Menu Xerais

Poetas en guerra: «O silencio», de Marío Regueira. Anotación de Xosé Manuel Eyré

O crítico Xosé Manuel Eyré publica no seu blog Ferradura en tránsito outra anotación sobre O silencio, de Mario Regueira.

Estamos en guerra

Veño de escribir a  crítica de O silencio, de Mario Regueira.

Remata así: En defintiva, eis unha poesía brutalmente supraxenérica, na que tan ben se recoñecen microtextos nacidos á beira do feito poético como estes poden derivar noutros de carácter descritivo, interpretativo ou narrativo. Pois velaí o que non pode faltar, a interpretación, a menos  que  a lectura sexa tan baleira como a cegueira dos que non saben que estamos en guerra.

Non quixen incluír na crítica o que agora vou escribir, pois volvería esta demasiado extensa, mais hai un dato moi a ter en conta. A poesía  está a nos avisar dunha guerra que a maioría da xente non ve, a guerra contra o imperialismo. E non é só a voz de Mario Regueira a teimar nisto. Se cadra mesmo se podería falar dunha xeración de poetas en guerra ( contra o imperialismo), onde habería que incluír outras voces como a de Oriana Méndez, por exemplo. Porén non é no número e nome de compoñentes onde eu incidiría, sempre che esquecería algún, senón no grao de convicción formalmente expresado. Porque desde os noventa a hoxe deben ser moi poucos @s poetas non convencid@s da guerra contra o capitalismo, moi poucos. Mais formalmente  non todos optan por levar esta guerra aos seus textos, e entre os que o fan tampouco o grao de convicción se expresa por igual.

E se procuramos antecedentes, Méndez Ferrín. Non sen pasar popolo tremendo ascendente de Chus Pato na poesía a partir dos 90.

Xosé Manuel Eyré


Comentarios pechados