Menu Xerais

Ramón Vilar Landeira: «Este libro pode ser unha novela frustrada, ou un libro de relatos, ou simplemente literatura» Entrevista no «Praza Pública» sobre «Un peixe no parqué»



O xornal Praza Pública publicou unha entrevista de Montse Dopico a Ramón Vilar Landeira sobre o libro: Un peixe no parqué. O libro está publicado por Xerais na colección: Narrativa. (Imaxe: Pablo Quinteiro – Praza Pública).

 

RAMÓN VILAR LANDEIRA:

“O que marca o escenario post-crise é un cambio mental. Asumimos o discurso de que a xente vivía por enriba das súas posibilidades”

As expectativas incumpridas, a aceptación da realidade e, malia todo, a esperanza. Sen chegar á inxenuidade. Así podería condensarse, en poucas palabras, o contido de ‘Un peixe no parqué’, (Xerais), a segunda obra de narrativa de Ramón Vilar Landeira. Que é a un tempo novela e libro de relatos. Mais iso é o de menos, nun feixe de historias apegadas á vida cotiá da clase traballadora actual, é dicir, da -inmensa- maioría social. A que perdeu, no escenario post-“crise”, ao asumir a precariedade -ese eufemismo da explotación e da pobreza, en distintos graos- como algo normal.

 


Fala o limiar do libro dun escritor frustrado que non apagou de todo unha faísca, polo que esta volveu prender…

Non é propiamente un limiar: é parte do libro. É un xogo cun hipotético autor, que non teño por que ser eu, que serve de preámbulo do que vai atopar no libro quen o lea: unha sucesión de pequenos fracasos e esperanzas, porque sempre hai unha loita por mellorar, con todas as adversidades que poidan xurdir.

Non é nin novela nin libro de relatos propiamente. Nin é algo relevante a mestura, en realidade. Non é, por suposto, a primeira vez que se fai isto, mais tampouco é o máis habitual… 

Iso é parte do xogo: xente próxima sempre me escoitaba dicir que para min era imposible facer unha novela, facían chanzas polo pequeno tamaño do que escribo… Cando empecei con este libro, na miña cabeza era unha novela, pero no proceso decateime de que era un libro de relatos… Mais si, para min non é importante se é novela ou libro de relatos, aínda que si haberá xente á que lle pareza relevante. Hai xente que considera que un libro de relatos é un quero e non podo facer unha novela… Non sei. Eu penso que pode ser unha novela frustrada, ou un libro de relatos, ou simplemente literatura.

Varios relatos falan sobre a morte. Desde o primeiro, sobre os familiares que falecen en maio, ata un dos últimos, sobre o home que sabe que van matalo nuns minutos. A consciencia da morte como parte da vida, e a súa aceptación, están moi presentes no libro. E o paso do tempo, en relación con isto.

O libro acaba de saír e hai poucas entrevistas, chegáronme comentarios de pouca xente… Mais si, o que dis é un tema para min central no libro, que case ninguén destaca. Non é un ensaio, non é a morte como leit motiv tampouco, pero si hai unha consciencia da fuga do tempo, que vai irremediablemente ligada á morte. Supoño que ten que ver con que ata certo punto maduramos, cumprimos anos, polo camiño vai quedando xente á que queremos, e iso vai conformándote como persoa.

Quero dicir que a consciencia da morte non é normalmente igual aos 20 que aos 40 e pico anos: sabes que está aí, si, e que é parte da vida. E iso tamén axuda a centrarse, a saber cales son as túas prioridades, e a tentar vivir a vida da mellor maneira posible. E despois hai outra cuestión, que é que eu crieime na aldea, e pode haber aí unha diferenza cultural en canto ao xeito de entender a morte. A aldea de hoxe tampouco é a aldea de hai 40 anos, mais había unha asunción máis natural da morte, formaba máis parte do día a día. Agora hai máis temor á morte porque se afasta á xente da morte: xa non hai velorios na casa…

“Combinada coa esperanza, a desmemoria colectiva é un combustible para sobrevivir”, di o narrador nun dos relatos. Que quere dicir?

A memoria é necesaria, pero no día a día tamén hai que practicar un pouco de desmemoria para que non se volva insufrible. Quero dicir que, para poder atender aos problemas e á vida cotiá, tamén hai que facer un pouco de desmemoria, porque non podes vivir permanentemente encabronado co mundo. A desmemoria é necesaria a título particular. A título colectivo xa non o creo.

