Menu Xerais

Pedro Feijoo: «Cando tes que describir como é unha batalla de galeóns cómpre pasar moitas horas de biblioteca». Entrevista de Manuel Varela

La Opinión da Coruña publicou unha entrevista de Manuel Varela con Pedro Feijoo sobre Os fillos do mar. (Foto de Jesús de Arcos).

 

 

Pedro Feijoo: “Moitas veces non prestamos atención aos nosos tesouros”

“Hai un grupo de xente que estamos facendo cousas diferentes, aínda que non sei se se podería falar dunha nova narrativa”

O escritor Pedro Feijoo estará de volta nas próximas datas pola súa terra para presentar a súa ópera prima Los hijos del mar (Espasa Narrativa). Farao na feira do libro da Coruña en agosto. “As veces da a sensación de que tes que sair en castelán para que saiban que existes”, lamenta o vigués, finalista no Premio Xerais de Novela 2011 na versión orixinal.

-Un libro con moitos elementos de best seller. É unha etiqueta coa que se sente cómodo?

-Comecei xogando un pouco coa etiqueta esa. Pensei en que estes libros non se fan aquí, e que hai moito prexuízo cara eles. Tiña moi claro que había lectores para isto, que me parece moi respetable.

-E ademais cun intenso traballo de documentación sobre historia e arquitectura.

-É que aí é onde parte o prexuízo. A xente pensa nesta etiquetaxe de best seller e parece que todo vai para diante. Cando falaba de best seller referíame a eses libros que te enganchan, cos que te apetece acompañarte e lecturas que sexan fáciles. Pero construír unha historia así non significa que non haxa un traballo de fondo considerable. Cando tes que describir como é unha batalla de galeóns, non podes baixar ao porto e ver como son. Cómpre pasar moitas horas de biblioteca. Temas moi turbios como a Batalla de Rande, fanche pasar horas e horas. Logo tamén pasa o que pasan, mátaste a mirar cousas como canto mide un galeón e méteslle retrovisores a unha planeadora (rí).

-Parece que hai un filón coa Batalla de Rande que non se aproveita. Existe a tendencia de dar prioridade ás atraccións foráneas por riba das que ofrece Galicia?

-Totalmente. – esa era outra das atraccións deste libro. Sempre me interesou moitísimo a Batalla de Rande, dende neno. O meu avó era Manuel Lafuente, xornalista, e moitas veces que o acompañaba dende o centro ata Chapela, íamos bordeando a ría. Sempre que había un barco fondeando dicíame: ‘Eses son os rusos que andan buscando o ouro de Rande’. Aí hai para contar este libro e moitísimos máis. Aínda que podería ter escollido calquera outra historia. Moitas veces chámanos moito máis a atención unha historia que veña de afora e orientala un pouco aquí, pero non prestamos atención a todos eses tesouros que son nosos. Que servirían para facer miles de películas. Dende o ouro de Rande, ata a Torre de Hércules, pasando pola reforma da catedral de Santiago ou a historia da familia de Rosalía.

-Asistimos ao xurdimento dunha nova narrativa galega coa súa voz e a de outros autores como Diego Ameixeiras ou Domingo Villar?

-Precisamente participei nun acto con Diego hai uns días, e sempre se refire a nós os dous coma parte dunha nova xeración. Si que tiña un pouco a sensación de soedade ata coñecer a Domingo e Diego, que para min é a renovación da novela negra. Un xénero que sempre tivo bastante pulo en Galicia, pero con Ameixeiras hai un aire totalmente novo. Penso tamén en Yolanda Zuñiga. Somos todos autores que coincidimos nunha mesma idade. É verdade que hai un grupo de xente que estamos facendo cousas un pouco diferentes. Non sei se se pode falar dunha nova narrativa, iso xa é cosa dos xornalistas (rí). Eu estou a piques de sacar a segunda, así que aínda non teño licenza para falar destas cousas.

Manuel Varela

Comentarios pechados