Menu Xerais

Rosa Aneiros: «A literatura ten que ser unha fiestra cara a novos mundos, ten que facer preguntas»

  entrevistou a Rosa Aneiros en Compostimes. Fotografías de Natalia Saavedra.

 

 

Rosa Aneiros: “Igual que outras liñas estratéxicas, ten que subvencionarse a cultura”

Rosa Aneiros  naceu en 1976 á beira do mar, no concello coruñés de Valdoviño. Licenciouse en Ciencias da Comunicación en Santiago de Compostela. Xa nunca se desligou da cidade que lle roubou o mar e o corazón. Citámonos no ilustre edificio que alberga o Consello da Cultura Galega, o pazo de Raxoi, onde traballa como xornalista dixital e investigadora. Non podo negar que é un reto entrevistar a unha xornalista curtida en entrevistas. Pero Rosa Aneiros tampouco  puido fuxir da chamada da literatura polo que ademais de historias reais na súa faceta de xornalista, regálanos  relatos de ficción.  Comezou a súa traxectoria coa novela xuvenil “Eu de maior quero ser” e consolidouse con “Sol de Inverno”. Esta obra descúbrenos unha prosa madura, dignísima e mellorada herdeira dos centos de folios que a precederon. Ante vostedes a miña conversa con Rosa Aneiros.

 

RECEITAS PARA CONTAR HISTORIAS

Na súa obra vostede inclúe un mosaico moi amplo de espazos, sendo este un elemento que en ocasións se lle achaca á literatura galega, cree que debe cruzar fronteiras dentro e fóra dos libros?

Eu creo que os espazos  van en función do que narrativamente necesites. Sempre defendo que  o importante son as historias. O importante son os personaxes e a acción que ti queres contar. Se tes unha historia que transcorre toda en Vigo é porque ti decidiches que o importante é a historia e eses personaxes podían desenvolverse na cidade de Vigo. Non creo que sexa necesario introducir cidades de fóra ou lugares de fóra para contar unha historia. É certo que ata hai uns anos non se introduciron tantas cidades alleas como hai neste momento. Pero non é estritamente necesario. O que provoca, sobre todo en lectores máis novos, é unha sensación de ser máis internacional. Pero o importante sempre é a trama, o importante sempre son os personaxes, o importante sempre é a historia. Se unha historia ten que transcorrer aquí, non pasa nada. Hai momentos nos que introducimos outras historias que teñen que transcorrer noutros lugares e iso enriquece as nosas propias obras, pero non estar fóra porque si. O importante non é o lugar, senón o que estás contando que transcorre alí. Estás introducindo novas variantes que afectan aos personaxes derivados das situacións socio políticas que se viven neses lugares e iso si é importante, non tanto polo espazo senón polo que achegas de novas realidades.Confío bastante máis nos lectores novos que nos lectores adultos

Falando deses lectores novos que mencionou agora, vostede cando se pronunciou nos medios nalgunha ocasión ten dito que os lectores novos son a esperanza da literatura galega. Nunha sociedade que incluso tacha á xuventude de apática, de pouco comprometida, segue confiando nos lectores novos?

Confío bastante máis nos lectores novos que nos lectores adultos. Si, porque hai unha realidade invisible: tanto nos clubs de lectura como os lectores de instituto son moitísimo máis activos, moitísimo máis críticos do que fomos nós. As xeracións anteriores tratábamos a lectura de maneira diferente na escola. Antes as lecturas eran un traballo de escola: ler un libro para facerche tres preguntas. A min cando se di “a xente nova non le”… non len algúns, outros len bastante máis do que se lía antes. Len tamén noutros soportes. Non podes entender só como lectura o libro, senón que hai outras maneiras de ler. Entón si, confío, e cada vez confío máis. Creo que hai un labor que están facendo moitos profesores neste país que é o de educar lectores e lectoras críticos, polo menos os que estamos moito polos institutos así o percibimos. Hai lecturas que che pode facer un adolescente que son moito máis críticas, ricas e construtivas das que che pode facer un lector adulto. Por iso, eu si confío moito nos lectores e lectoras novos, non tanto polo seu valor numérico, que é certo que tamén son máis, senón porque é un tipo de lector ou lectora moi crítico e iso enriquece a literatura.

Outra característica que se atopa na súa literatura, nalgunhas das súas obras é o compromiso coa liberdade, a loita pola liberdade, concibe a literatura como un vehículo de concienciación?

