Menu Xerais

Pedro Feijoo: «A figura de Rosalía foi obxecto dun maniqueísmo agresivo e descarado». Entrevista de Montse Dopico

Praza Pública publicou unha entrevista de Montse Dopico a Pedro Feijoo pola súa novela A memoria da choiva.

 

«A cultura galega é do pobo, nin da Universidade, nin da RAG nin do Consello da Cultura»

Quen podería atreverse a cuestionar os estamentos de poder do sistema cultural galego? Non moita xente. Pois Pedro Feijoo, o autor de Os fillos do mar, faino na súa segunda novela, A memoria da choiva (Xerais). Nunha historia na que a violencia extrema é a porta que conduce á descuberta das facianas de Rosalía que os que construíron o seu mito preferiron agochar. Porque non pode haber sacralización sen limpeza de expediente. O escritor debulla nesta entrevista as claves deste libro. E confesa, en segredo que só poderá desvelarse despois da súa morte, quen son as persoas reais nas que se inspirou para construír os seus personaxes. Así que moito ides ter que esperar. Mentres, podedes ir imaxinando. Porque Praza calará como unha tumba.

Hai nesta nova obra algo de novela negra, algo de novela histórica… como en Os fillos do mar. Recuncas porque era o mellor xeito de contar o que querías?

Eu son como a xente que acaba de sacar o carné… vou aprendendo. E se cadra si botei man de estruturas que me foron funcionando. Si que me interesaba repetir a sensación de lectura áxil, de lectura entretida, de ritmo rápido que parece que producía Os fillos do mar. Porque quero pasar por enriba dos prexuízos que hai contra a literatura galega, do tipo “yo es que en gallego no te leo, filliño”. Por iso vou a resortes que axuden a unha lectura fácil…

Se cadra esa foi unha das causas de que, co teu terceiro libro, te converteses en autor dun “best-seller” en galego…

Os fillos do mar era o terceiro libro, pero o primeiro de ficción, porque os outros dous eran ensaios. E creo que si, que se funcionou tan ben, tivo que ver con iso. Quería falarlle ao lector de ti a ti, que houbese esa cordialidade na relación co lector… e funcionou. E se consigo que os lectores identifiquen esa maneira de escribir co meu estilo, pois se cadra son lectores que se van sumando ao sistema literario galego. E iso é o que quero. Explícao ben Bragado: de cada título tes uns 1.500 lectores que son militantes. Cantos máis poidamos engadir, será un pouco máis que gañemos para a nosa literatura.

O fío do libro está marcado por versos de Rosalía de enorme violencia. Un personaxe defínea como alguén que, sobre todo, sentiu moita dor. Toda a obra ten un sentido de fondo de desmitificar, desacralizar os mitos da cultura galega. Como Rosalía.

A intención é esa, si. A figura de Rosalía sérveme para representar nela a toda a cultura galega. O que conto na novela, do profesor Solano que lle di a Sofía, cando acaba de descubrir algo importante, que hai cousas sobre a cultura galega que non se poden contar, pasoume a min. E quedei abraiado. Porque a cultura é nosa. Por que hai cousas que non podemos saber dela? A cultura é do pobo, non é da Universidade, nin da Real Academia Galega nin do Consello da Cultura Galega.

Ademais de sacralización de figuras, apuntas na novela, precisamente, ás principais institucións culturais do país: loitas de poder, ambicións encontradas…. Por unha vez, non son os políticos ou os banqueiros os postos en cuestión. É o sistema cultural.

Cando creas unha ficción arredor da figura de Rosalía hai portas ás que tes que chamar e, claro, a Fundación Rosalía é unha delas. Non sería crible non falar da Fundación, ou da Casa-Museo, ou da Universidade. Pero é verdade que quería chamar a atención sobre iso que dis. É como se un paciente precisa unha operación, e o médico se pon a discutir coa enfermeira ou con outro médico. Non entendo esa loita constante que hai dentro das institucións. Se queren loitar polo poder, que monten un negocio, pero que non utilicen ferramentas que son do pobo e para o pobo.

Non todo é ficción. O vídeo do que falas, mostra de como o franquismo exhibiu como un trofeo a Gala, a derradeira filla viva de Rosalía, existe.

Xa me pasara iso antes. Estás a romper a cabeza para buscar unha ficción e chega a realidade para darche dúas labazadas, porque é máis incrible que a ficción. Pasoume na novela anterior co dos galeóns da ría. Respecto a Rosalía, o incrible é que teñamos tantas lagoas aínda sobre ela, que aínda teña tanto peso o traballo de desfeita da súa biografía que fixo Murguía. O que eu quero é axudar a que a xente teña curiosidade, que busque. O vídeo existe, e nel está esa muller que mira para ti. Hai unha parte da nosa historia que está aí, que temos que coñecer, non vaia ser que acabe desaparecendo.

