Menu Xerais

ProLingua convoca unha homenaxe nacional a Agustín Fernández Paz

A plataforma ProLingua organiza unha Homenaxe Nacional ao escritor  Agustín Fernández Paz que terá lugar o vindeiro 30 de xuño en Vigo.

O acto será conducido pola escritora Rosa Aneiros e celebrarase ás 12:30 horas na Sala Auditorio do Centro Social Novacaixagalicia (Rúa Policarpo Sanz, 26). Unha vez rematado o acto haberá un xantar, para as persoas que desexen asistir, programado para as 15:00 no Restaurante Carrís de Vigo ( Avda. Beiramar, 57). A plataforma Prolingua solicita que as persoas que desexen asistir confirmen canto antes a súa presenza, dado que o número máximo de prazas é de 250, que serán reservadas pro rigorosa orde de recepción. Toda a inforamción ao respecto pode verse na páxina de ProLingua.

Manuel Bragado, director de Xerais, escribiu hoxe no seu blog que esta homenaxe é «de estrita xustiza a unha persoa que representa unha extraordinaria dimensión moral. Durante case catro décadas, tanto nos proxectos colectivos nos que participou (dende Adarra e MCEPG, pasando polo Colectivo Avantar e Nova Escola Galega, até Prolingua), como no traballo profesional que desenvolveu como ensinante (na Coruña, Gernika, Mugardos e Vigo, até a súa xubilación), Agustín foi motor infatigable, referente de honestidade e racionalidade, así como de compromiso insubornable coas súas conviccións pedagóxicas, democráticas e galeguistas. E se a isto non abondase, como escritor foi capaz de desenvolver en case vinte e cinco anos unha obra narrativa de calidade, moi coidada, diversa e sempre engaiolante para o lectorado de todas as idades».

Deixa un comentario!