Menu Xerais

Regresa a saga xuvenil da literatura xuvenil galega: «Os Megatoxos e o dragón de xade», de Anxo Fariña. Anotación en Brétemas

Manuel Bragado, director de Xerais, publicou en Brétemas unha anotación sobre Os Megatoxos e o dragón de xade, de Anxo Fariña.

 

Regresan os Megatoxos

Non debe pasar desapercibida a publicación d’ Os Megatoxos e o dragón de xade, a quinta entrega da serie escrita e ilustrada por Anxo Fariña. A que é a saga xuvenil da literatura xuvenil galega máis veterana e con maior número de títulos, como tamén a que conta con máis lectores (máis que entusiastas), viaxa ao Xapón medieval de nijase samurais coa intención de evitar un terrible terremoto. Como nos libros anteriores, os catro superheroes galegos continúan buscando cura para a súa mutación xenética provocada polo Toxo, unha planta mutante que permite viaxar no espazo e no tempo. Aventuras, amor, fantasía, loitas, enigmas, mitos, coñecemento científico, histórico e xeográfico, continúan sendo compoñentes principais destes libros de lectura engaiolante, adictiva, que provocan o entusiasmo dos seus siareiros. Como estimulantes son para crear interese pola historia de Galicia en diálogo aberto con diversas culturas e civilizacións.

Mención á parte da serie merece a singularidade e espectacularidade da creación visual de Anxo Fariña. Utilizando a cultura manga, un trazo rotundo, que non impide a precisión dos detalles, é capaz de dotar a cada un dos personaxes da serie dunha personalidade moi recoñecible para os seus siareiros. Outrosí sucede co coidado da ambientación histórica e paisaxística, que nesta quinta entrega acada nalgunhas imaxes un altísimo nivel. Como editores sabemos que dende hai sete anos, cando apareceu o primeiro título na editorial A Nosa Terra, cada unha das seguintes entregas dos Megatoxos foi unha beizón para esa dificil tarefa de facer novos lectores para o a lingua galega na preadolescencia. Que máis se lle pode pedir? Toda a nosa gratitude e parabéns por esta proeza para Anxo Fariña.

Manuel Bragado

Comentarios pechados