Menu Xerais

Reivindicando as historias: Entrevista de Lourdes Varela con Anxo Fariña: «palabras e imaxes xórdenme ao tempo»

Lourdes Varela publica no suplemento Faro da Cultura, de Faro de Vigo, unha entrevista con Anxo Fariña, sobre o seu libro  A chave da Atlántida, Premio Merlín 2011.

«Cando conto unha historia, palabras e imaxes xorden ao tempo»

 Anxo Fariña (Vigo, 1977), licenciado en Belas Artes, escritor, ilustrador e director de arte, gañou este ano o Premio Merlín con A chave da Atlántida: unha obra que, ademais, sae do prelo con ilustracións súas. Fariña é o creadordos “Megatoxos”, unha colección que se converteu xa en referente da nova literatura infantil e xuvenil feita en Galicia.

-Lectura, escritura, debuxo… Que vocación foi a primeira que xurdiu en vostede?
-Sen dúbida, xurdiu primeiro a da lectura. De neno devoraba libros, revistas, xornais… todo o que caía nas miñas mans. A vocación pola escritura chegou despois. De neno encantábame inventar historias, mais non as escribía. Co tempo sentín esa necesidade de plasmar esas narracións, e así xurdiu o meu primeiro conto “Xabi non pode durmir”: un álbum ilustrado que narra as aventuras de Xabi polo mundo dos pesadelos.

A figura do escritor-ilustrador (sobre todo, se é bo en ambas cousas) é unha rara avis, e non só en Galicia; hai que estar moi seguro dun mesmo de que se están a facer as dúas cousas ben. Vostede terma da súa calidade nas dúas facetas ou coida que destaca nomeadamente nalgunha delas?
-En primeiro lugar, gustaríame dicir que me considero afortunado por poder combinar as dúas actividades creativas. Respondendo á pregunta, eu son o meu maior crítico co meu traballo. Intento dar o mellor de min mesmo en cada libro. Iso non quere dicir que non trate de mellorar e evoluír cada día no meu labor. Antes pensaba que debuxaba mellor do que escribía, mais hoxe en día penso que estou moito máis equilibrado e atópome igual de cómodo nas dúas disciplinas. Este ano as valoracións externas chegaron polas dúas canles, concedéronme o Merlín de literatura infantil, por un texto,e tamén quedei seleccionado na prestixiosa bienal de Bratislava por unhas ilustracións. Un pouco de cada.

Cando un lector le a descrición dun escritor, imaxina como son ese tal persoaxe, paisaxe, lugar… do que está lendo. Nos libros nos que vostede é o ilustrador doutro escritor, que parte hai do que lle di (ou “aconsella”) e que parte é a que vostede aporta como “lector ilustrador? É dicir, que tipo de diálogo mantén co escritor ao que vai ilustrar?
-Nas ocasións nas que só son ilustrador, procuro buscar un enfoque particular ao libro e complementar o texto. Dependendo do que me inspire este, procuro a técnica axeitada,a gama de cores.O que intento evitar é unha transcrición literal e repetir en imaxes o que xa explica o texto.Tamén depende do autor, da editorial…

 -Cales son os seus referentes como escritor e cales como ilustrador?
-Cando preciso inspiración, prefiro buscar noutras disciplinas diferentes ás que practico, como a música ou a arquitectura. As viaxes tamén me serven como fonte de referencias, tanto visuais como narrativas.

-Considera un libro escrito por vostede, pero ilustrado por outro debuxante?
-Non é algo que desbote, pois hai tantos ilustradores fantásticos que resultaría moi interesante o experimento. Polo de agora, prefiro eu ocuparme de texto e ilustracións. Deste xeito podo narrar con maior liberdade, xa que o que non explico con palabras podo facelo mediante imaxes.

Se, por esixencias da editorial, vostede fose o autor só do texto, non das ilustracións, que tipo de relación mantería co ilustrador?
-Depende moito do ilustrador… Pero penso que faría o que me gusta que fagan conmigo, que me deixen liberdade creativa.Eu daríalle unhas liñas xerais de estilo e, a partir de aí, deixaríame sorprender.

-Se falamos agora xa non só da literatura adulta, senón da gran literatura universal, vostede atreveríase a ilustrar libros como, por exemplo, Cen anos de soidade de García Márquez ou o Ulises de Joyce? Pregúntollo porque moitos lectores consideraríano toda unha ousadía.
-Un reto de tamaña magnitude supón unha gran responsabilidade. Precisamente por este motivo, encantaríame formar parte dun proxecto semellante. Poida que para moitos lectores supoña unha ousadía, mais, ás veces, de ideas aloucadas poden agromar resultados incribles. No seu momento, Miquel Barceló realizou unhas magníficas ilustracións para unha edición especial da Divina Comedia de Dante Alighieri. Supoño que tería críticas do máis diverso, pero cando fas arte non podes contentar a todo o público por igual.

 –Do cómic estáse a pasar agora ao que se deu en chamar a “novela gráfica”. Atráelle este xénero ou pensa que o seu xeito de escribir e ilustrar non ten nada que ver coa novela gráfica?
-Ultimamente temos algúns exemplos de gran calidade deste xénero e sempre me gustou a banda deseñada. Hoxe en día hai cabida para todo tipo de estilos de narración e temáticas.A medio prazo non desboto arriscar e embarcarme nalgún proxecto. Pero polo de agora estou máis centrado na literatura.

 -Hoxendía os ilustradores están moi viculados ao deseño informático. Ata que punto é iso arte?
-A arte non depende do medio co cal se realice, senón da idea que transmite ou das sensacións que pode producir no espectador. Pódese producir arte cun lapis, cunha cámara fotográfica, ou cun programa de deseño dixital. Lembremos que un ordenador só é unha ferramenta ás ordes dun creador que o manexa. Un exemplo: se Leonardo da Vinci vivise hoxe en día,dado o seu carácter innovador e experimentador, de certo que traballaría coas novas tecnoloxías. Nomeu caso particular, son un autor de nova xeración, e como tal gústame traballar con todos os medios que teña ao meu alcance. Ás veces mesturo técnicas tradicionais con técnicas dixitais.Cada caso é particular e procuro enfocar cada ilustración tendo en conta as súas necesidades comunicativas.

-Cando afronta o comezo dunha obra súa, por onde comeza: polas ilustracións ou o polo texto?
-O proceso é mixto. Na miña mente aparecen imaxes e palabras a un tempo. No meu caderno de apuntamentos, aparecen frases ao tempo que bosquexos. Mais, nalgún caso, un bosquexo realizado ao azar acabou converténdose nunha historia.

 -Do seu xeito de traballar, que se podería dicir: Escribe o que debuxa ou debuxa o que escribe?
-Curiosamente, algúns críticos definiron a miña escrita como“moi visual”. Depende se fago un álbum ilustrado o un libro. No primeiro caso adoito ter máis matizadas as ilustracións que o texto. E, no outro caso,ao contrario.

-Que vale máis: unha boa ilustración ou mil palabras?
-Unha historia. Se es un bo narrador, podes contar esa mesma historia cunha ilustración ou con mil palabras.

Lourdes Varela

 

Comentarios pechados