Menu Xerais

Proposta híbrida e rica: «Formig4s. Misión París», de Pere Tobaruela e Andrés Meixide. Crítica de Ramón Nicolás

Ramón Nicolás publicou no seu blog, Caderno da crítica, unha recensión sobre Formig4s. Misión París, o primeiro título da serie Formig4s, escrita por Pere Tobaruela e deseñada e ilustrada por Andrés Meixide.

 

 

Formig4s. Misión París, de Pere Tobaruela e Andrés Meixide

Non é doado atopar novas propostas literarias para ese sector do lectorado que, correndo o risco de xeneralizar, non é quen aínda de abordar lecturas xuvenís, isto é, obras que se amolden ás experiencias lectoras aínda en formación.

   Para paliar esta lagoa Pere Tobaruela e Andrés Meixide publican o primeiro volumen do que constituirá unha serie dentro da que, alén deste título, xa se editou Misión Nova YorkMisión París, así pois, encerra dalgún xeito as liñas xerais da proposta que, en xeral, considero unha idea acaída e desenvolta  con enxeño e rendibilidade.

     Facendo uso dun rexistro inequívocamente literario, sen concesións á franxa lectora á que vai dirixida, Tobaruela artella un orixinal mundo constituído protagonizado por unhas humanizadas formigas entre as que destaca un grupo de investigación afouto, que avanza sempre con convicción cara á resolución dun conflito que abraza as características do xénero de aventuras e mesmo de intriga parapolicial.

    O emprego de recursos tecnolóxicos contemporáneos que nunca antes vira reflectido na trama  dunha novela; a axilidade narrativa que exhibe; o tratamento textual arriscado e innovador con diferentes corpos e tipografías e, sobre todo, unha imaxinativa e aventureira trama que fai reparar, nesta entrega, nun espazo como é a cidade de París- a carón do deseño de personaxes suxestivos para a formación de calquera lectora ou lector que, desde o mundo da pintura ou a escultura, cobran unha nova e inusitada vida. Alén diso o traballo de Andrés Meixide resulta outro dos acertos indiscutibles da proposta ao realizar unha lectura gráfica en clave de banda deseñada.

    Saúdo con satisfacción esta proposta ricaz e híbrida en tantos aspectos á que lle desexo unha moi longa e feliz andaina.

Ramón Nicolás

Deixa un comentario!