Prosa irreverente e máxica, orixinal e transgresora: «A señorita Bubble», de Ledicia Costas. Crítica en Brabádegos
O blog de literatura infantil Brabádegos publicou unha recensión crítica sobre a novela A señorita Bubble, da escritora Ledicia Costas.
Sorrir nos días neboentos
Declarámonos fans, non o podemos evitar, aos do souto gústanos a prosa irreverente e máxica de Ledicia Costas, non podemos negalo e, ademais, lela é sinónimo sempre de diversión, de maxín, de meterte dentro dun libro e non saír del, de soñar, de que te atrape. O novo de Ledicia Costas é A señorita Bubble, ilustrada por Andrés Meixide e publicada en Sopa de Libros por Xerais.
Orixinal e transgresora, a Señorita Bubble é toda unha revolución en varios sentidos para unha vila que cre todo o que o alcalde solta, que é gris, cunha escola gobernada por dúas irmás que pertencen á mafia, totalmente antipedagóxicas, represoras. Sofi e Noa, protagonistas miúdas da historia, descubrirán como a maxia rodea todo alá por onde camiña esta simpática e doce científica. A intolerancia, o medo ao diferente, o empoderamento feminino, a importancia das emocións e dos sentimentos teñen unha importancia vital nesta recomendada e escelente proposta.Única na construción de personaxes, Ledicia volve reafirmarse coma o que é, unha artelladora demundos dentro das páxinas dos libros, ideal para profundizar e abrir as portas do coñecemento dunha maneira sútil, inspiradora, e concretamente neste volume, unha boa embaixadora do respecto ao diferente, ao estraordinario, ao pensamento crítico, un convite á reflexión e ao soño Andrés Meixide completa magnificamente un tándem suxestivo, destece os fíos dese xersei de Vincent que a Señorita Bubble non é quen de rematar (chiscadela ao que nos venden como conciliación familiar), deseña ese vehículo imposible que a transporta, pon as alfaias e as engrenaxes dese mundo Bubble marca rexistrada que despegaría nun país lector normalizado. As súas ilustracións maxistrais convidan a mergullármonos nas páxinas, a camiñar por entre as orquídeas dese invernadoiro espectacular.
Comentarios pechados