Menu Xerais

Pedro Feijoo: «Non me gustan os heroes capaces de facelo todo, os meus personaxes teñen defectos». Entrevista de Ana Baena

O Atlántico publicou unha entrevista de Ana Baena a Pedro Feijoo sobre a súa novela A memoria da choiva.

 

«Non me gustan os heroes capaces de facelo todo, os meus personaxes teñen defectos»

Pedro Feijoo (Vigo, 1975) anda inmerso en plena campaña de promoción de “A memoria da choiva”, a súa segunda novela. Despois do éxito da súa ópera prima, “Os fillos do mar”, a expectación é máxima. Este martes chega a súa cidade cunha presentación en Librouro. Onte, dende a súa casa, confesouse para Atlántico e desvelou como está a levar tanta popularidade.

—Afirmou que a súa primeira novela xurdíu case por casualidade. Despois da gran acollida que tivo, notou a presión nesta segunda?

—Debo ser un pouco Kamikaze porque ata agora que mo preguntan nas entrevista, non me tivera plantexado esa presión. Comecei a escribir ao día seguinte de entregar “Os fillos do mar”, polo que a súa repercusión non me afectou nun primeiro momento. E logo, sentinme arroupado, polo que o traballo ía saíndo con comodidade.


—Cómo leva todo o barullo da promoción de vila en vila?

—Para min non é un problema. Estes libros están feitos sen máis pretensión que entreter ao lector e gústame saber o seu punto de vista, achegarme a eles.


—Se no seu debut escolleu Vigo por ser a súa cidade natal. Que lle une a Santiago, onde trascorre “A memoria da choiva”?

—Escollín Santiago case obrigado para contar unha historia con Rosalia de fondo, o mesmo que aconteceu con Vigo e o tesouro de Rande. Tiven a sorte de vivir nesta cidade durante a miña carreira e sabía que había algo más que o Santiago tópico do crego, o estudante e a Xunta, aínda que sempre en recoñecible.

—Simón, no primeiro libro, e Aquiles, no que presenta agora, comparten un carácter perdedor. Que lle atrae deste perfil?

—Terei que reflexionar, a ver se se van parecer a min! (risos). Xogo con ese tipo de personaxes que reflicten as fontes das que bebo.


—Pero sempre ten unha muller ao seu carón.

—Non me gustan os heroes capaces de todo. Os meus personaxes teñen defectos e tamén a capacidade de complementarse como na vida real.

Ana Baena

Deixa un comentario!