Menu Xerais

Presentación en Compostela de «Para unha crítica do españolismo» de Camilo Nogueira

Galicia Confidencial publica unha información sobre a presentación, esta tarde, do libro Para unha crítica do españolismo de Camilo Nogueira, na Biblioteca Ánxel Casal de Compostela, organizado pola Asociación Cultural O Galo.

 

 

Nogueira presenta «Para unha crítica do españolismo»

O ex-eurodeputado estará acompañado por Néstor Rego, líder da UPG e presidente da agrupación cultural o Galo.

A Agrupación Cultural O Galo organiza o xoves 22, a partir das 19.00h na Biblioteca Ánxel Casal de Compostela a presentación do libro de Camilo Nogueira ‘Para unha crítica do españolismo’. Na presentación participará o propio Nogueira que estará acompañado do presidente da agrupación cultural O Galo, Néstor Rego, actual líder da Unión do Povo Galego, o partido máis numeroso dentro do Bloque.

O libro do veterano político galeguista consta de seis ensaios e en cada un Nogueira aborda unha temática diferente. O primeiro ensaio, «O marco europeo da cuestión nacional», trata do proceso de estruturación dos estados e da emerxencia das nacións de Europa, procurando evidenciar que os estados e as fronteiras establecidas son consecuencia de causas históricas e condicionamentos materiais e culturais concretos. O segundo, «O reino de Galiza e as orixes do castelanismo», cuestiona a idea de España atribuída ás virtudes e á superioridade de Castela.

No terceiro, «O tempo político dos trobadores», poderemos abordar o marco político de consolidación do galego como lingua de cultura e administración entre os século XII e XIV. O cuarto, «Sobre a Historia General de España de Modesto Lafuente», critica a interpretación que inspira as ideas tópicas sobre o carácter do Estado español como nación.

Xa no quinto, «O españolismo historiográfico no tempo constitucional», examina o estado desa ideoloxía no tempo posterior a 1978 para no sexto e derradeiro, «O intérprete supremo», analizar a sentenza do Tribunal Constitucional sobre o novo Estatuto de Autonomía de Cataluña, que, en opinión do autor, fecha as vías de recoñecemento da diversidade nacional abertas nas pasadas décadas.

O ex-eurodiputado considera que posición  contrasta coas decisións tomadas polas institucións do Estado español ante o ingreso na Comunidade Europea e o desenvolvemento da Unión Europea, cando decidiron a transferencia de competencias en materias expresamente definitorias de carácter e da soberanía estatal.

Desde a Agrupación Cultural O galo convidan a todas e todos aqueles interesados a acompañalos nesta presentación.

Comentarios pechados