Menu Xerais

Pedro Feijoo sobre «Os fillos do mar»: «Quería ofrecer unha historia entretida, cun ritmo rápido, fresco e directo»

Ramón Nicolás publica no número 176 da revista Qué leer unha entrevista con Pedro Feijoo, autor da novela Os fillos do mar.

Pedro Feijoo, cun «Quixote» no peto e Woody Allen na retina

Feijoo destapouse como un narrador excelente. A súa novela Os fillos do mar, editada en Xerais, converteuse nun dos libros máis destacados da tempada.

Pedro Feijoo (Vigo, 1975) posúe unha formación filolóxica, pero exerceu profesionalmente como músico no grupo «Lamatumbá» durante algúns anos. Publicou un ensaio titulado Cousas do <<Galicia>>, por Castelao (1997) e Viva ou Fu Remol! (2005). Na actualidade traballa nun estudio musical e compaxina este labor coa creación literaria. Nesta, que é a súa primeira novela, presenta unha trepidante trama que nos fai viaxar dende os tesouros dos Galeóns de Rande ata a actualidade.

Son compatibles as súas dedicacións á música e á literatura?

-Compatibles, si. De feito, non vexo nada estraño en que alguén que pasou boa parte da súa vida expresando o que sente a través da música o faga agora mediante a literatura. Agora ben: o que non son, polo menos para min, é simultaneables, é dicir, todo o proceso de elaboración dun  texto esixe tanto unha dedicación coma unha concentración que acaban por absorberte. Pouco tempo queda non só para a música, se non practicamente para todo o demais. Cousas de estar a aprender aínda o oficio, supoño…

-Que o levou a abordar unha historia tan complexa na súa novela?

-Con total certeza, o desexo de entreter e enriquecer o lector. Esta novela naceu dunha conversa coa miña muller na que ambos os dous falabamos sobre todo aquilo que nos gustaría encontrar na nosa próxima lectura. Acción, suspense, historia, humor, coñecemento e, ademais, nun ámbito que nos resultase coñecido, familiar… Para cando nos decatamos, tiñamos sobre a mesa todos os ingredientes cos que preparar un cóctel bastante substancioso.

-A novela reúne con éxito características de diversos subxéneros…

– Tiña ganas de ofrecer unha historia entretida, cun ritmo rápido, especialmente fresco e directo, pero que ademais achegase un pouco de luz sobre algúns aspectos da nosa propia historia aínda non o debidamente  coñecidos. Todo o demais era inevitable: é certo que a novela ten un aspecto moi cinematográfico, pero é que somos fillos dunha «cultura pop» na que todos os formatos están en contacto permanente. Mesturar historia, humor, cine, acción, cultura… Non é nada novo: levo un Don Quixote no peto e a Woody Allen na retina.

-Vigo adquire categoría protagónica, por que?

-Porque o amor é así de atrevido. Supoño que a miña intención era relacionarme coa miña cidade do mesmo modo en que, por exemplo, Eduardo Mendoza o fai coa súa  Barcelona, ou o propio Woody Allen co seu New York querido… Máis alá da súa propia historia, Vigo sempre foi unha desas cidades con carácter, toda unha idea á espera de que alguén se namorase dela. E supoño que ese é o problema: a min namoroume xa dende rapaz, e o amor… O amor non se pode explicar!

-Traballa xa noutra novela?

-Si, difícil polo de agora… Traballo nunha trama endemoñadamente arrevesada coa figura dun dos personaxes máis relevantes da nosa literatura como pano de fondo e alguén cun coitelo moi afiado nas mans…

Ramón Nicolás

 

Comentarios pechados