Menu Xerais

«Poesía galega completa» de Ramón Cabanillas, presentación nas xornadas do Pen Club

Coincidindo coa celebración en Cambados das Xornadas literarias «Ramón Cabanillas, a modernidade na poesía galega», organizadas polo Pen Club Galicia, o sábado 28 de novembro, o editor Manuel Bragado presentou o volume Poesía galega completa de Ramón Cabanillas, preparado polos catedráticos Xosé María Dobarro e Xosé Ramón Pena. O editor de Xerais anunciou a publicación a comezos de 2010 no seo da Biblioteca das Letras Galegas das edicións de No desterro, preparada por Xosé Ramón Pena, e Samos, preparada por Xosé Carlos López Bernárdez, así como un volume de ensaios sobre Cabanillas do académico Francisco Fernández Rei.

Este volume, preparado polos catedráticos Xosé Ramón Pena e Xosé María Dobarro, reúne todos os poemarios publicados por Ramón Cabanillas, así como a súa obra poética dispersa, introducindo importantes novidades ecdóticas con respecto ás dúas edicións de obra completa anteriores, tanto a publicada en 1959 nun único volume polo Centro Galego de Bos Aires como a editada por Xesús Alonso Montero entre 1979-1981. O establecemento dun novo índice de poemas, a confección dunha táboa de correspondencias entre os textos aparecidos en diversos volumes, a inclusión de numerosas novidades con respecto ao seu lugar de publicación e o rigor na actualización da edición textual fan deste volume un referente para o coñecemento da obra dun poetas primeiros en lingua galega do século XX.

Poesía galega completa de Ramón Cabanillas chegará ás librarías a vindeira semana.

Comentarios pechados