Menu Xerais

Puri Ameixide : «Para a arquitectura da novela inspireime nas grandes novelas decimonónicas». Entrevista de Montse Dopico en «Praza Pública» sobre: «Claro de lúa»

O xornal Praza Pública publicou unha entrevista de Montse Dopico á escritora Puri Ameixide sobre o libro: Claro de lúa, publicado por Xerais na colección Narrativa. (Imaxe: Cedida – Praza Pública)


Puri Ameixide: “Estaba farta de personaxes masculinos fascinantes e perigosos aos que redimir e reformar por amor”

‘Claro de lúa’ (Xerais) é unha novela decimonónica, mais pensada desde o século XXI. Con feitura e personaxes clásicos. E co encanto do, simplemente, ben escrito. Cun transfundo social e político que axuda a cuestionar a visión hexemónica dalgún feito histórico. Falamos coa súa autora, Puri Ameixide.

Rosa, unha rapaza orfa, pobre, intelixente, curiosa e bondadosa, parécese á clásica heroína de novela decimonónica. Como xorde esta personaxe? Que ten das heroínas de Austen ou Brönte? Ou é unha comparación, se cadra, esaxerada?

A comparación é moi de agradecer aínda que Rosa en moitos aspectos é unha muller do século XVIII, non do XIX. O XIX vai ser o século da exaltación sentimental, da loita polas liberdades individuais e sociais, pero aínda estamos en 1808 e ela non ten estas aspiracións. Por outra parte as heroínas desas grandes autoras británicas proceden dunha sociedade moi diferente da nosa. A primeira estatística oficial con datos sobre a educación no estado español é de 1841 e informa só un 9,2% de mulleres alfabetizadas. Máis de trinta anos antes, Rosa sabe ler porque así lle conviña á súa ama, pero aí remata toda a súa formación.

A novela leva o título de ‘Sonata en tres tempos’ e adopta diferentes ritmos, nas súas tres partes, segundo vai avanzando a historia. O propio título vén do nome popular da Sonata para piano nº 14 de Beethoven, coa que un dos personaxes “pelexa” na novela. Por que ese ronsel musical e que relevancia ten na técnica narrativa? (Que, por outra banda, tamén é bastante clásica: narrador, progresión lineal, diálogo…)

Inspireime, de feito, nas grandes novelas decimonónicas non tanto para a construción das personaxes senón para a arquitectura da novela e creo que conseguín bastante o meu propósito, aínda que era bastante disparatado: eu pretendía construír unha novela en tres partes, como adoitaban publicarse no dezanove as grandes obras que previamente tiveran éxito por entregas, pero de xeito que, como o protagonista sería un pianista, a obra debía ser unha sonata, e cada unha das tres partes reflectiría o mellor posible o ritmo, o sentimento e os matices da partitura elixida. A sonata 14 de Beethoven, posteriormente denominada “Claro de Lúa” (pois el nunca lle poñería un título tan cursi) ofreceume exactamente a forma e o ton narrativo que eu quería, e por iso cada unha das tres partes da novela ten unha personalidade propia e obedece a unha influencia diferente.

De Charlotte Brönte, xa que preguntabas antes, tomei o ton narrativo da primeira parte, un adagio sostenuto, é dicir, intenso e melancólico pero sen excesos, ademais a miña protagonista é unha rapaza orfa con grandes méritos persoais que se namora do home para quen traballa, pero aí remata toda semellanza con Jane Eyre, quen si que é unha heroína romántica sen fisuras, cunha personalidade moi desenvolvida, froito da resiliencia tras unha infancia terrible pola que Rosa non tivo que pasar.

A segunda parte da novela é máis austeniana, tanto polo triángulo amoroso como polo humor da voz narradora, con intromisións que agora irán in crescendo ata o final, e non se pode negar que Leonor Montenegro é unha versión, un pouco menos perversa, da Mary Crawford de ‘Mansfield Park’. Todo iso axústase perfectamente co ritmo de allegretto do segundo movemento da Catorce.

Respecto á terceira parte, nela reside para min o verdadeiro miolo do asunto, e nela desátase un presto agitato que se corresponde co episodio da guerra. Nunca me atreverei a compararme con Tolstoi pero fixen o posible por contar o episodio galego das guerras napoleónicas ao igual que el contou o ruso: sen faltar á verdade aínda que iso decepcione a algún patriota e reflexionando sobre o papel do individuo nos grandes conflitos globais sen esquecer que “sempre existe en última instancia a decisión persoal e, como di Campos, non son os gobernos os que conviven, senón as persoas”.

A “antiheroína” podería ser, de feito, Leonor, rapaza de boa posición social, tamén intelixente e esperta, mais de non moi bo corazón. Se comparamos ambas -Rosa e Leonor- con, por exemplo, Lela, é difícil non ver nelas distintas estratexias para a sobrevivencia sendo muller no século XIX. Dalgún xeito quixeches reflectir isto na túa novela?

Non creo que Leonor sexa a antagonista de Rosa e por iso tiven coidado en evitar un cara a cara entre elas que non serviría á trama en absoluto. Leonor é coherente co mundo en que se criou, esfórzase en ser a mellor versión posible do que se espera que sexa, e eu compadézoa porque a pobre nunca chega a entender nin a profundidade dos seus propios sentimentos nin as verdadeiras razóns do seu fracaso.

Tanto Leonor coma Rosa compréndense mellor dentro do conxunto de personaxes femininas da obra que por diferentes camiños tentan de adaptarse a unha sociedade onde as súas posibilidades vitais son moi reducidas. Ao meu entender todas elas se complementan e xuntas ofrecen un inventario bastante completo, desde a minguada dona Elvira, pechada na súa casa con medo de vivir, ata a briosa Lela, capaz de descer ao inferno da prostitución, as drogas e a marxinalidade e retornar máis sabia, pasando pola hipocrisía de dona Adela e a sinceridade brutal da Tía Ermelinda, cada unha delas aporta unha perspectiva interesante da vida.