Por que escolliches, como fondo da trama, o tema da descendencia de Rosalía? Se cadra atribuírlle bisnetos é un xeito de compensar a mágoa que nos dá que non os tivese.

Escollín un mito e Rosalía é, nese aspecto, case coma Breogán. Xente moi vella, que desapareceu como o aire… O tema da descendencia dábame moito xogo para mover a máquina. Nesa época, nese estamento social, ter sete fillos e ningún neto que sobrevivise era raro. Despois está a cuestión do fillo de Ovidio, o fillo pintor de Rosalía. El non sabía que a súa noiva estaba embarazada, e Gala e Alejandra queimaban as cartas dela para que Ovidio non o soubese nunca. Dicían que a muller era unha xitana de mala vida, pero non, era unha modelo da escola de arte. Esta historia do fillo de Ovidio contoulla Gala a Alonso Montero…

Cando Ameixeiras publicou Asasinato no Consello Nacional houbo algunhas polémicas sobre se personaxes reais estaban ou non ben “retratados”. Preocúpache que pase iso co teu libro? Porque é evidente que ten personaxes inspirados en persoas reais. Solano ten un aire a Alonso Montero, por exemplo.

Eu creo que a miña novela non é, nese sentido, como a de Diego. Os personaxes de Diego eran case trasuntos de personaxes reais. No meu caso, cando son personaxes inspirados en xente real non tento agochalo. E despois hai moitos outros personaxes que son, directamente, inventados. Non é algo que me preocupe, de todas maneiras. Por que non vou poder situar unha trama de corrupción na Fundación Rosalía? En Alemaña publicouse un libro no que Hitler esperta en Berlín na actualidade. É un total delirio sobre Alemaña e Europa vista cos ollos de Hitler hoxe. Se os alemáns poden xogar nunha ficción cun elemento da súa historia que representa algo absolutamente terrible, significa que a súa cultura é o bastante sa para rir de si mesma ou consigo mesma. Se nós non podemos, será que a nosa cultura non está tan ben como nos contan.

Cando unha ficción se inspira en temas de actualidade como as rivalidades na Fundación Rosalía ou na RAG existe o risco de que, pasado o tempo, a obra perda interese. Pensaches niso?

Se cadra co tempo cousas como a da metedura de zoco de Aquiles en twitter xa non se ven tan actuais… Pero tampouco me preocupa iso. Rosalía é o gran referente. E ou a situación da nosa cultura se normaliza en 20 anos e entón xa non son necesarios os debates que formulo, ou moito me temo que a cousa vai seguir de actualidade. E esa é outra das razóns polas que escollín a Rosalía. En Os fillos do mar o referente histórico principal era a batalla de Rande. Con Rosalía é máis doado. Falabamos dela hai 40 anos e dentro doutros 40 seguiremos falando, agás que o meu primo o presidente consiga acabar coa nosa cultura.

Saúdos ao teu primo presidente. Eu tamén teño un primo famoso, que sae nas novelas de Diego Amexeiras. O teu asasino, Adriano, mata cun sadismo incrible. Por certo, era necesario tanto sangue na novela? Mira que es retorcido.

Así desquítome. Porque de Os fillos do mar dicían que era unha novela tan amable, tan riquiña… Gústannos as películas como Seven ou O silencio dos cordeiros. E eu pregúntome, por que non buscar esa violencia dentro e non só fóra? En poemas de Rosalía hai violencia abonda.

Ao que ía. Pode parecer unha contradición que un personaxe tan violento, tan movido polo odio, reivindique a presenza social da poesía. Aínda que se cadra o que queres facernos pensar é, precisamente, por que poesía e violencia parecen antónimas?

Claro. Por que a poesía non vai estar cargada de violencia? Se cadra aínda nos pesa moito esa imaxe da poesía como algo bonito que serve para namorar. Adriano é tan violento porque aprendeu a selo nos versos de Rosalía. A súa raiba nace do que está a pasar coa que considera a súa nai, Rosalía, que é un xeito de falar do que está a pasar coa nosa cultura. A súa nai, cre el, acaba soterrada nun monte de mentiras. Eu falo por boca de Adriano, para queixarme das institucións que manipularon a Rosalía, da xente que nos dixo que temos que pensar ou non dela. Se cadra hai en min máis de Adriano do que eu quixera… pero a min chégame con matar xente nas novelas.

Menos mal. Ao principio da novela Sofía fala da necesidade de que coñezamos a verdadeira Rosalía, frente ás manipulacións das que foi obxecto, como as artelladas polos que pasearon a Gala como reliquia. Mais na novela, precisamente, a mesma Universidade que reivindica a Rosalía verdadeira agocha parte da realidade sobre ela.

