Menu Xerais

Ramón Nicolás: «No plano persoal Celso Emilio Ferreiro era unha persoa que sempre estaba facendo cousas e divertíndose». Entrevista sobre «Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro»

O xornal La Región publicou unha entrevista de Carolina Piñeiro a Ramón Nicolás, que reproduce no seu blog, pola súa biografía Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro:

Dialoguei, hai uns días, con Carolina Piñeiro, xornalista de La Región, ao fío de Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro e foi onte cando se publicou a entrevista no xornal ourensán baixo o titular de «Celso Emilio tiña un aguillón crítico sen parangón». A miña gratitude ao excelente traballo de Carolina Piñeiro e mais ao medio que a acolle polo xeneroso tratamento. Reproduzo abaixo o texto íntegro e mais a fotografía (de Xesús Fariñas).

Di que a estas alturas xa dubida se, sendo neno, viu ó propio  Celso Emilio Ferreiro nunha librería de Vigo; «ás veces xa imaxino que si». Do  que non se pode dubidar é de que  Ramón Nicolás se converteu nun dos maiores  expertos na vida e obra do poeta celanovés gracias a toda unha traxectoria de estudo que sacou ó prelo a biografía «Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro».

Como foi o labor investigador para escribir a biografía?

O número de páxinas que ten xa revela que foi un traballo intenso. De feito a idea de realizar unha biografía xorde no ano 2002. Na celebración do 40 aniversario de «Longa noite de pedra» coñecín a Luis Ferreiro, fillo do poeta e presidente da Fundación Celso Emilio. Abríuseme esa porta e aproveiteina, así como traballos que tiña feito dende que rematara a carreira. Non foi unha década de traballo intenso porque hai fases nas que non se lle pode dedicar todo o tempo que se quixera, pero hai dous ou tres anos recollín a vontade de publicala cara ao 2012 porque era o centenario e considereino a ocasión máis axeitada.

Foron miles as cartas consultadas do seu epistolario.

O libro consta de varias partes. Unha fundamental que é o epistolario, para min unha fonte extraordinaria. Aínda que parte da investigación ven de aí, a biografía tamén se nutriu do estudo de hemerotecas e arquivos. Pero a terceira parte, a das entrevistas, foi a que me axudou máis a reconstruir á persoa. Non recordo o número exacto, de feito quería ter feito máis. Aí manifestáronme o trato persoal contándome quen foi para eles Celso Emilio.

Que foi o máis sorprendente que atopou no estudo?

A época de mozo en Celanova porque a actividade política de compromiso coas Mocidades Galeguistas é fascinante. De feito, o grupo de Celanova converteuse na bandeira de toda Galicia daquela asociación xuvenil, e incluso con Pepe Velo dirixiu a propia Federación de Mocidades Galeguistas dende un posicionamento político galeguista, nacionalista e de esquerdas. No plano persoal, descubríuseme un personaxe moi afable, que sabía escoitar, cos seus evidentes momentos de arrouto pero cun carácter moi popular. Gustáballe gozar coa vida no posible, aínda que tamén é evidente que lle deu moitos golpes.

Neste proceso, supoño que moitas veces desexaría telo diante para falar con el. Se fose así, que lle preguntaría?

Preguntaríalle polas causas que o levaron a incorporarse ó exército, aínda que en parte sei que houbo influencia familiar. Pero, sobre todo, gustaríame saber polos anos destinado en Telecomunicacións en Oviedo, que é cando coñece á súa muller, Moraima. Aí hai un periodo de tres anos nos que eu sei que segue escribindo e enviándolle poemas á familia Prenta de Celanova, pero é un periodo escuro e gustaríame preguntarlle polos seus sentimentos neses anos. A súa propia muller contaba que o que máis a atraera del fora a súa mirada, un tanto ausente. Esa foi a época máis difícil de reconstruír.

Entrevistou a xente que o coñeceu. Con que sentimento o lembran ó falar del?

Isto é algo practicamente unánime. As persoas que eu puiden entrevistar coinciden en subliñar a súa vitalidade. Nun plano persoal era unha persoa que sempre estaba facendo cousas e divertíndose.

O libro leva por título “Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro”, pero cal era o mundo da persoa e do poeta?

O seu mundo está as máis das veces en Galicia porque era onde tiña depositados o corazón e a mente. Un dos elementos arredor dos cales pivotou a súa vida é, sen dúbida ningunha, Moraima. A presenza dela inflúelle dun xeito determinante para darlle outra perspectiva á súa vida, formar familia e botar raíces. O poemario “Onde o mundo se chama Celanova” inclúe unha segunda parte titulada “Moraima, diario de abordo”, que é fermosísimo e unha especie de agradecemento a esa vida compartida.

Da súa autoría é unha das frases que máis ten trascendido no maxín colectivo galego; ese “longa noite de pedra”, empregado en infinidade de contextos.

Foi un éxito extraordinario. É unha frase con varias lecturas pero a que quedou foi ese sentimento de angustia e dor.

Neste sentido, cre que se desvirtuou a figura do poeta?

Ó meu parecer, sufriu certo encaixe na faceta de carácter social ou reivindicativo, unha terminoloxía á que Celso Emilio lle fuxía moito. Aínda hoxe, é o escritor galego que máis musicacións de poemas ten e foi esa popularización a que puido causar un encasillamento ó meu xuízo falso porque tamén é un poeta sentimental, amoroso, intimista e, sobre todo, cun aguillón crítico extraordinario sen parangón na literatura do seu tempo e mesmo na actual. Isto é tamén froito dos moitos imitadores que viñeron despois e que agotaron o modelo.

Cal é o seu poema favorito del?

Buf, vaia pregunta… (risas). Pois hai un que me gusta moito que se chama “Vispras”. É dos últimos que  escribiu e dedícoullo á morte de Blas de Otero, co que tiña moita relación e moita empatía. Pero á súa vez hai tamén unha especie de despedida do mundo por  parte del porque comeza a ser consciente do paso dos anos.

Que supuxo a celebración do ano Celso Emilio Ferreiro para o coñecemento do poeta?

Quizais  este balance debérao facer o presidente da Fundación, pero eu como patrono podo  dicir que a dedicatoria do ano foi todo un éxito. A valoración que se pode facer  é extraordinariamente positiva. Non o digo como parte integrante nin por ter  publicado a biografía, senón polo que eu sei da cantidade de actos, conferencias, xornadas e, sobre todo, polas actividades de carácter docente.

Carolina Piñeiro

Deixa un comentario!