Do lado dos heroes está tamén Don Leandro, representante da baixa nobreza que foi comparado cos fidalgos “comprensivos” e con certa conciencia social de Otero Pedrayo, mais no que quizais o máis relevante é que é un home bo, liberal e instruído, e non un vello -e paternalista- fidalgo. De que xeito pode representar Don Leandro a maneira en que a propia nobreza estaba cambiando nun mundo en transición? En comparación con Don Lucas, por exemplo.

Don Leandro é o personaxe máis inverosímil da obra e fun plenamente consciente disto o tempo todo, pero sentía unha gran simpatía por el e deixeino ser como el me pedía. De parecerse a alguén sería ao Pierre Bezújov de Tolstoi máis que aos fidalgos de Otero, sobre todo cando discute con don Lucas a posibilidade de redimir os foros e acaba aceptando con resignación os puntos de vista do seu amigo, e despois emprende unha serie de accións para mellorar as condicións de vida dos seus labregos, que afortunadamente reaccionan mellor que os muzhiks de Pierre.

Mentres escribía, máis dunha amiga que exerceu de lectora beta para darme a súa opinión me suxeriu que lle dese profundidade a don Leandro con algún feito oculto e terrible do seu pasado, con algún defecto realmente importante, porque se non carecía de interese, resultaba un personaxe “agradable pero demasiado fácil de esquecer”. O que fixen foi poñer esas reflexións en boca dunha personaxe da novela e seguir adiante coa miña idea inicial, porque don Leandro é un cabaleiro do século XVIII, non un heroe romántico, e fará sempre o correcto, malia que iso poida aburrir ao lector actual.

Supoño que eu estaba farta de personaxes masculinos fascinantes e perigosos aos que redimir e reformar por amor, farta de vampiros e zombies e delincuentes e sicarios e ciborgs e demais caterva inhumana que inunda as narrativas actuais tanto escritas como fílmicas. Tamén é absolutamente irreal a sociedade en que don Leandro se integra. É certo que houbo unha importante emigración a Nova España no XVIII e que trouxo de volta a persoeiros relevantes da vida local, pero A Guarda seguiu sendo unha humilde vila mariñeira, e as fermosas casas de indiano que hoxe contemplamos no lugar son moi posteriores ao tempo da novela.

Non creo que quixeses facer unha novela histórica, pero o transfundo histórico está moi presente. Por que decidiches situar a acción no Baixo Miño? A voz narradora reflexiona, ademais, sobre a chamada “Guerra da Independencia” dicindo que foi máis complicado ca unha loita dos patriotas españois contra o pérfido invasor francés na que todos os franceses eran bonapartistas e todos os españois fernandinos…

A idea desta novela xurdiu cando A Guarda recuperou para uso público o castelo de Santa Cruz e ao visitalo descubrín algúns datos curiosos da historia local, por exemplo o desastroso intento de paso do río Miño polo II Corpo do exército imperial, narrado por J. Dominguez Fontela en “La Guardia ante la invasión francesa”. Por curiosidade decidín seguir a esas tropas na súa campaña en Portugal.

Así souben da crueldade inusitada desta campaña, das aspiracións políticas do mariscal Soult no Porto e como por ese motivo chamou alí todas as súas tropas, o cal permitiu a “reconquista” de Vigo entre outras cousas que nunca se nos contaron así, porque desde o momento en que, por iniciativa fernandina por certo, a “Guerra do Francés” pasou a chamarse “Guerra de la Independencia Española” déuselle un enfoque nacionalista español que forzosamente deixaba á parte Portugal.

Contar esta guerra fóra do contexto europeo e de costas a Portugal é un gran erro, á parte dunha falsidade histórica que cada vez se sostén menos, e esa é unha das razóns polas que nin o bicentenario de 2008 nin o de 2012 se puideron celebrar en condicións, xa que a historia oficial está sobradamente desmentida nos círculos coñecedores do tema pero a realidade ten demasiadas sombras que non poden ser celebradas, comezando polo infame papel desempeñado polos Borbóns e seguindo pola actitude británica, consistente en asegurar o comercio con Portugal mentres a sorte do resto da Península era irrelevante, por non dicir abertamente que, dado que España era a gran rival de Gran Bretaña en ultramar, canto máis se desangrase, mellor.

Unha das persoas máis importantes na vida de Rosa é a tía Ermelinda, que ademais de tendeira é meiga -boa-. Rosa parece chamada a ser a súa sucesora mais está ocupada noutras cousas. Nese sentido, non é que sexa unha novela psicolóxica que afonde nas profundidades do pensamento de cada personaxe, mais si parece que quixeches, sobre todo, facer unha novela de personaxes -cun transfundo social e político-. Que papel xogan respecto a iso os personaxes de Ermelinda e Grey respecto a Rosa? 

Hai máis tópicos históricos que quixen desmontar e un deles é o do século XVIII como século das luces. James Grey serve de nexo cun século XVIII de pícaros e moinantes, de espiritistas, de sedutores promiscuos e vendedores non só de crecepelo senón de crecediamantes (si, eran moi populares os elixires máxicos que aplicados a un diamante o facían aumentar de tamaño). Tamén foi un século de represión, de xusticieiros iluminados dispostos a cortar cabezas literalmente. Todo o que James conta, por exemplo sobre a xénese da Revolución Francesa, sobre a Inquisición papal e sobre a corte napoleónica é rigurosamente certo.

Comentarios pechados