Menu Xerais

«Quéroche contar un conto», libro solidario coeditado con Aspanaex

Mar Mato faise eco nas páxinas de Faro de Vigo do acto de presentación de Quéroche contar un conto, o libro solidario coeditado con Aspanaex.

Arancha e Raúl teñen un segredo, máis ben, varios. Son capaces de nomealos polas cores que imaxinan como se fosen caramelos de historias. Os dous personaxes non existen, pero poderían ser reais.  O libro Quéroche contar un conto (Xerais) deulles o soplo de vida. Tamén o recibiron os seus ilustradores, Adrián Saavedra, Estefanía Galán, Inés Maraleda, Mateo Darriba, Gonzalo Adrover e Ana Belén Fernández. Os seis, con idades comprendidas entre os 16 e os 32 anos de idade, son membros de Aspanaex e recibiron a encomenda de ilustrar cinco contos dos escritores An Alfaya, Francisco Castro, Xosé Cermeño, Agustín Fernández Paz e Irene Pérez Pintos.

«A idea xurdiu de Cristina, unha nai de Aspanaex –lembra Beatriz Macías– que tiña a ilusión de mostra-la capacidade que teñen as persoas con discapacidade intelectual. Propúxolle a cinco escritores galegos facer un conto para un libro. Despois, as profesoras Carmen e María José léronos ós rapaces que foron debuxando». O resultado é «un libro sinxelo onde hai moito amor, cariño e entrega. O bonito foi ve-la simbiose dos dous traballos», explica An Alfaya quen recorda que «non o pensei dúas veces« á hora de dá-lo si a esta iniciativa «altruísta». A obra inclúe relatos e fábulas como «Unha amiga secreta», de Fernández Paz, unha historia sobre Nerea, unha serea minúscula, que se convirte nunha Sherezade na vida da nena Branca. En «Cousas que facer un día de chuvia», Irene Pérez Pintos plantexa unha chea de cousas que facer para liberarse do que molesta co gallo de disfrutar do son da chuvia e da imaxinación dunha tarde con «ás con plumas brancas».

Pola súa banda, Maite Gimeno faise eco nas páxinas de Galicia hoxe e El Correo Gallego do acto de presentación do libro no Marco ao que acudiron máis de duascentas persoas. Na fotografía os autores dos textos e os ilustradores da obra.

Comentarios pechados