Menu Xerais

Pedro Feijoo: «Abrín a billa do humor, a ver o que pasaba»

Radiofusión emitiu unha entrevista co escritor Pedro Feijoo  sobre a súa última novela,  Morena, perigosa e románica.

A entrevista pode escoitarse nesta ligazón.

 

 

Pedro Feijoo: «Abrín a billa do humor, a ver o que pasaba»

“Collédesme no escritorio traballando”, di Pedro Feijoo dende Barcelona, onde vive e escribe xa un novo libro. Será un proceso laborioso como en todas as súas obras, tamén nunha como “Morena, perigosa e románica” (Xerais), concibida para esmendrellar de risa, mais na que tamén, para facer o humor, houbo que “buscar a mensaxe correcta, a forma exacta da linguaxe”. “Hai que pasarlle a lixa do mil, hai moito puído” nesta nova novela que conta a delirante aventura do axente (de artistas) Dante Odeón e unha galería de socios desesperados e desesperantes, e que nace de deixar libre o trazo máis divertido que asomaba entre a dureza de obras anteriores. “Apetecíame, en principio, meterme con algo máis lixeiro e dixen ‘imos abrir esta billa, a ver que pasa’”. E o que pasou foi o que Agustín Fernández Paz cualificou como “un libro insólito dentro da literatura galega, máis dada a seriedades e transcendencias”.

Desas transcendencias que algúns impoñen sobre o sistema literario galego fala o autor vigués sen trabar a lingua: “Non sei se é unha sobreprotección que nos damos a nós mesmos para compensar todo ese malvivir da ditadura e de tan pouco apoio, que nos pasamos ao outro estremo e temos que estar demostrando sempre a nosa valía e todo ten que ser alto, erudito, excelso, o que, francamente, tócame un pouco o carallo”. Feijoo, un dos escritores galegos máis lidos, envía unha alerta: “Estamos conseguindo afastar aos lectores, como se unha literatura puidese existir sen lectores e unha cultura puidese existir sen país”. “Non comungo nada con iso”, resolve.

E por chiscadelas literarias nesta obra, cuxo protagonista atende por Dante Odeón, non vai quedar. Ademais, a gargallada decote agocha un drama. Pedro Feijoo explica que “é unha novela dun momento moi concreto” e que malia que “podía ter buscado o riso de moitísimas maneiras, non é casualidade que a Dante lle fascine o fácil que é cometer certos actos delitivos”, entre eles, di o escritor, “facer desaparecer por arte de maxia os aforros de todos os preferentistas galegos”.

As páxinas de “Morena, perigosa e románica” admiten varias aproximacións. Feijoo mantén que “o único que me importaba era seguir comunicando, seguir dialogando co lector e, ante todo, nesta ocasión descaradisimamente, que fose divertido”. Mais deixa unha pista: “Debaixo hai unha mensaxe: quen a queira ler que a lea, e o que non… que quede na risa”.

A entrevista pode escoitarse nesta ligazón.

Deixa un comentario!