Menu Xerais

Pemón Bouzas: «María Soliña foi vítima dunha sociedade chea de cobiza que se aproveitaba dos máis débiles». Entrevista en Tempo de Lecer

Tempo de lecer Ourense publicou unha entrevista con Pemón Bouzas sobre a súa novela A voz do vento.

 

 

O escritor e xornalista vén de publicar: “A voz do vento”, da man da editorial Xerais

Pemón Bouzas: «María Soliña foi vítima dunha sociedade chea de cobiza que se aproveitaba dos máis débiles»

O libro foi premiado no LX Premio Ateneo Ciudad de Valladolid

Polos camiños de Cangas
a voz do vento xemía:
ai, que soliña quedache,
María Soliña.

Nos areales de Cangas,
Muros de noite se erguían:
Ai, que soliña quedache,
María Soliña.

As ondas do mar de Cangas
acedos ecos traguían:
ai, que soliña quedache,
María Soliña.

As gueivotas sobre Cangas
soños de medo tecían:
ai, que soliña quedache,
María Soliña.

Baixo os tellados de Cangas
anda un terror de agua fría:
ai, que soliña quedache,
María Soliña.


María Soliña.
(Celso Emilio Ferreiro)

 

E foi relendo estos versos de Celso Emilio Ferreiro cando o escritor e xornalista Pemón Bouzas e as musas se atoparon. E como se un vento favorable trouxese consigo a historia que quería contar (e que tiña que ser contada do xeito máis fiel posible) se fraguou A voz do vento.

Que o levou a escribir este libro?

– Tiña ganas de facer un libro moi galego, sen presa por publicalo. Dende o 2008 que sacara Las luces del Norte estaba na busca do personaxe, do momento, da historia que me levase a escribir a obra que desexeba. E case como de casualidade, relendo a Celso Emilio Ferreiro cheguei ao poema que lle dedicou a María Soliña e díxenme: ‘aquí está, aquí está o que andaba a buscar’. Así que empecei a investigar, a tirar de fíos e fun descubrindo toda unha historia que vai moito máis alá do que coñecemos. Todos cremos saber a historia de María Soliña, pero quedaba moito por contar, hai moitas historias paralelas e versións confusas, incluso nos mesmos documentos oficiais, como se tentasen encubrir ou modificar a realidade. Eu con este libro tento achegala ao lector do xeito máis fiel posible. Paralelamente, mentres escribía o libro, uniuselle o momento de crise que vivimos e confluiron ambas cousas: personaxes históricos e momento de perda de valores no que estamos.

 

Foi complicada a labor de investigación?

– Dende o xornalismo sabemos onde hai que buscar. Sabía onde acudir para averiguar todos os datos que puidese sobre esta historia e tamén teño bos amigos que me guiaron e recomendaron onde indagar. Con todo, foi un traballo de case dous anos de lectura, investigación e de percorrer os lugares por onde se desenvolve a historia. Neste senso, esta é outra das cousas que me propuxen ao escribir o libro: Ir e coñecer os lugares nos que se desenvolve o libro con outros ollos: Cangas, Aldán, Bueu… revividos como sería fai 400 anos.

 

Parece como se o libro levase intrínseca unha ruta cultural e turística…

– A verdade é que cando te pos a escribir non es consciente de todo o que pode xurdir ao seu arredor pero, recentemente, nun coloquio de presentación en Cangas comentaban que o libro ben podía ser unha base para crear un roteiro polos lugares onde se desenvolve a historia de María Soliña. E, dende o meu punto de vista, sería unha pena que non se aproveitase, especialmente tendo en conta que dentro de tres anos cúmprese o 400 aniversario do ataque pirata turco á vila de Cangas. Sería moi interesante unir cultura e turismo nesta data e tamén moi beneficioso.

Na novela parece querer devolver a importancia da muller na sociedade a través da figura de María Soliña.

