Menu Xerais

«Pingueiras e tarteiras», crítica de Paula Fernández

Sobre Pingueiras e Tarteiras

A compañía do Circo do Paraugas chega ao palacio Grisallo na procura dun lugar onde poder exhibir o seu espectáculo. A tarefa non é doada e as malas interpretacións e as conversas e situacións caóticas sucédense, mais o que realmente acontece é unha inundación de fantasía, da maxia e do colorido do espectáculo circense, nun espazo gris que lles dá a volta aos tópicos e que valeu para que Teresa González Costa se fixese co III Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil en 2008 e, ademais, atraese a atención do Teatro do Andamio para realizar a súa representación.
Uns personaxes dicotómicos que se enfrontan e fan que o desenvolvemento do acto sexa continuamente interrompido. Por unha banda a raíña con todo o seu protocolo -polo menos en aparencia- e pola outra os membros do Circo do Paraugas; Chapeu Torto -director-, Culleriña -funambulista-, Pelo Teso -mimo- e Zapatóns -pallaso- co seu espectáculo, que se ben noutro tempo fora esplendoroso agora se converteu nalgo decadente e cheo de pingueiras igual ca o castelo da raíña.
Cómpre salientar varios aspectos desta obra que, amais da orixinalidade e vivacidade -o ritmo do único acto que a compón é frenético-, transmite e recrea momentos musicais e especialmente máxicos cando a auga entra polas fendas e as pingueiras producen música ao caeren nas tarteiras, un son, mais ben un efecto, que dunha maneira abraiante é reproducido na lectura e que dende logo debe ser extraordinario de escoitármolo nunha boa representación, un algo semellante ao recurso musical da factoría do filme Dancing in the dark  de Lars Von Trier.
Á beira desta sonoridade resultan tamén rechamantes e divertidos os lapsus linguae da raíña que provocan a mofa do resto dos personaxes, e tamén de quen le, no intre que escoitan cousas como insolvente en lugar de insolente ou desenmascarado no canto de descarado. Esta tendencia ao disparate enriquece o texto e incide nese camiño cara á recreación do caos.
É tamén salientable a caracterización dos personaxes que, lonxe de caer no exceso, amosa tópicos -coma o do maimiño erguido- que describen dende a súa sinxeleza caracteres sociais doados de identificar, ou fermosas imaxes como a da funambulista na cunca e a da carpa paraugas.
Caos e desorde perfectamente ordenados nun texto divertido para rapaces e rapazas. Paula Fernández

Texto publicado en «Faro das Letras», suplemento de Faro de Vigo, 26-11-2009

Comentarios pechados