre agochan algún tipo de ensinanza, denuncia ou sentenza moral da que aprender. A súa valía exemplarizante e o seu enfoque satírico fixeron deste xénero algo imperecedoiro que, a pesar de ter as súas orixes na Grecia clásica, foi quen de pervivir a través dos séculos até os nosos días. A proba máis clara e máis actual é este libriño de Gonzalo Navaza, no que recompila algunhas das máis populares dotándoas dunha nova vida ao vertelas ao galego.

E como fai sempre Navaza, ilustre argallante das nosas letras, xoga coa palabra de tal xeito que o verso semella fluír sen tropezos, acadando unha naturalidade na que se agochan as dificultades dun traballo coma este. As súas fábulas en nada desmerecen as dos seus predecesores (dende Esopo a La Fontaine ou Samaniego), e aínda diría que o sitúan entre os grandes fabuladores da literatura. A única gralla que lle vexo é a súa brevidade, pois unha vez repasadas as dez historias que o integran, o lector queda con fame de máis.

Como complemento, unha breve e contundente introdución a cargo de Antonio Reigosa, un dos meirandes coñecedores e divulgadores da tradición oral galega e de calquera cousa relacionada coa mitoloxía popular, e unhas fermosísimas ilustracións a cargo de Orelí Pello, unha francesa dotada da retranca galega, nas que xoga á metáfora visual cun cromatismo exultante e unha forza narrativa na propia imaxe fóra de toda dúbida.

LEDICIA COSTAS: «A señorita Bubble baixo cero»

Xa fai tres anos que Ledicia Costas nos presentou a unha personaxe ben peculiar: a señorita Bubble, unha inventora de tintes retrofuturistas que encaixa niso que se deu en chamar o “steampunk”. Pois ben, o que agora nos presenta é unha nova aventura da carismática Lady Bubble, desprazada para a ocasión a Laponia, no Polo Norte, onde deberá enfrontarse a outra personaxe sobradamente coñecida: Papá Noel, a quen o estress lle provocou algún tipo de avaría que o fai mudar en “Papá Cruel” (porque “cruzou ao lado escuro”, aclara a contracapa do libro), capaz de maltratar aos elfos que traballan canda a el. Ao tempo, tamén terá que atender a un numeroso grupo de pingüíns afectados polos residuos tóxicos verquidos ao mar dende a fábrica de xoguetes, que acoden a ela en demanda de axuda.

Con estes prantexamentos, a señorita Bubble protagoniza unha historia trepidante, cun toque reivindicativo en clave feminina, na que se enfronta á responsabilidade de salvar o Nadal e, ademais, axudar aos elfos e máis aos pingüíns, fronte a un Papá Noel que se afasta descaradamente de calquera tópico bonachón ao que nos ten acostumados. A habilidade narrativa de Ledicia Costas, da que fai gala en cada nova entrega, será quen de arrastrar ao lector ao longo das súas páxinas coma se viaxase nun dos trineos empregados pola protagonista.

Ao igual que na primeira entrega, ilustra esta nova aventura Andrés Meixide co seu estilo colorista e minucioso. Un acerto non só pola demostrada calidade do seu traballo, senón para darlle un toque de unidade ao que promete converterse nunha saga literaria para nenos.

Manrique Fernández

Comentarios pechados