Menu Xerais

Ramón Nicolás recrea un Medievo luminoso en «O espello do mundo»

La Voz de Galicia publicou unha información de X. F. sobre a presentación en Vigo da novela O espello do mundo, de Ramón Nicolás (Foto de Xoán Carlos Gil).

 

 

Ramón Nicolás recrea un Medievo luminoso en «O espello do mundo»

O crítico estréase na novela cunha obra que pescuda na historia dun convento galego e na figura de Hildegard von Bingen

O profesor e crítico literario de La Voz Ramón Nicolás (Vigo, 1966) presentou onte na Feria do Libro da súa cidade natal a súa primeira novela, O espello do mundo (Xerais), unha historia que se remonta a unha Idade media luminosa, afastada da «tópica escuridade ateigada de tebras». Esta primeira obra de ficción ten o seu arranque anos atrás, cando o seu autor descubriu na parroquia Escudeiros de Ramirás, nas terras de Celanova, unha igrexa románica rodeada dun xeriátrico que se ergue sobre as ruínas dun cenobio feminino. Aquela imaxe, de gran potencial simbólico, permitiu a Nicolás encetar unha historia na que dende o presente os seus personaxes pescudan no pasado dese convento e as súas moradoras, entre as que destaca Ona Guiomar, quen mantén unha intensa e reveladora relación epistolar coa mística alemá Hildegard von Bingen.

Ramón Nicolás estivo arroupado na presentación polo subdirector de Xerais, Fran Alonso, a quen agradeceu «multitude de orientacións e consellos xenerosos»; a escritora Marga Romero, «hildegardiana confesa»; e o profesor de tradución e de formación medievalista, José Yuste, en quen o autor recoñeceu a inspiración para atopar «o título exacto da novela». Ramón Nicolás confesou tamén que as súas moitas lecturas como crítico foran deixando un pouso que contribuíu á escrita de O espello do mundo, xa que, como lembrou, «para escribir cómpre ler e cómpre saber ler». Deste xeito, citou algunhas achegas a este período como as de Luísa Villalta ou Darío Xohán Cabana, ademais de citar como influencias as lecturas de textos de autoras como Marilar Aleixandre, Begoña Caamaño ou especialmente Herba moura, de Teresa Moure, e a súa estrutura de patchwork literario.

Para Ramón Nicolás, esta incursión no Medievo é tamén un exercicio de memoria, cun epicentro claro, o de Ramirás: «De memoria quixen falar neste libro, da memoria dun lugar concreto, da memoria dun tempo concreto. A igrexa conservada de San Pedro de Ramirás, e os seus arredores, pedían que se contase a súa historia». O outro eixo de fascinación era Von Bingen, «símbolo do protofeminismo e mesmo da protociencia, da música, da ilustración e de tantos e tantos ámbitos do saber». O autor pechou a súa intervención precisamente cunha cita da mística xermana: «Que os afectos prendan e perseveren nas vosas vidas».

Deixa un comentario!