Menu Xerais

Ramiro Fonte, Premio Porto Magno

Segundo informa hoxe no seu blog o xornalista Perfecto Conde o próximo luns, 28 de xullo, ás 13 horas, no pazo do Concello de Ferrol, terá lugar o acto de homenaxe do mundo das letras ao escritor Ramiro Fonte. No seu transcurso, seralle entregado o Premio Porto Magno polo conxunto da súa obra, que lle foi outorgado por un xurado composto por Julia Uceda (Premio Nacional de Poesía), Iolanda Díaz (concelleira de Cultura de Ferrol), Félix Villares Mouteira (chanceler da Curia da Diócese de Mondoñedo-Ferrol e un dos mellores coñecedores da poesía galega do século XX), Miguel García-Posadas (presidente da Asociación de Críticos Literarios de España), Ramón Pernas (director da Fundación Ámbito Cultural de El Corte Inglés), Segundo Leonardo Pérez López (catedrático da Universidade Pontificia de Salamanca e coengo da catedral de Mondoñedo) e Ramón Loureiro (xornalista e escritor). Está prevista a asistencia do ministro de Cultura, César Antonio Molina, e van ser moitos sen dúbida os representantes da cultura e das letras galegas, da política e da vida soial, que se sumen a esta homenaxe que tanto merece o escritor de Pontedeume, que agora está pasando polo tratamento dunha dificil doenza.

Recomendamos moi vivamente a lectura destoutra anotación de Perfecto Conde e da longa entrevista co autor eumés publicada por Ramón Loureiro no suplemento Culturas de La Voz de Galicia (pode lerse premendo sobre as imaxes). Expresamos o noso agarimo e parabéns a Ramiro Fonte por tan merecido e xusto recoñecemento.

Comentarios pechados