Menu Xerais

Pere Tobaruela: «Estou totalmente implicado no presente da nosa literatura, á procura de lectores, de romper fronteiras». Entrevista de Armando Requeixo

Armando Requeixo publicou na sección «Parlamento das letras» do seu blog Criticalia unha entrevista con Pere Tobaruela.

 

 

Parlamento das Letras

Pere Tobaruela

Hoxe por hoxe, ben poucos poden gabarse de seren escritores de tan amplo rexistro lingüístico e xenérico coma Pere Tobaruela. Este catalán de nacenza e galego de adopción é un auténtico todoterreo da escrita, que tanto redacta sisudos volumes de ensaio en catalán coma novelas infantoxuvenís en galego, o mesmo colabora na creación de bandas deseñadas ou libros de entrevistas na lingua de Llull como se atreve coa contística de noso, incluso é quen de verter logo todo con ben ao castelán.

Porque Tobaruela —non cabe dúbida ningunha— é un escritor do seu tempo, que non entende nin de barreiras temáticas nin de imposibles creativos e que non arreda tampouco cando de experimentar en novos soportes se trata, o que dá razón de por que nos últimos tempos anda explorando coa novela por entregas na Rede.

De por parte, Tobaruela é tamén un xogador de equipo, deses que gusta do traballo a catro mans, como pode comprobarse doadamente se un bota unha ollada aos numerosos títulos que coasinou coa súa compañeira Ana Boullón, coa súa colega Luz Méndez e, en tempos recentes, coa tamén narradora e poeta Ledicia Costas, con que forma unha venturosa parella literaria que ten nome propio, Pereledi, e que foi quen de facer nacer historias e personaxes que xa conforman series de seu.

Versátil, infatigable e decidido, o camiño andado por este galegocatalán confírmao como privilexiado espectador das escritas peninsulares dos últimos lustros, das que con tanto ben fala a seguir.

¿Cando, onde e da man de quen publicaches os teus primeiros textos?

 Supoño que te refires a un texto en formato libro. Se non é así, podo dicirche que o meu primeiro texto publicado foi un artigo de non máis dunha ducia de liñas no semanario El Far. Son xeógrafo de formación e conseguín empezar a publicar breves textos xeográficos, pequenas pinceladas sobre os concellos da comarca d’El Baix Llobregat. Coido que foi contra o ano 1997. Non recordo moi ben. Non levo un control exhaustivo das miñas publicacións na prensa. Entre estes e outras colaboracións en xornais e revistas, cheguei a publicar máis de dous centos artigos e só gardo os orixinais e non a data de publicación… Se falamos dun libro, a miña primeira obra foi L’home i el territori, unha escolma de entrevistas que publiquei no 1999 con Rafael Dalmau Editor.

—¿Cal das túas obras cres que foi mellor tratada e cal pasou máis desapercibida para o público e/ou a crítica? ¿Por que cres que recibiron ese trato desigual?

A relación entre público e crítica non é directamente proporcional. Explícome: publiquei algunhas obras que non foron tidas en conta pola crítica e, en cambio, foron un éxito entre os lectores. E á inversa. No primeiro caso, podo falar dun ensaio que publiquei sobre o famoso gorila albino que viviu no zoo de Barcelona: Floquet de Neu (Copito de Nieve). Resulta que deste libro, titulado Floquet per sempre e traducido ao castelán, vendín unha cantidade importante de exemplares e non foi recensionado por crítico ningún… O éxito dunha obra entre os lectores depende da visibilidade, do márqueting e dun gran bocado de azar. Con este libro o azar presentouse en forma de traxedia: xusto cando o libro foi publicado, o gorila morreu… Velaquí a miña mellor obra tratada polo público e xa podedes observar cal foi o motivo… ¿A mellor tratada pola crítica? Neste sentido non me podo queixar: os críticos trátanme ben, ata o momento, o cal non quere dicir necesariamente que unha obra que eles poñan moi ben sexa un éxito de vendas…

—¿Tes algún hábito singular ou manía á hora de escribir?

Se digo que ningún podería parecer que quero contestar esta pregunta pola vía rápida. Daquela engadirei algo máis: non sei se a escribir cada día se lle pode chamar un hábito. No meu caso é unha maneira de vivir. De vivir en dous sentidos: o primeiro, unha necesidade vital; o segundo, gañar a vida.