É que a figura de Rosalía foi obxecto dun maniqueísmo tan agresivo e descarado que volver encarreirar a cousa é bastante complicado. Igual nos intentos de corrixir as manipulacións tamén houbo xente á que se lle foi a man, non sei. Non pretendía, de todas maneiras, criticar iso. Si que quería poñer acento, a través do personaxe de Sofía, na falta que temos dunha biografía completa de Rosalía.

Victoria Álvarez de Ojeda sabe moito diso. Pero fáltanos documentación, segundo din.

É como en A vida de Brian. Seguimos esperando. E que esteamos a falar disto tantos anos despois da morte de Rosalía é un síntoma de que algo vai mal.

No ensaio Canon y subversión, coordinado por María do Cebreiro e Helena González, apúntase -faino Dolores Vilavedra, por exemplo-, a que ás veces as revisións sobre a interpretación de Rosalía, as teses que trataron de superar a manipulación, caeron en novas mistificacións. A iso me refería antes. Creo que hai certa intuición sobre iso na túa novela.

Era consciente diso cando escribín o libro pero tampouco quixen afondar niso. Hai algo que Sofía lle di a Aquiles, que vai sobre as liortas intestinas que ela vive. E volvemos á metáfora da Vida de Brian, e o Frente Xudaico Popular e o Frente Popular de Xudea. Pero, o que dicía: diante de tanto lixo como atoparon, non era nada doado encarreirar o tema de quen era Rosalía en realidade. Se se me foi a man con esa crítica, non era a miña intención.

Aquiles e Sofía son caracteres típicos da novela negra. Intelixentes, sagaces… e maltratados polo amor. Por que os personaxes de novela negra teñen que ser uns fracasados emocionais? Non é demasiado estereotipo?

Pois non é que eu quixese seguir o canon da novela negra. A cousa xa comezara con Simón e Mariña de Os fillos do mar. Unha vez un xornalista preguntoume se iso de crear personaxes fracasados tiña algo de reflexo da miña biografía… Esta é unha novela máis negra, máis thriller, … pero eu tampouco son consciente de seguir os tópicos do xénero. O que ocorre é que as persoas que caen sempre de pé, que son heroes perfeitos, non me resultan cribles, non me gustan. Tamén interpreto a vida así.

Murguía está pero non está na novela. El inicia o camiño da sacralización de Rosalía. Houbo polémicas sobre como a trataba, sobre a súa actitude con ela e cos fillos… A biografía de Barreiro sobre el axuda a aclarar cousas. Aínda que o teu primeiro personaxe asasinado dálle a volta ao rumor e di que ela era unha suicida en potencia que mesmo podía ser unha maltratadora, coa súa violencia.

O dese personaxe era unha forma de mostrar a maneira grotesca na que se chega a mostrar desprezo pola nosa cultura, dicindo calquera barbaridade. No caso de Murguía, era importante para a trama porque el foi o primeiro manipulador da biografía de Rosalía. E insisto en que el foi o primeiro presidente da Real Academia Galega. Desa Real Academia que foi o paradigma do que van facer despois con Rosalía os estamentos de poder da nosa cultura. Eu inventei a carta 21, pero as 20 cartas anteriores existen, e din cousas que non se nos quixeron contar.

Aquiles traballa nunha revista de ufoloxía que investiga unha interesante tese: Núñez Feijoo podería ser, en realidade, un extraterrestre. E iso, di o xornalista, explicaría moitas cousas. Que opinas ti? Temos que dar a exclusiva?

Se cadra escribín a novela enteira só para poder contar iso. E si, eu creo que, ou Feijoo é un extraterrestre, ou eu mesmo o son. Porque que sexa unha boa noticia que uns de Venezuela merquen por 1.000 millóns unha caixa rescatada con 9.000 millóns, debe ter unha explicación comprensible só para marcianos. Como o da debacle de Pescanova.

Quedamos entón coa idea de que é Pedro Feijoo o marciano. Falabas ao principio da importancia da fluidez do texto. É moi fácil de ler. Hai moito diálogo, primeiras persoas, cambios de narrador…, e moita intriga. Pensei todo o tempo que era Diego o asasino. Como concibiches a estrutura narrativa?

Pois está ben a túa tese. Gústame preguntarlle á xente quen cría que era o asasino. Pode parecer que teño dominio dun amplo abano de rexistros, pero non. Estou aprendendo. Houbo en Os fillos do mar unha serie de fórmulas que ao lector lle resultaron cómodas, e repetinas. Non quero facer descricións de catorce páxinas, porque para iso xa está Caneiro e non vou facelo mellor ca el. Para min é suficiente cunha imaxe. Cando releo, se vexo que me saíu unha felípica borro todo. Prefiro o diálogo rápido, o humor… Dentro da miña torpeza, tento que sexa así.

Montse Dopico

Deixa un comentario!