Menu Xerais

Premio Irmandade do Libro ao mellor libro infantil e xuvenil do ano para a potente triloxía «Ámote Leo A.», de Rosa Aneiros

O xurado do Premio Irmandade do Libro, que organiza a Federación de Libreiros de Galicia concedeulle o pasado sábado o galardón ao mellor libro infantil e xuvenil do ano á triloxía Ámote Leo A., de Rosa Aneiros no transcurso dunha cea celebrada na vila de Rianxo. A triloxía Ámote Leo A. está formada por tres novelas: Destino Xalundes, que se publicou o pasado mes de outubro; Estación de Tránsito, que se publicou o pasado mes de febreiro e Terminal de chegadas, que se publicará no vindiero mes de xuño. Os tres volumes son, en palabras da súa autora, novelas «de iniciación, con aventuras, diálogos e destinadas ao público xuvenil». Un dos aspectos máis singulares da triloxía é a intención de Rosa Aneiros de achegarse ás novas xeracións a través dunha ollada optimista e esperanzada: «Con Leo A. quería ofrecerlle á xente nova outras maneiras de vivir, con horizontes de esperanza», asegura a autora nesta entrevista do Diario Cultural da Radio Galega.

A triloxía dá conta das aventuras e desventuras dunha moza que acaba de rematar os seus estudos universitarios e inicia unha viaxe polo mundo que a levan a coñecer fascinantes personaxes moito máis lonxe do que nunca imaxinara. Lisboa, Barcelona, Granada, Marrakech, O Cairo e Istambul serán as primeiras escalas desta apaixonante viaxe durante a que a protagonista é perseguida por unha enigmática pintada que aparece nos lugares máis insospeitados: «Ámote Leo A.».

Logo dunha fermosa campaña que diversos centros de ensino levaron a cabo cos estudantes a través de Twitter empregando chíos que se identificaba coa etiqueta #ÁmoteLeoA., Xerais está a preparar neste momento unha páxina de Facebook que sirva como canle de expresión e comunicación para as aventuras e desventuras da protagonista, Leo A., así como canle de participación para os lectores e lectoras da triloxía, que teñen mostrado o seu entusiasmo de xeito unánime, tal e como comenta a estudante Sonia Troitiño Loureiro, no blog As estelas dos ronseis: «Ámote Leo A é un libro que se quedou cun chisquiño do meu corazón», ou como valora o tamén estudante Jean Michel Vidal: «Se estás pensando en facer algo importante na túa vida e cumprir os teus soños pero non tes valor para facelo recoméndoche rotundamente este libro». Ningún comentario desmerece o a triloxía: «foi un dos mellores libros que podía ler arestora, cheo de frase que me fixeron pensar e cambiar a miña forma de ver a situación nun momento no que considero que o precisaba», escribiu a estudante Rocío Fernández Cuíña; «Sentín cada lugar que viaxaba e cada sentimento que a protagonista viviu», escribiu Antía Buján Dobarro.

Tanto Destino xalundes, o primeiro volume da poderosa triloxía de Rosa Aneiros, como Estación de Tránsito e os seguintes, están orientados ao público xuvenil pero sitúanse nesa fronteira na que os libros non teñen idade. A autora declarou no programa da TVG ZigZag que tamén tiña entre os seus propósitos feminizar a Marco Polo, apostando por unha protagonista feminina valente, decidida e independente, moi lonxe dos estereotipos patriarcais que frecuenta algunha literatura comercial que resulta narcótica e redutora para o rol e a imaxe das mulleres.

O que resulta evidente é que Rosa Aneiros ofreceunos, unha vez máis, o poder da súa prosa imantada, que é «todo un agasallo», en palabras de Pilar Ponte, A Profa, quen tamén aclara, a respecto do anterior, que Leo non se parece en nada á Barbie. Unha vez máis, a de Rosa Aneiros é, como nos ten afeitos, unha aposta pola literatura de calidade que, ao tempo, ten poder de sedución.

 

 

 

Comentarios pechados