Menu Xerais

«Pedagóxica e políticamente incorrecto»: Crítica de Manuel Rodríguez Alonso sobre «Febre», de Héctor Carré

Manuel Rodríguez Alonso publica no seu blog, Bouvard e Pécuchet, unha recensión crítica sobre Febre, de Héctor Carré, Premio Fundación Nova Caixa Galicia-Claudio San Martín de Literatura Xuvenil 2011.

Pedágoxica e politicamente incorrecto

Héctor Carré ofrécenos nesta Febre unha novela que entra no eido da chamada narrativa xuvenil, mais que, gozosamente, non cumpre un dos requisitos tópicos deste tipo de literatura: a chamada corrección pedagóxica e política, que converte moitos dos textos presuntamente dirixidos aos nosos adolescentes nunha colección de mexericadas e ata lles estraga o gusto pola literatura de verdade aos nosos estudantes de Secundaria.

Carré escribe unha novela dirixida a un público xuvenil onde non se oculta o sexo, o acoso sexual, a persecución machista do homosexual ou a ignominia da prostitución. Isto non adoita aparecer na narrativa xuvenil tan obsesionada polo mantemento da corrección política e pedagóxica.

O relato presenta os ingredientes propios da chamada narrativa xuvenil como un argumento ben construído e que mantén a atención do lector, aventuras abundantes ou mesmo temas do gusto dos rapaces como pode ser o enfrontamento xeracional cos pais. O desenlace, baseado na anagnórese de personaxe, tamén é un recurso ben utilizado.

Pero gústanos que a novela de Carré non se quede no estritamente xuvenil e realmente estamos ante un relato entretido que pode ser degustado por un lector adulto. Non debe restrinxirse esta novela ao eido da literatura xuvenil, malia que se publique nunha colección destinada a este sector.

O autor asimilou moi ben as técnicas do cine e da novela negras. Os personaxes, os ambientes de luces e sombras de cafés e prostíbulos, mesmo un certo gusto polo mal ao xeito de Baudelaire, aparece ben nestas páxinas. Lémbranos nalgúns momentos o mellor expresionismo do cine negro. Tamén a existencia dunha moral de seu nos personaxes que está por enriba dos códigos éticos convencionais ou mesmo das leis.

Estamos así mesmo ante unha novela que podemos situar no subxénero da novela da memoria, pois recrea os tempos da Segunda Guerra Mundial en Galicia nas zonas en que se sofre a febre do volframio. A corrupción e a hipocrisía do primeiro franquismo están moi ben deseñadas no relato.

É un acerto, malia o que poida ter de idealista, a protagonista da novela, Carmucha. O autor consegue que, montada á cabalo ou conducindo un coche nos primeiros corenta, que a visualicemos como unha desas heroínas do cine que procuran ser iguais aos homes. Non é en van que Carmucha teña no seu cuarto unha foto de Katherine Hepburn.

Moi de salientar é así mesmo a boa recreación paródica que o novelista fai da linguaxe franquista, na boca do alcalde falanxista Severo e mais dos seus camaradas.

Xa que logo, novela xuvenil, mais tamén unha boa novela da memoria histórica con trazos de novela negra e influencias cinematográficas con eses ambientes de cafés, casinos, prostíbulos e espías. Recrea dun xeito acertado a febre do volframio na Galicia dos anos da Segunda Guerra Mundial. Daquela, boa lectura para os rapaces (aínda que sexa pedagoxicamente incorrecta, ou precisamente por iso), mais tamén para os adultos que queiran gozar cunha narración ben levada, cun desenlace sorpresivo e onde a historia e a imaxinación aparecen ben mesturadas.

Para rematar, só quero salientar a definición que realiza Félix-Valentín sobre o que é unha novela da memoria histórica. Sobre os feitos históricos que relata , contesta o devandito personaxe-narrador: Algúns vinos eu mesmo, outros contáronmos e outros imaxineinos ao longo dos anos, de tanto pensar neles (páx. 281). Novelas coma esta de Carré, reconstrúen a historia, pois onde non chegou o documento, a imaxinación, dentro dos límites da verosemellanza, pon o resto.

Manuel Rodríguez Alonso

Comentarios pechados