Menu Xerais

«Poñente», de Pere Tobaruela, en Radiofusión: da Pobra do Caramiñal a Mugardos

A web de Radiofusión publica unha información sobre  Poñente, de Pere Tobaruela.

 

 

Da Pobra do Caramiñal a Mugardos

“Os cataláns mercaron terreos grandes, as mellores propiedades. Aos mariñeiros e aos seus empregados pagábanlles unha miseria, así podían facer negocio. Pouco a pouco foron perfeccionando os métodos de salga. Tamén adquiriron equipos, prensas. Daquela o negocio colleu folgos.

É un fragmento da novela “Poñente” de Pere Tobaruela, na que se aborda a peripecia dos cataláns que se achegaron a Galicia no século XIX. Montaron a industria da salga, fábricas de curtidos e comerciaban con viños,  en localidades como Ares, Mugardos, Maniños e a Pobra do Caramiñal. Aos pescadores pagábanlle poucos cartos, pero era un salario seguro, afirma Tobaruela.

Segundo o libro “Historia de Mugardos”, os fomentadores cataláns comezaron a chegar a Mugardos a finais do século XVIII. Adícanse á explotación e comercialización da sardiña. Introducen novas artes de pesca e construen varias fábricas de salgadura, para comercializar o produto e exportalo ao resto da península. Dende O Seixo ata A Redonda, chegaron a funcionar 9 fábricas de salgadura.

Desas fábricas fala a novela “Poñente”, porque o poñente e a súa luz guían os dous protagonistas: Carme e Josep. Carme é unha muller de hoxe en día mergullada nun fondo proceso de cambio emocional. Para ela a luz do poñente ten un perfil concreto: unha galega chamada Sarela que, entre outras cousas, a obriga a cuestionarse a súa identidade sexual.
Atendendo a coordenadas temporais diferentes, o poñente tamén constitúe o horizonte persoal de Josep Sadurní, un dos pioneiros cataláns do século XIX que emigraron cara a terras galegas e que asentaron aquí para sacar adiante con éxito a industria da salgadura, marcando para sempre o devir da poboación da beiramar deste país. Carme é unha profesora que, motivada por Sarela, comeza unha investigación sobre os industriais cataláns que se dedicaron á salga. Esta pescuda ábrenos unha fiestra ao coñecemento das relacións entre Cataluña e Galicia.

Comentarios pechados