Menu Xerais

Pedro Feijoo sobre «Os fillos do mar»: «Quería que fose unha desas novelas che gusta ler cando estás na cama»

Jorge Lamas publicou en La Voz de Galicia unha entrevista con Pedro Feijoo, autor da novela Os fillos do mar.

 

«Hai moitas historias en Vigo que che deixan coa boca aberta»

O exbaixista de Lamatumbá triunfa coa novela «Os fillos do mar»

Hai un ano, Pedro Feijoo decidiu colgar o seu baixo electrónico para centrarse no traballo dentro dos seus estudos musicais Muu! de Vigo. Pechaba unha longa etapa como músico en formacións tan irreverentes e divertidas como os xuvenís Kgben, Los Feliz, de Miguel Costas, ou os festeiros Lamatumbá. Polo camiño, aínda tivo tempo para facer algunhas incursións no mundo do ensaio literario. O pasado verán, nunha terraza, chegoulle a inspiración e decidiu abordar un xénero totalmente novo para el, a novela. A  acción de Os fillos do mar (Edicións Xerais) condúcenos a través do Vigo de hoxe, cidade que en boa medida protagoniza tamén a narración.

-¿Esta é a súa primeira publicación?

-Non, empecei publicando no ano 1997, cando estaba na facultade, un ensaio sobre o diario Galicia, o xornal que dirixía Valentín Paz Andrade. Encargáramo Díaz Pardo por iso é algo que gardo con moito cariño. E hai seis anos Xerais publicara ¡Viva o Fu Remol!, un ensaio sobre o mundo da música.

-¿Por que deixou o grupo Lamatumbá?

-Porque entre unhas cousas e outras pasei oito anos en Lamatumbá, e antes viña de pasar catro anos en Los Feliz. Cando me decatei levaba doce anos, que se di pronto, sen ter vacacións e coa maleta sempre a medio facer. Tiña ganas de centrarme no estudo de gravación.

-¿Como foi o proceso creativo de «Os fillos do mar»?

-A escrita xurdiu de ver outros traballos que estaban sendo publicados. Falando coa miña dona, Marta, que é máis lectora ca min, comentando o que nos gustaba, empezamos a darlle voltas a unha historia que nos gustaría atopar nun libro. Falabamos tranquilamente, na terraza, tomando unhas claras de limón. Cando nos decatamos, dúas horas e varias claras despois, tiñamos o argumento enteiro. Quedámonos mirando e dixémonos que habería que escribilo.

-Emprega algúns subterfuxios para manter a atención do lector. ¿Foi un preocupación durante o proceso de creación?

-O feito de que saíra un texto tan longo non foi algo consciente. Escribimos tranquilamente e chegamos ao final cando chegamos ao final. Pero si que pensamos en que houbese cousas que atraparan ao lector en cada páxina, que fose un deses textos que che gusta ler cando estás na cama, e segues aí, evadíndote.

-¿E por que elixiu a cidade de Vigo como escenario para desenvolver o argumento?

-Supoño que é como aquilo que din na película O silencio dos cordeiros: «Un empeza querendo o que ten preto». O espazo que eu máis coñezo é Vigo, pero logo, e é algo que tamén saíra na conversa das claras de limón, aquí hai partes da historia que son importantísimas para coñecer, incluso cousas que están a pasar agora. A historia dos galeóns de Rande, aínda que si hai cousas escritas, ese misterio do ouro, por exemplo, iso pasou aí, na ría, e non está tratado, non temos memoria para segundo que cousas.

-A batalla de Rande non é o único fito histórico no seu libro.

-Si, hai moitas vías abertas. Non é ningún segredo. O edificio onde pasa parte da historia é onde eu teño o estudo musical. Aquí, no soto do edificio, houbo xente agochada na Guerra Civil durante anos para fuxir. Ou, sen ser tan transcendental, tamén está a historia de Michel Pacewicz, o arquitecto que fixo moitos edificios, e ata que estudosos, como Curty ou meu avó De la Fuente, non comezaron a investigar non se sabían cales eran del. Hai moitas historias na cidade de Vigo que che deixan coa boca aberta e só hai que botarlles a man.

-Vostede non escribira antes novela. ¿Como resolveu o método de traballo?

-Non foi unha novela como proxecto editorial ata que me chamou Bragado, porque está escrita para miña muller Marta. Aínda que quedase entre nós, si que tiven que establecer certas pautas. Non me considero un escritor de carreira. Eu o vexo con moito respecto e penso que non se pode facer de calquera xeito. Para artellar esta historia tiña a miña folla de ruta, o meu guión de traballo, unha disciplina para escribir. Co tempo fun pulindo o método.

-Aínda que non se considera un escritor de carreira xa está preparando outra novela.

-Si, estou contentísimo con todo isto. Ademais, o de Xerais foi en xuño do ano pasado, e eu deixei de tocar en Lamatumbá contra marzo ou abril. O estudo ía moi ben, pero sempre estiven facendo algo e necesitaba outra cousa na que seguir traballando, e de súpeto apareceu isto.

-O libro ten un cheiro a premio.

-Non che sei, pero ¡estou tan contento con todo o que está a pasar! O outro día pasei por diante dunha librería e vin o cartel anunciando o meu libro e non puiden deixar de pensar no bonito que era.

Deixa un comentario!