Menu Xerais

“Poemar o mar” ábrenos, sobre todo, os ollos e os oídos ao ritmo das frases, ao papel da rima, aos xogos coas palabras.

Antonio García Teijeiro publicou no seu blog Versos e aloumiños un artigo de Manuel Veiga sobre o libro  Poemar o mar de Antonio García Teijeiro, ilustrado por Xan López Domínguez.

 

  Poemar o mar, a poesía de García Teixeiro desde outro punto de vista. Un artigo de Manuel Veiga

Coa chegada á madurez, a poesía de Antonio García Teixeiro vaise facendo máis diáfana, até mostrar con claridade a súa principal característica, que non vai provir dos temas. Poemar o mar, o seu último libro, editado por Xerais, na colección Merlín, é un exemplo moi apropiado.

Neste libro, o último da súa recente triloxía de materia chamémoslle oceánica, hai por suposto peixes, mariñeiros e sereas, pero resúltanos máis fácil que nunca desprendernos destes leitmotiv para descubrir que o verdadeiro traballo de García Teixeiro está centrado, como xa viña mostrando ao longo de boa parte da súa traxectoria, na linguaxe.

Poemar o mar ábrenos, sobre todo, os ollos e os oídos ao ritmo das frases, ao papel da rima, aos xogos coas palabras. Esta liña poética do autor –pois ten outras que se moven nunha clave diferente– converte os seus libros nunha especie de taller literario, no que se reflexiona e se aprende a manexar a lingua non de forma abstracta, non a través de exercicios máis ou menos atinados, senón através dos propios poemas.

É a propia obra a que se abre sobre si mesma para mostrarnos a súa cociña secreta. E faino através das formas básicas e máis importantes da literatura.

Resulta xa moi sabido polos seus lectores e pola crítica que Antonio García Teixeiro ten un bo ouvido musical que permite que o ritmo sexa case sempre un dos piares dos seus libros. A iso hai que engadir a súa vontade de xogo. Dentro de Antonio hai unha parte infantil que gusta deses enredos coas palabras, de variar e transformar significados, a través da asociación e o azar inconsciente.

Antonio traballa, en xeral, coas figuras máis elementais da retórica. Quérese dicir cos primeiros tropos aos que unha persoa ten acceso e un neno ou nena debe aprender a dominar para converterse en bo lector.

Facendo un paralelismo coa música, poderiamos dicir que ler este libro, a poder ser en voz alta, representa para un lector en cernes algo parecido a asistir a unha lección de solfeo. Poemar o mar transmítenos, do mellor modo posíbel, é dicir desde a poesía e a súa inherente beleza, a arte literaria e móstranos a ese Antonio máis humilde e, ao tempo, quizais máis valioso, que é o Antonio artesán, acolledor e amábel cos futuros lectores.

Lonxe, polo tanto, do catálogo de animais e personaxes que caracteriza outra póla moi diferente da poesía infantil, en Poemar o marnon aprendemos moito do mar nin dos seus elementos propiamente ditos. A proba de que o autor non busca, en ningún momento, este tipo de lectura ou de interpretación é que non se afasta nunca dos motivos habituais, desprendidos de singularidade: un peixe xenérico, un mariñeiro xenérico, o fondo do mar, as sereas, a auga salgada, as buguinas. En cambio, dános unha pista sobre a verdadeira razón de ser dos seus versos, ao citar numerosas veces as expresións: verbas, versos, poeta, caderno, papel, recitar, mensaxe, etc.

Os versos de Antonio García Teixeiro conteñen ademais, igual que outros libros seus que inciden nesta mesma liña, un vocabulario tipicamente poético: flores, soños, dozura, vento, andoriñas. Sucede, coma na pintura da Idade Media, na que os motivos acostuman a ser sempre os mesmos: a natividade, a adoración dos Reis, a crucifixión. O poeta, como aqueles pintores que encumiaban a relixión por encargo, estanos dicindo que o tema non é o fundamental, senón a recreación que facemos del. E non só a forma particular de mostralo, senón incluso a técnica que se debe utilizar para escribir-pintar ben. García Teixeiro non é así, nestes poemas, un poeta figurativo, senón un autor que estuda as cores e o trazo e que volve, unha e outra vez, sobre o mesmo tema, probando todos os ángulos de luz baixo os que pode ser mostrado, como nesas series consecutivas nas que Monet representaba, case na mesma posición, as plantas acuáticas do seu xardín de Giverny.

Velaquí un libro, no ronsel doutros do mesmo autor, moi útil para que os mestres contaxien os lectores máis pequenos do pracer de xogar coas palabras. Un pracer polo que os nenos e nenas se senten de seguida atraídos, a pouco que se lles dea a oportunidade. O que está en liza non é só a súa futura capacidade para expresarse, importante en case todas as facetas da vida, senón tamén, como hoxe se sabe, a propia conformación da parte do cerebro que controla a linguaxe. Antonio consegue que ese exercicio se faga através da beleza e da diversión.

Por último, hai que resaltar a boa factura estética e física desta colección Merlín. E, nese marco, encaixan moi ben os debuxos de Xan López Domínguez, un dos mellores ilustradores cos que contamos, algo relevante tendo en conta o bo nivel da maioría. O estilo de López Domínguez, entre a figura, a abstracción e o xogo surrealista, identifícase ben coas intencións do libro.

Realmente, non era de peixes do que Antonio –e o debuxante– nos querían falar. Se o volvemos ler, dámonos conta de que o propio título do libro era xa ben indicativo.

Comentarios pechados