Menu Xerais

Presentación na Coruña de “Contos do mar de Irlanda” de Xurxo Souto

O xoves, 11 de decembro, ás 20:00 horas, na libraría Couceiro, Praza do Libro, 12 na Coruña, terá lugar a presentación do libro Contos do mar de Irlanda de Xurxo Souto.

No acto terá lugar a homenaxe a María Antonia unha muller de Santa Lucía que lle deu nome a todo un mar.

Dende o alto da Torre de Hércules -mar e horizonte- terrícolas e terrícolos enchemos o ollo cunha visión extraordinaria. Do cabo Prior, ou Prioiro, até as  illas Sisargas. Exceso de océano ao que agora moitas veces lle din Artabria, e que os vellos patróns chaman Mar de María Antonia.

Porque dende o alto do faro máis vello –Prudencio Romo dixit- o mariñeiro está a ver moito máis. As Acentes, o Carpancho, os Abarracidos, o Mar da Cota, as Tousas de Leste e as Tousas de Vendaval.  Leiras de peixe por debaixo da tona da auga.

Tamén as Maceiras –todo o que hai na terra, haino no mar- e as Lobas pola parte de Caión.  A illa da Marola, a costa de Coitelada, a Cova –fartura de lura diante de Chanteiro-, e as illas Gabeiras. Alén de Prior, cara Cedeira, as pedras dos Cabalos. E máis alá, os camiños do Mar de Irlanda. (Poesía Atlántica)

Dentro da ruta “Da Gaiteira a Monte-Alto. A viaxe ao Gran Sol, sen saír da Coruña”, Xurxo Souto recala este xoves na libraría Couceiro cos seus “Contos do Mar de Irlanda”.

Nesta cita para dar a coñecer entre os terrícolas a talasonimia das augas que rodean á Coruña, “o Mar de María Antonia”, e honrar a memoria desta muller de Santa Lucía que lles deu nome.

Haberá palabra, toque de cornas e acordeón. Gustaríanos moito – se así o quixer- que vostede formase tamén parte desta tripulación.

Medre o Mar !

Deixa un comentario!