Menu Xerais

Pedro Feijoo: «Sempre sospeitei que en Rosalía había moito máis do que se contaba». Entrevista de Ramón Nicolás

Ramón Nicolás publicou no suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia unha entrevista a Pedro Feijoo sobre a súa novela A memoria da choiva

 

Pedro Feijoo: «Adriano é un Hannibal Lecter do país»

—Como se concibiu esta novela?
—O proceso foi longo, vén xa de moi atrás. Sempre sospeitei que en Rosalía había moito máis do que se contaba e supoño que comecei a darlle voltas hai ben de tempo. Sempre pensei que hai páxinas e páxinas sobre o Inferno de Dante e nós temos ese inferno aquí.
A raíz da publicación de Os fillos do mar brindóuseme a oportunidade de ter certa tranquilidade e paz para abordar este proxecto que se estendeu ao longo de algo máis de dous anos.

—O proceso de documentación para a elaboración da novela sospéitoo longo e intenso…—Cousas deste tipo xa non é que non se poidan facer sen documentarse senón que hai que ser moi insistente con moita xente…. Alonso Montero ou Axeitos axudáronme moito a establecer contactos e obter información. Era complicado porque, ademais, sendo Rosalía quen é  resulta incrible a pouca información que hai…, por exemplo: se quería rañar na árbore xenealóxica era como ter un crebracabezas coas pezas moi afastadas e o labor consistía en ir dun sitio a outro  e facer preguntas incómodas… Todo este traballo previo, en xeral, púidome levar seis meses intensos de dedicación case exclusiva.

—Mais, por que Rosalía?
—Todo o tempo procuro entreter ao público e eu non quero dar leccións nin sentar cátedra, tampouco sobre Rosalía. A miña primeira bandeira é entreter pero non de xeito gratuíto, quero que se leve algo na cabeza. Nesta volta pretendo achegar á xente a figura deste tótem da nosa cultura.

 —Non é difícil ver personaxes que parecen trasuntos de persoas concretas? Por que?
—Unha historia coma esta non a podes construír sen poñer os pés na realidade. Gústame coller espazos da realidade que existen e ir acoutando a realidade a través dun oco que non está claro…, por ese oco é polo que nos imos coar… Para iso preciso darlle solidez é apoiándome en referentes reais.

—Na ficción paira certa crítica a certo sectores da cultura galega…
—En Polaroid Suso de Toro di que cómpre profanar o Panteón de Galegos Ilustres. Todo isto é noso…, e cómpre tocar cousas que parecen que non se poidan tocar. Se é noso é noso, e non sei vai romper…, é bo que as persoas se acheguen a estas realidades. Rosalía é moito máis que «Si a vernos, Marica, nantronte viñeras”… Aínda para hoxe é unha autora moi  moderna.

 —Os poemas de Rosalía escollidos exhiben inexcusablemente moita dor e violencia…
—Alguén na editorial me comentaba: porque tanta violencia? Eu dicíalle: por moi violenta que che pareza a novela o substrato que hai na poesía de Rosalía éo máis. A min chámame a atención que esa perspectiva non saltase antes pois todo iso está nos versos…, talvez tivémolo todo mediatizado por outro tipo de lecturas e interpretacións.

—Quen si o ve é Adriano…
—Este tipo de personaxes sempre están aí…, eu quéroo ver como un Hannibal Lecter do país. El está convencido de que os versos xa o dicían e el reacciona contra o que fixeron con Rosalía…

Ramón Nicolás

Deixa un comentario!