Menu Xerais

«Restaurante Farruco» de Chus Pereiro

Paula Fernández publicou o pasado xoves, 5 de novembro, no «Faro da Cultura» un fermoso texto sobre Restaurante Farruco, a peza teatral de Chus Pereiro, ilustrada por Xan López Domínguez, publicada na colección Merlín.

¡Mamasiña que medo!, a peza teatral de Chus Pereiro (Marín, 1957) publicada en 2002 por Edicións Xerais xa amosou o interese desta profesora por levar o teatro á escola e particularmente ás súas aulas. Se daquela xa escollía o diálogo rimado para o xénero, agora con Restaurante Farruco, publicado pola mesma editorial, Chus Pereiro escolle outra vez o mesmo estilo malia elixir tema e situacións radicalmente diferentes.
Restaurante Farruco é unha peza teatral disparatada artellada nun único acto. Rompe a regra aristotélica das tres unidades, tan empregada aínda hoxe no xénero dramático, para nos amosar o desenvolvemento dunha única acción, nun único espazo e nun único día.
Un lugar, o restaurante, ao que chegan un matrimonio que celebra o seu aniversario e un rei que simplemente vai xantar. Neste restaurante de alto copete, como aprecian o home e a muller polos prezos escandalosos da carta, hai algo que resulta imposible facer, xa sexas membro da realeza ou do pobo, xa teñas cartos ou non, no Restaurante Farruco, parece haber algo irrealizable: comer. Malia contar cun completísimo equipo de traballadores, anunciantes, cociñeira, axudante e camareiro, a tarefa de levar un prato com comida á mesa dos clientes non se dá realizado xa que os animais, a galiña, a vaca ou os chocos, non están dispostos a deixarse cociñar. Pero algo si que está moi claro, ninguén marcha dese establecemento sen pagar.
As anécdotas numerosas no comedor e na cociña onde todo é desastroso, a preocupación do matrimonio polos cartos fronte ao alarde económico do que fai gala o monarca, aínda que ao final o timo non fai distinción de clase, e o descaro dos empregados do local no tratamento que dan aos clientes enchen as páxinas desta peza de humor. Un auténtico caos que se completa cos diálogos rimados. Estes, coa súa agudeza, ironía e mesmo co seu sarcasmo, provocan o riso innumerables ocasións ao tempo que poñen o acento no valor literario do texto porque, dende a sinxeleza e a desorde, a autora amosa a súa veteranía e o seu control do xénero dramático enfocado cara aos lectores e as lectoras máis novos. Pensa neles como lectores mais tamén como protagonistas, xa que dadas as indicacións e o compoñente engaiolante e marabilloso da peza, pensar na representación de Restaurante Farruco convértese nun desafío encantador para profesorado e alumnado.

Comentarios pechados