Menu Xerais

Pedro Feijoo recolleu onte o Premio San Clemente en Compostela canda os escritores Petros Márkaris e Arturo Pérez Reverte

O escritor  Pedro Feijoo recolleu onte en Compostela o Premio San Clemente canda os escritores Arturo Pérez Reverte e Petros Márkaris nun acto que se celebrou no IES Rosalía de Castro. O xurado, que estivo formado por alumnos de 2º de Bacharelato dos institutos San Paio (Tui), Manuel Chamoso (O Carballiño), As Mercedes (Lugo), Pobra do Caramiñal e Rosalía de Castro (Santiago), elixiu a novela Os fillos do mar, de Pedro Feijoo, como a gañadora na categoría de lingua galega. Arturo Pérez-Reverte foi elixido na categoría de novela en castelán por El tango de la guardia vieja, ao tempo que Petros Márkaris foi premiado na categoría de lingua estranxeira pola súa novela Liquidación final. Diversos xornais como La Voz de Galicia, Faro de Vigo ou El Correo Gallego fanse hoxe eco na noticia nas súas páxinas.

O escritor Pedro Feijoo coincidiu con Pérez Reverte en que o futuro que está por vir será un futuro moi difícil e dixo que: «Non sei se os tempos que van vir serán terribles ou non, todo apunta que si; pero é que os que temos enriba xa son horrorosos». Para Pedro Feijoo, o feito de que a súa novela fose “abrazada” pola mocidade foi unha sorpresa emocionante e declarou que le supuxo unha especial ilusión, moi especialmente porque intentaba reenganchar un público que «semellaba darlle as costas á literatura galega».

No Premio de Narrativa Arcebispo Juan de San Clemente os alumnos de Bacharelato son os protagonistas á hora de outorgar os galdaróns. O xurado deste Premio está formado por alumnos de Bacharelato do Instituto Rosalía de Castro de Santiago, organizador do Premio, e de catro institutos máis, elixidos por sorteo, un de cada provincia galega.

O galardón, que ten tres modalidades, novela galega, novela castelá e novela estranxeira, está dotado con 9.000 euros e premia á mellor novela do ano en cada modalidade. No día da entrega do Premio, os alumnos son os verdadeiros protagonistas e os xurdados comparten mesa e mantel cos escritores premiados.

A lista de premiados nas 19 edicións anteriores do certame inclúe nomes ilustres da literatura como Suso de Toro, Mario Vargas Llosa, Tariq Alí, Javier Marías, Antonio Tabucchi, Jaime Bayly, José Saramago, Manuel Rivas, Carmen Martín Gaite, Alessandro Baricco, Paul Auster, Milan Kundera, Laura Restrepo, Almudena Grandes, Carlos Fuentes, Álvaro Pombo, Javier Cercas, Vicente Molina Foix, Haruki Murakami ou Eduardo Mendoza, entre outros.

Comentarios pechados