Menu Xerais

Redelectura recomenda «Xa non estou aquí», de Iria Misa, e «A caixiña dos rancores», de Héctor Cajaraville, dúas novelas premiadas

Rede lectura, o blog da Asesoría de Bibliotecas Escolares recomenda dous libros da colección Fóra de Xogo: Xa non estou aquí, de Iria Misa, Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil 2016, e a novela A caixiña dos rancores, de Héctor Cajaraville, Premio Raíña Lupa de Literatura Infantil e Xuvenil.

 

Novidades de literatura xuvenil

Destacamos hoxe en Rede Lectura dúas novelas xuvenís, publicadas ambas as dúas na colección Fóra de xogo de Xerais. Estamos a falar de Xa non estou aquí de Iria Misa, que recibiu o premio Jules Verne de Literatura Xuvenil na edición de 2016, e d´A caixiña dos rancores de Héctor Cajaraville, Premio Raíña Lupa de Literatura Infantil e Xuvenil en 2015.

Aínda que con temáticas moi diferentes, son novelas altamente recomendables para ese alumnado que se achega á biblioteca escolar solicitando algún título que o enganche porque desde o comezo, as historias e os personaxes son quen de atraer a lectoras e lectores, pola súa proximidade.
Iria Misa, presentando a súa primeira obra publicada, comenta que é unha novela que fala de sentimentos universais: a necesidade de pertenza a un grupo, de comprensión, a soidade… A intriga artéllase arredor da desaparición da protagonista, misterio que se irá desentrañando ao longo da novela a través dos distintos puntos de vista dos personaxes. É unha novela coral onde quixen traballar o multiperspectivismo e así poñer de manifesto o cariz tan distinto que pode tomar a realidade dependendo dos ollos de quen a mira.
D´caixiña dos rancores de Héctor Cajaraville dísenos na presentación editorial :
A xuíza Felpeto, acabada de chegar á localidade costeira de Valdomar, revoluciona a vila coas súas orixinais sentenzas. Cando Estevo é obrigado a pasar todo o verán visitando a Chiruca, a anciá a que atropelara co seu ciclomotor, imaxina unhas soporíferas xornadas aturando as historias daquela muller que cruzara polo paso de cebra sen mirar. Pero todo cambia cando a casualidade fai que o mozo descubra un segredo que ten na súa cerna a Chiruca e que ela mesma descoñece. Coa axuda de Paula, a noiva de Estevo, o nobelo daquel misterio irase desenredando ao mesmo tempo que xorde entre os tres protagonistas unha relación tan profunda como inesperada, que pasa por riba da diferenza de idade e que demostra que a amizade verdadeira non entende de prexuízos nin de convencionalismos.

Comentarios pechados