Falabamos antes da aldea. No libro tamén se nota iso: a pegada da experiencia de alguén que vive e viviu entre a aldea e vilas coma Ordes. 

Algo da miña experiencia persoal ten que haber, claro. O narrador fala de espazos que a min me resultan próximos. Eu nacín nunha aldea, marchei con 13 ou 14 anos vivir á Coruña, despois vivín en Santiago, e logo, por motivos de traballo, en Arzúa, Lalín, Ordes…

En distintos sitios, coma moita xente que practica a migración interna. O que lle pasou a moita xente da miña xeración foi que, claro, cando queres volver a esa aldea que tes idealizada, xa non é só que non exista: é que ti tamén cambiaches, igual que cambiou a realidade social, ecomómica e cultural da aldea. Entón, buscar o sentido de pertenza xa non é doado en ningún sitio.

Non é que pasase moito tempo entre este libro e o anterior, ‘Os televisores estrábicos’. Pero supoño que este é un libro no que, si, pode percibirse maior madurez -e dígoo precisamente porque pasou pouco tempo, non porque non sexa o normal madurar co paso do tempo-. 

Falaba antes de que ata agora chegáronme poucas opinións sobre o libro, pero as que teño son variadas. Moita xente compárao co primeiro libro, e este parécelles se cadra máis intimista, outros opinan que ten máis humor… En canto ao que dis da madurez, eu penso que pode ser, e que en calquera caso si que é verdade que o proceso foi máis pausado. Non é que este libro me dese menos traballo, pero xa non tiña a ansia que tiven co outro. Este tomeino con máis calma, con máis distancia, e supoño que iso algo pode notarse. Tamén porque ao anterior agora véxolle fallos que non quixen repetir…

Pode parecer, en certos aspectos, un retrato xeracional. Mais ao avanzar podemos decatarnos de que seguramente non: fala de expectativas incumpridas, de frustracións, que poden acontecer aos 40, aos 60 ou aos 80.

Estou de acordo. Para nada quixen facer un retrato xeracional. O libro fala de cousas que a calquera poden acontecerlle a calquera idade: de expectativas, si, que non se cumpren, de frustracións, de esperanzas… Tamén porque, se cadra, non temos que tomar tan serio a vida e todo o que nos acontece. Temos que ter esperanza e tentar mellorar, pero tampouco crer o discurso que queren meternos de que querer é poder. Porque é unha gran mentira que todo se pode. Ás veces non se pode, e hai que asumir que ás veces o que queremos non é posible, no canto de pasar a vida agoniados competindo, que é a onde queren levarnos. Os nosos proxectos non teñen por que saír ben.

Na entrevista sobre o libro anterior comentabamos que eran relatos sobre a clase traballadora. No escenario que pinta este libro, xa quedou moi claro que o mito da clase media era un conto.

Cando eu estudaba en Santiago, a mediados dos 90, chamábame a atención que houbese xente que lle chamase “Área Gañán” a Área Central. Dicían iso porque era xente que viña de Ordes, de Negreira… Era unha forma de clasismo, de desprezo, que me resultaba moi curiosa: xente que pensaba que tiña un nivel cultural -e económico- superior. Unha expresión máis do autoodio, do desprezo de nós mesmos, supoño. Pois hai si, un clasismo, que vén creado desde arriba e que é útil para crear unha sociedade na que todo o mundo viva centrado en competir e en tentar marcar a diferencia cos demais. Mais a xente que vive en verdade acomodada, a salvo da queima que pode darse en calquera momento, é moi pouca, si.

Hai uns cantos personaxes no libro que representan o que agora chamamos “vellas” -e peores- masculinidades. E non son caricaturas: son recoñecibles. Non creo que sexa casualidade. 

Non é casualidade, claro. O que acontece é que hai cousas que hai 20 anos ou aplaudiamos ou polo menos tolerabamos que hoxe, afortunadamente, xa non se consideran aceptables. Porque se produciu un cambio social forte, e para as persoas que se atopaban do lado privilexiado, o máis cómodo, non é nada fácil cambiar.

Pero iso pásanos a todos. A miña avoa, que naceu no 1906, rifáballe a miña nai cando miña nai me mandaba facer a cama. Queiramos ou non, fomos educados nunha sociedade machista e, aínda que tentamos cambiar, non nos resulta fácil. E despois tamén hai quen reacciona de maneira moi negativa ante ese cambio social. Mais o máis difícil é cambiarse a un mesmo no día a día, porque inconscientemente tendes a volver ás dinámicas machistas. Actuar doutra maneira no día a día, na casa, é realmente moi complicado.

