Menu Xerais

Primeira impresión de «Extramunde»: Anotación de Xosé Manuel Eyré

Xosé Manuel Eyré publica no seu blog, Ferradura en Tránsito, unha anotación sobre a súa primeira impresión na lectura de Extramunde, de Xavier Queipo.

Primeira impresión de «Extramunde»

Comecei a ler, a nova novela de Xavier Queipo, onte. Non houbo maneira de que puidera deixala até rematar a primeira parte. E agardo ansioso por continuar. Non terei moito tempo hoxe, o día máis atarefado da semana, aínda así é moi probábel que non resista volver abrila.

Sorprende, é o primeiro a dicir. Queipo non foi nunca un autor tirado á clásica maneira de de contar, porén, nesa primeira parte, acolle un discurso de clara pegada clásica. E non lle senta mal, agás algúns momentos onde cae na eacrita en liña, na escrita que aforra pausas e con cas pausas precisas delimitacións sintácticas, do resto logra un discurso ven competente.

Por certo, un clasicismo que vai moi acorde á complexidade da sociedade que retrata. Porque a finalidade é esa, o retrato dunha sociedade complexa, que lida coa vida como pode, e nesa loita está fortemente condicionada por unha relixión católica extremadamente arbitraria, deseñada para o control social mediante o apoucamento do propio ser humano, negadora afevoada e  combetente cruel de calquera que poña en perigo esa supremacía ou simplemente a conteste

Mais se iso é o que primeiro sorprende, o que te mantén preso á novela é ese ambiente tráxico, ese ambiente tráxico no que se moven un bo número de personaxes, bruxas, curas lascivos, homes dunha crueldade tan vertixinosa como epatante, enfermos… unha parte da sociedade que outra parte decide, moi arbitrariamente, tratar como inimigos da moralidade, o civismo e o progreso…cando o único que facían quelas pobres xentes era seren depositarios de cultura e saberes populares

Unhas personaxes moi ben trazadas. Un abano de personaxes moi ben trazadas, moi ben configuradas. Abano, non son dous ou tres caracteres fortes. Hainos fortes e outros que se fan fortes precisamente poal paciencia obrigada do seu carácter subalterno. Mulleres e homes. Ando na angueria de elaborar un dramatis personae.

Outro dos logros, precisamente posíbel porque as personaxes está  así de ben configuradas, é que en pouco espazo condensa un contido semático moi amplo. Ademais de que o discurso non queda fechado en si  propio, resulta moi difícil lelo sen tomar partido. Resulta moi difícil lelo sen facerse preguntas e opinar.

É dicir, trátase dun texto en permanente expansión. E esa expansión non afoga a lectura senón que a alimenta, méteche máis ganas de seguir lendo porque a túa lectura non é pasiva, non asistes a unha historia senón que a participas como lector….porque te atinxe, sénteste afectado por tan arbitraria crueldade.

Son consciente de que lin o que parece ser a primeira parte dunha novela de altura. Porque se así empezou, o lóxico é que aínda incremente o interese con que a leo, o raro sería o contrario, na república das letras o normal é o incremento. Vén a miña cabeza agora o dito sobre a importancia das primeiras páxinas. Non se pode dicir que sexa algo definitivo, porén o raro é lograr un título de altura cun comezo frouxo…

Xosé Manuel Eyré

Comentarios pechados