– Efectivamente María Soliña, como tantas outras, foi unha muller sufridora, vítima dun ataque ás familias, dunha sociedade chea de cobiza que se aproveitaba dos máis débiles, neste caso mulleres, a maioría das veces viúvas porque os seus homes morreran na loita. Foi unha muller que loitou por ela, e tamén polo seu entorno e merece que o seu valor sexa recoñecido.

A voz do vento, a que se debe o título?

– Vén do poema de Celso Emilio Ferreiro, A voz do vento xemía, o mesmo que me fixo atoparme co libro que quería escribir. E a verdade é que o vento ten un especial protagonismo na novela. Hai un vento escuro, que é mencionado por María Soliña e outros personaxes do libro varias veces: “este vento é unha desgraza, non trae nada bo”. Tamén había un posible segundo título: O espíritu do aire, visto como dun xeito positivo, agarimoso, que acouga, maternal… E o vento en Cangas, en Galicia en xeral, ten protagonismo propio

As tradicións e lendas teñen forte presencia no libro.

– Pero eu non o busco… Hai que poñerse en situación, fai 400 anos, nunha época de fame, da postguerra, sen televisión nin whatsapp, coa radio, no mellor dos casos, como único medio de comunicación do que está a ocorrer… todo xira arredor do fogar e das historias que nel se contan e, se aínda hoxe en día hai historias de meigas, Santa Compaña, lendas… nas aldeas… canto máis nesa época.

O libro xa obtivo un gran recoñecemento, o LX Premio Ateneo Ciudad de Valladolid. Que significa para vostede?

– Foi un sorpresón e unha ledicia por levar un premio desta categoría que foi dirixido durante un tempo por Miguel Delibes. Ademais, é o segundo certame máis antigo de España, tras o Planeta. Sen dúbida é un moi bo recoñecemento para dar un empuxe e facer visible a novela.

Viviu algún momento “complicado “mentres escribia o libro?

– Eu son un escritor de método, necesito ter todo organizado, pensado e documentado diante de min antes de empezar a escribir. Cando empezo un libro, sei o que quero contar, pero a veces, como é o caso, a mesma documentación fíxome reestructurar a historia, facer cambios segundo me foron aparecendo personaxes secundarios. Este é un momento de lentitude, que leva o seu tempo, pero se hai un momento dramático, de estrés emocional, é cando un está moi metido nunha trama e non é capaz de avanzar. Cando un personaxe se che atravesa e non evoluciona, son momentos verdadeiramente duros.

Como se sinte tras esta publicación?

– Levo dous meses e medio de intensa promoción no País Vasco, en Valencia, León, aquí, en Galicia… e estou moi satisfeito pola acollida que está a ter. Dende fai catro ou cinco semanas está a ser o libro en galego máis vendido e é moi satisfatorio tras un longo recorrido ver que ten estos froitos e que está a gustar.

Como animaría a alguén que empeza a escribir?

– Que nunca se rinda. Que se ten capacidade, o máis importante é crer nun mesmo, e con disciplina e constancia, pódese chegar onde un se propoña. Pero as musas cando veñen, teñen que atoparte traballando, se non, non vale de nada.

 

Sipnose de A voz do vento

A principios do século XVII a vila de Cangas do Morrazo faise célebre porque varias das súas veciñas son levadas diante do tribunal da Santa Inquisición en Santiago de Compostela acusadas de bruxaría. Entre elas está María Soliño, unha muller con facenda e negocios que andaba polos sesenta anos cando foi xulgada. Cangas gozaba dunha economía boiante baseada na pesca e no comercio local e internacional, até que no ano 1617 sufriu o ataque dunha frota de piratas berberiscos que cambiou a súa historia. Reunións de bruxas en lascivos aquelarres nas praias, delacións entre veciños ou abusos de poder, alimentaban sermóns moralizantes dende os púlpitos e ansias xusticeiras en boa parte da sociedade. María Soliño, ou Soliña, converteuse nunha personaxe lendaria para a sociedade galega, difuminada polo paso do tempo e cantada polo gran poeta Celso Emilio Ferreiro.

Deixa un comentario!