Menu Xerais

Perdido e náufrago na chalana: «Vento galerno», de Antonio Yáñez Casal. Crítica de María Navarro

María Navarro publicou no Faro da Cultura, de Faro de Vigo, unha recensión crítica sobre Vento galerno, de Antonio Yáñez Casal.

 

Ben individual, ben colectivo

Con experiencia insular

A chegada a illa despois de manterse á deriva dous días no mar pareceulle a Miro a salvación definitiva ao que el considerou nun primeiro momento un pequeno contratempo. Non sabía a onde chegara, mais logo se decatou de que os habitantes e os seus costumes pouco tiñan que ver co mundo “civilizado”; unha sorte de lóxica manexaba os movementos da poboación, un certo sentido común guiaba os pasos dos que alí vivían e unha sensación de benestar presidía as vidas daquela xente.

O percorrido de ida e volta que o protagonista de Vento galerno realiza supón unha travesía física en canto que hai desprazamento real e outra emocional, máis importante quizais, e que leva os lectores a poñer en funcionamento os mecanismos da racionalización dos acontecementos: aparentemente o que Miro conta non ten sentido e parece de tolos que alguén se comporte desa forma, pero, ben mirado, o sistema que rexe o funcionamento dos insulares é, ademais de beneficioso, coherente, harmónico, equilibrado e democrático no sentido máis amplo da palabra.

O vento galerno que o leva de volta a súa realidade supón, despois da experiencia vivida, a confirmación de que un futuro mellor, que combine o respecto polo individualismo e o ben colectivo, é posible.

Quizais nunha hipotética segunda entrega Antonio Yáñez Casal poida desvelar a posta en práctica do supostamente aprendido por Miro.Qui scit?

Comentarios pechados