Menu Xerais

«Pirata», recomendación de Xosé Carlos Caneiro

Xose Carlos Caneiro recomendou o pasado sábado, 3 de outubro, na súa sección «Club Dandi» do suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia a novela Pirata de María Reimóndez. Caneiro considera que Pirata non é unha novela de aventuras, «senón unha novela de pensamento (desas que apenas se editan nas literaturas contemporáneas), onde o primordial é a sua prosa» Reproducimos o texto completo:

Amo as novelas de piratas. Incluso fun lector de Philip Gosse e a súa apaixonante Historia da piratería. Gústanme Salgari e Stevenson, Conrad e Walter Soctt. cando mirei a portada da nova novela de María Reimóndez esperaba encontrarme cunha suculenta historia de piratas, pero non foi así. Pirata é outra cousa. Non unha novela de aventuras, senón unha novela de pensamento (desas que apenas se editan nas literaturas contemporáneas). Quizá moitos consideren que estamos diante dunha novela feminista, maniquea, onde o lado grato acae no sexo feminino e o ingrato, obviamente, no masculino. Esta consideración (aínda que fundamentada) non sería xusta porque obviaría o cerne deste texto. E o primordial é a súa prosa. Reimóndez ten oído literario, esa virtude tan escasa. Velaquí o sobresaliente desta novela que fala de liberdade, de procuras que conducen á desesperación, de homes e mulleres de conciencia extraviada que afanosamente buscan o seu lugar no mundo. reitero, paréceme unha óptima novela que ten moito de reflexión, de filosofía vital, de ousadía e de valentía neste mundo onde a literatura de piratas xa non ten outra razón que non sexa a aventura. Por iso, porque Reimóndez quere distanciarse do establecido no alento da súa propia voz, xulgo intensa e orixinal esta novela. Xosé Carlos Caneiro

Comentarios pechados