Menu Xerais

«Pereiro estaba á marxe do ruído do mundo, pero non da sociedade», asegura Ana Acuña a raíz da publicación da «Poesía completa»

«Pereiro estaba á marxe do ruído do mundo, pero non da sociedade», asegura a profesora Ana Acuña, responsable da edición da Poesía completa de Lois Pereiro, publicada por Xerais, nunha entrevista de Camilo Franco que sae hoxe en La Voz de Galicia. Reproducímola integramente:

«Pereiro estaba á marxe do ruído do mundo, pero non da sociedade»

Ana Acuña, editora da obra poética completa de Lois Pereiro en Xerais

Edicións Xerais de Galicia acaba de publicar a obra poética completa de Lois Pereiro. Ana Acuña foi a responsable desta edición, que ofrece unha dimensión «máis global».

—Unha vez que se reúne nun volume a poesía de Pereiro, ¿que nova dimensión aparece?

—Penso que a poesía reunida nun único volume dá unha dimensión máis global da vida e da obra de Pereiro. Así, creo que a poesía completa axuda a visualizar a súa evolución poética, a reparar nas características da súa obra (por exemplo, o hibridismo lingüístico en «cinco idiomas traballosamente interpretados», como el escribiu) e a comprobar a súa preocupación pola lingua na procura do mot juste en cada poema. Ademais, o coñecemento da súa poesía permítelle ao lector relacionala coa obra en prosa, decatarse das súas preocupacións sociais e do seu compromiso co galego dende os 17 anos, cando decidiu que esa sería a súa lingua poética.

—Fala na introdución do profundo coñecemento da cultura e da contracultura.

—A obra de Pereiro dá unha idea do coñecemento do que el denominou «afiado terrorismo literario austro-alemán», pero tamén do coñecemento da literatura norteamericana, dos movementos musicais, cinematográficos, do atlantismo? Non esquezamos que el deixou dito que a súa xeración «viviu coas portas abertas a todos os mundos» fronte á realidade mediocre e censurada.

—¿Como situaría a Pereiro en relación coa xente da súa xeración?

—Pereiro andou un camiño senlleiro e independente, a pesar da súa inclusión dentro da xeración dos oitenta. Nunha entrevista a Luís Díaz dicíalle: «Non formo parte de ningún grupo poético, ademais hoxe xa non os hai».

—¿Como cre que pesan as circunstancias vitais de Pereiro na lectura da súa poesía?

—El mesmo declarou ese peso das circunstancias vitais, máis presentes no último libro, «moito máis encarnado no sangue, na vida, nas vivencias que transcorreron nestes últimos anos da miña vida».

Pereiro foi unha figura máis ben a distancia dos academicismos. ¿Como ve en relación con iso a celebración do Día das Letras?

—Estaba á marxe «do ruído que xera nesta época o mundo», pero non do idioma nin da sociedade do seu tempo. A poesía de Pereiro entronca coa vida (en todos os sentidos, bo e malo) e que este ano todos esteamos pendentes del demostra que a disidencia pode ser parte do sistema e que -como escribiu Castelao- «hai sitio para todos».

Camilo Franco

Comentarios pechados