—Nunha antoloxía da nosa literatura recente, ¿ao pé de que autores/as preferirías figurar?

Eu estou ben onde estou, sen singularizacións. Para min é unha honra que xa se me considere un autor galego. Formar parte desta literatura é un éxito persoal, máis aínda no eido das novelas preferentemente indicadas para o público infantil e xuvenil, onde en Galicia atopamos uns escritores de primeirísima liña.

—Se tiveses que historiografar a túa propia traxectoria literaria, ¿que trazos salientarías?

Na miña traxectoria ocupan un lugar privilexiado o traballo e a confianza. Coido que estes dous elementos son os alicerces das miñas obras. Supoño que tamén haberá unha miga de imaxinación. Mais sen traballo e confianza non vale para nada a imaxinación, por moita que teñas… Outra calidade que marca a miña traxectoria literaria é o dominio de tres linguas: castelán, catalán e galego. O feito de poder desenvolver unha obra en calquera desta linguas abriume moitas portas.

—¿Que lecturas te acompañan decote ou a que escritores/as regresas con frecuencia?

Ao autor que sempre regreso é Josep Pla. Abro calquera das súas obras por calquera páxina e déixome levar… Polo que fai a outras lecturas podo dicir que son bastante anárquico e a intuición é a miña guía. Nos últimos anos concentrei a miña lectura en obras principalmente en galego: desde Cunqueiro ata a narrativa máis actual, para paliar o meu descoñecemento da literatura galega.

—¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?

Todo o que diga pode ser utilizado na miña contra… ¿Teño que responder? A ver… Podería contestar que aínda non levo tempo abondo como para ter unha composición de lugar das letras galegas, mais non sería certo. Así que aí o vai: sobran prexuízos e falta profesionalidade. Sobran (ou sobraron, mellor dito) exceso de subvencións. E agora, pola contra, estamos no polo oposto e falta apoio. Nin unha cousa nin outra… Sobran elites e faltan lectores do común. Sobran etiquetas e vacas sagradas. Falta unha diada de sant Jordi. Sobra convencionalismo e que, por exemplo, o Día das Letras deixe de ser festivo. Falta cotidianidade de lectura en galego. Sobran críticos que estean hiperpendentes da lingua. Falta amor e respecto pola nosa lingua. Sobran formalismos. Falta informalidade: as letras, os escritores temos que tomar a rúa.

—Se soubeses que o teu tempo se esgota, ¿que non te perdoarías non deixar escrito?

Deixaría de escribir porque non teño a sensación de que me quede nada pendente e viviría ese tempo que se ha esgotar.

—¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?

Coido que xa dei algunhas pistas co que respondín ao que faltaba e sobraba nas nosas letras… Pero centrándome no que dis, déixame que utilice agora a palabra “crise”. Non o fago para escudarme nela, senón para non esquivala e para que a xente que lea esta entrevista non pense que non a teño en conta e vivo noutro mundo. E agora respondo: eu penso que o momento que nos toca vivir temos que afrontalo. Para min o pasado nunca foi mellor que o presente. Sinceramente, o pasado xa non existe. ¿E como é o presente? Éche o que hai. Incertidume, medos, éxito, fracaso… ¿A cousa está mal?… Négome a queixarme. Eu quero construír. Hai que ser positivo, mais non simplemente dicilo. Hai que implicarse. E eu estou totalmente implicado no panorama actual, no presente da nosa literatura, á procura de lectores, de romper fronteiras, de convencer á xente de que é posible crear en galego para o resto do mundo. E non o digo por dicir, e menos aínda por quedar ben. Demóstroo con feitos: des que cheguei a Galicia publiquei algunhas novelas e, sen ter en conta os números do ano 2012 (porque as editoriais aínda non me renderon contas), vendéronse uns 15.000 exemplares destas obras. Tamén me traduciron obras escritas en galego para o catalán. E do catalán e o castelán para o galego. Hai que crear sinerxías. E o movemento conséguese camiñando, digo eu.

—Se desexas facer algunha outra consideración, túa é a palabra.

Só un apuntamento. Nisto chamado literatura galega contamos todos: editores, libreiros, maquetadores, ilustradores, críticos, comerciais, correctores, tradutores, autores, lectores habituais e os outros moitos que aínda faltan por incorporarse. Precisamente a iso estou eu: á caza do lector que non ten hábito de lectura en galego.

Armando Requeixo

Comentarios pechados