Menu Xerais

Realidades duras que conviven canda nós: «De cristal», de Silvestre Gómez Xurxo. Anotación en Trafegando ronseis

O blog Trafegando ronseis publicou unha anotación sobre De cristal, de Silvestre Gómez Xurxo.

 

 

De cristal

Silvestre Gómez Xurxo reúne en De cristal, publicado por Xerais, cinco relatos que falan de realidades duras que conviven na nosa sociedade e que ás veces nin vemos nin queremos ver. Cinco relatos que a priori resultan máis que interesante para unha lectura xuvenil, porque ben nos cómpre que o noso lectorado axexe outras vidas posibles que moitas veces coidan afastadas e ás que dan o lombo mesmo sen percatarse. Por iso libros coma este son necesarios, porque debemos ter presente que o devir cotiá non é tan sinxelo, que se nós somos afortunados hai moitas outras persoas ao noso arredor que non o son. Que a felicidade, se existe como tal, debemos procurala cada día, pero hai moitas persoas que o teñen ben máis difícil ca nós.
Ata aquí, estaría ben. Pero o libro comete un pecado, dende o meu punto de vista, imperdoable. E é que o autor xa nos procura a reflexión el mesmo. Ese exceso de didactismo que tantas veces se ten denunciado na Literatura Infantil e Xuvenil ten aquí o cupo cuberto. Boto de menos que os relatos presenten estas situacións e só iso: non nos dean o traballo feito, por favor, deixen que sexamos nós, lectores e lectoras, quen fagamos as nosas propias reflexións e cheguemos ás nosas propias conclusións. O autor diríxenos coma se fósemos monicreques polo carreiro que, evidentemente, é o correcto. Pero eu, como lectora, quero tomar o carreiro que eu elixa. E quero que o meu alumnado faga o propio.

Deixa un comentario!