Menu Xerais

Ramón Cabanillas, 50 aniversario: «Poesía galega completa»

Mañá, 9 de novembro, cúmprese o 50 cabodano do pasamento do poeta Ramón Cabanillas. Con este motivo, Xerais anuncia a próxima aparición, tras varios anos de traballo, da Poesía galega completa de Ramón Cabanillas, un volume de 1.032 páxinas preparado polos catedráticos  Xosé Ramón Pena e Xosé María Dobarro. Así mesmo, dentro da «Biblioteca das Letras Galegas» nas vindeiras semanas chegarán ás librarías as edicións de No desterro, preparada por Xosé Ramón Pena, e de Samos, ao coidado de Xosé Carlos López Bernárdez.

Reproducimos o artigo que Manuel Bragado publicou hoxe en Faro de Vigo sobre os actos e publicacións desta importante efeméride literaria:

RAMÓN CABANILLAS 50

Mañá, 9 de novembro, hai cincuenta anos que tras camiño longo morreu en Cambados, Ramón Cabanillas, unha das figuras cimeiras da literatura galega do século XX. Con motivo de tan importante efeméride, no seu concello natal (“… meu Cambados, probe fidalgo e soñador”) véñense organizando ao longo de todo este ano unha serie de actividades cívicas, educativas e literarias, baixo a denominación de “Ano Cabanillas”, que culminarán mañá ao mediodía cunha ofrenda floral e poética no Panteón dos Galegos Ilustres onde dende hai corenta e dous anos están depositadas as cinsas do poeta da raza. Mágoa que non se aproveite esta oportunidade –como nos lembraba moi atinadamente hai pouco o académico cambadés Francisco Fernández Rei– para colocar na capela de San Domingos de Bonaval o texto da encomenda que lle fixera a Eudosia, a súa muller, nos tres derradeiros versos do primeiro poema (“Soño dourado”) da edición de 1921 de “Vento mareiro” (o poemario que dedicou a Cambados): “Quero na lousa que me dé sosego / esta palabra que ten luz: “Gallego” / e esta palabra que ten ás: “Poeta”). Versos que, porén, quedaron gravados no panteón familiar de Fefiñáns poucos días despois de ser alí soterrado.

Homenaxe que, tamén mañá, renderán en Mondariz –onde Cabanillas leu o seu discurso de ingreso na Academia Galega en 1920 (“A saudade nos poemas galegos”), publicou catro dos seus libros e traballou no Balneario durante os anos vinte dirixindo as revistas “Mondariz” e “La Temporada”– os membros da Asociación de Funcionarios pola Normalización Lingüística de Galicia e da Irmandade Xurídica Galega coa intención de reivindicar a actividade profesional de Ramón Cabanillas en Cambados, Cuntis, Dozón, Meis, Mos, Moaña, Redondela e Silleda, e convocar aos alcaldes destes concellos onde traballou como funcionario para asinar a chamada “Declaración de Mondariz Balneario”, un documento “que pretende consolidar o papel normalizador  das corporacións locais, incluíndo a promoción da nosa lingua nos seus servizos públicos e poñendo os medios para que todos traballadores ao servizo directo ou indirecto da administración local teña unha actitude favorable ao emprego da lingua galega, con coñecemento oral  e escrito suficiente para atender nela ao cidadán”.

Outra importante homenaxe ao autor de “No desterro” é a que realiza Luís Rei, o bibliotecario e técnico de cultural de Cambados, na grande e rigorosa biografía publicada no verán pasado pola editorial Galaxia: “Ramón Cabanillas. Crónica de desterros e saudades”. Un formidable volume de case seis centas páxinas, escrito con clara vontade literaria e fonda admiración ao vate, que reconstrúe con obxectividade o periplo biográfico do cambadés, salientando as súas luces e sen agachar algunhas sombras, e permite un achegamento a acontecementos e situacións claves na historia do país que viviu en primeira persoa: dende a experiencia da emigración cubana, onde en 1913 comezará a publicar os seus primeiros poemarios en galego, até a súa participación nas Irmandades da Fala e no movemento agrarista; pasando pola súa participación activa na Academia Galega durante os anos vinte ao seu ingreso na Real Academia Española en 1929 (o seu discurso de ingreso lembrou a vida e obra de Eduardo Pondal) e o seu conseguinte “desterro” no Madrid republicano, do que non retornaría a Cambados até que as reviravoltas da Guerra Civil o trouxeron de volta. Unha biografía imprescindible para todas aquelas persoas que, máis alá dos tópicos e mitos acuñados polo poeta de riso retranqueiro, queiran afondar nunha figura complexa e poliédrica.

Por último, é indubidable que este 50 cabodano de Cabanillas quedaría coxo sen a posta en día da súa obra poética e a súa presenza nas nosas librarías. Tras anos de intenso traballo, os catedráticos Xosé Ramón Pena e Xosé María Dobarro finalizaron a edición da “Poesía galega completa” de Ramón Cabanillas , un volume de 1032 páxinas que reúne todos os poemarios publicados polo autor, así como a súa obra dispersa, introducindo importantes novidades con respecto ás edicións anteriores, tanto a realizada en novembro de 1959 en Buenos Aires, o maior esforzo editorial galego realizado na emigración (aparecida apenas dous días despois do seu falecemento e editada por Fernández del Riego e Carvalho Calero) como a dos tres volumes editados por Xesús Alonso Montero en Akal entre 1979 e 1981. A publicación agora destas novas completas de Cabanillas, coincidindo coas edicións didácticas de dous dos seus poemarios (“No desterro” de  Xosé Ramón Pena, de “Samos” de “Xosé Carlos Bernárdez), todas as tres editadas por Xerais, constitúen unha nova oportunidade para que as xeracións de lectores galegos do século XXI descubran o “noso gran Cabanillas”. Manuel Bragado

Comentarios pechados