O tempo no que se sitúa o libro -falabamos antes diso- é o de despois da “crise”. Cos resultados do efecto disciplinador da mesma sobre a maioría social. 

Supoño que temos tendencia a pensar que vivimos tempos históricos cruciais e únicos, e a nós tocounos vivir unha crise brutal, pero no escenario post-crise de agora as cousas quedaron como era esperable. Conseguiron, ou conseguimos, que asumíramos que o futuro é o que hai agora. O que marca o escenario post-crise é, para min, un cambio sobre todo mental. Asumimos, como sociedade, o discurso de que a xente vivía por enriba das súas posibilidades, que hai que afacerse a gañar menos traballando máis horas…

Aínda que hai que lembrar -e isto lembro que xa o falaramos na entrevista anterior- que antes da crise a había moita xente traballando 10 horas por 700 euros, así que tampouco se pode dicir que viñeramos dunha etapa precisamente dourada. O que houbo despois da “crise” foi que se pasou a rebarbadora para o 90%, quedando aínda máis claro que a clase media non era precisamente a maioritaria. É algo, ademais, apreciable en calquera lugar: hai menos xente en xera, nos comercios, nas cafeterías… pero se vas a determinados lugares máis privilexiados, non parece que lles vaia mal aos restaurantes e ás tendas máis caros.

É curioso, si, o pouco tempo que pasou entre a crítica dos salarios “mileuristas” -nos 90- e a actual normalización dos discursos de aceptación dos salarios de 600 ou 700 euros -é o que hai…-. Un fenómeno conectado ademais coa práctica social, crecentemente estendida de complementar os salarios míseros dos fillos cunha asignación mensual para que poidan permitirse “traballar no seu”.

A axuda das familias non é algo de agora. Antes estaba a paga dos avós que se investía en mercar un coche para o neto, por exemplo. Mais si é verdade que agora estamos a chegar ao extremo de que se considere normal subvencionar o traballo dos fillos -quen poida facelo porque, quen pode darlle todos os meses ao fillo 600, ou 700, ou 900 euros para complementar o seu salario e que poida, por exemplo, seguir vivindo en Madrid? Moi pouca xente-. É demencial: a clase media doutrora destina os seus aforros á supervivencia duns fillos moi formados academicamente, pero en permanente risco de exclusión social. O resultado está á vista: se a túa familia se atopa nunha situación privilexiada, vas ter moitas máis posibilidades de poder facer determinados traballos.

Os relatos están relacionados, e ao ir avanzando enténdense as relacións. A estrutura non é lineal de todo: a historia de Lucho, por exemplo, aparece cara ao final, pero aconteceu antes. 

Si, non era necesaria unha orde cronolóxica. Son, iso si, historiais situadas na actualidade. Hai unha familia que pode considerarse a protagonista, que fai como de fío condutor, e arredor da que se van desenvolvendo as outras historias, algunhas cunha relación máis directa e outras cun vínculo máis indirecto con esta familia.

Outro detalle é que pode haber certa pegada do fantástico. 

Si, iso tamén estaba en ‘Os televisores estrábicos’. Un realismo con certas pingueiras do non normal. Non nun sentido do paranormal, senón dos aspectos da realidade que nos resultan inexplicables, que se nos escapan. Por iso, si, pódese dicir que hai toques que poden entenderse como fantásticos. Porque a vida tamén é casualidades e circunstancias que ás veces nos sorprenden ou mesmo nos deixan aterrorizados. A vida é caos tamén.

Tamén hai humor, como che dixo máis xente. Non é para escachar coa risa, mais si para polo menos sorrir. 

É que entendo o humor como un lubricante para vivir. Como algo necesario para facer as cousas máis levadeiras e para non tomarnos tan en serio a nós mesmos. En xeral, estou máis satisfeito do resultado deste libro ca do anterior. Ademais, a min si que me importa o que diga a xente do libro. Non é que me vaia afectar moitísimo, pero si que me gustaría que á xente lle guste, que sempre nos gusta que o que facemos se aprecie e, claro, que nos queiran. Penso, ademais, que o ton deste libro é menos pesimista ca o do anterior e para iso o humor é fundamental .

Comentarios pechados