Non é tanto que a literatura sexa un vehículo de concienciación senón que son os temas que a min sempre me interesaron para narrar. Eu sempre digo que se me escapa esa parte de xornalista de preocupación pola realidade na literatura. Dalgunha maneira a literatura ten que ser unha fiestra cara a novos mundos, para ver novas realidades a través dos ollos doutros. Por exemplo, estes días que está de actualidade os marroquís que están descendendo do monte Gurugú, intentando acceder a España, intentando acceder a Europa. Eu eso conteino nun relato e intenteino contar a través dos ollos deles, intentando quitar toda a parte obxectiva, por dicilo de algunha maneira, de narrar o número. Simplemente contei a historia de dous rapaces que intentan entrar.  Iso é o que nos da a literatura, esa capacidade de ver o mundo a través doutros ollos. Hai historias nas que eso é fundamental e outras nas que esa pegada da concienciación non é tan pesada pero vai máis latente. Eu creo que nunca debes adoutrinar desde a literatura, xamais.  O que tes que facer é respectar sempre a liberdade do lector e da lectora. Non é tanto adoutrinar, nin tampouco concienciar, senón contar a realidade dende outro punto de vista. Con iso permites que ese lector ou lectora faga unha lectura crítica e que se faga moitas preguntas a si mesmo. A literatura o que ten que facer é preguntas e que ten que ser cada lector e cada lectora quen responda. Ti lle das máis elementos ou máis ingredientes para que faga esa lectura máis construtiva, pero nunca a partir dun vieiro único. Eu son unha autora que procuro dar pautas, non me gusta mostrar a realidade desde un punto de vista holísitco, e a partir de aí constrúe ti. Creo moito nunha lectura crítica. A literatura o que ten que facer é preguntas

MADEIRA DE XORNALISTA 

Falando desa capacidade da literatura, unha forma de achegar a un lector un feito en lugar de que o lea nun xornal onde non lle parece tan cercano, non lle crea  interés por seguirse informando dese tema, que relación deben ter xornalismo e literatura? Debe o xornalismo explotar un pouco máis as armas da literatura para non ser simplemente unha folla que lemos e pasa de largo?

O xornalismo ten moitos problemas actualmente. Os problemas que ten son moitos derivados da crise económica, pero non son todos. A nivel de contidos coa chegada de Internet, a golpe de titular, a xente pensa que está informada cando realmente so leron catro titulares. Eu creo que se debe volver a un camiño que se perdeu e que nos anos 70 e 80 que son as armas da literatura para narrar. Se ti fas crónica e fas reportaxe de citas estás buscando na hibridación de xéneros contar iso doutra maneira, pero contar a verdade. Cando eu falo de introducir elementos da literatura é como ferramentas lingüísticas e sobre todo como ferramentas de achegamento a esa realidade, pero as pautas básicas da profesión teñen que manterse, non podes inventar. Hai que ter moi claro o que é literatura e o que é xornalismo, pero hai que saber que a lingua nos permite contar doutra maneira. O que falabamos antes, eses valores obxectivos a partir dos números acaban sendo mentira. Agora co tifón de Filipinas, dinche “dez mil” ou dinche “cen mil” e quedas como estabas. Liches un titular e ti non es capaz de visualizar, de pensar que son esas cen mil persoas. Pero de repente cóntanche unha historia concreta dun neno e pode achegarche máis a esa realidade, porque a obxectividade non está estritamente nos números, senón que temos que ser capaces de achegarnos á realidade a través tamén dos sentimentos, porque ao final é o que somos. Moitas veces depuramos tanto, intentamos ser tan fríos, pensando que con iso nos achegamos máis a realidade e ao final o que estamos facendo é restarlle toda a parte humana.  Entón, non pasa nada por dicir a través dos ollos dun neno que ti viches, que ti sentiches chorar, non pasa nada por dicir “este neno estaba chorando”. Porque é obxectivo, ese neno estaba chorando. Se intentou quitar tanto a parte sentimental que ao final se lle quitou toda a valía á información porque borraches o papel de empatía que tiña co lector e eu creo que hai que volver a iso. Os camiños son moitos, non é necesario que teña que ser a través da noticia estrita. É importante abrirse a xéneros que máis alá do estritamente informativo,  que o podes ler en Internet a golpe de titular. Hai que permitir ao lector e lectora achegarse á realidade doutra maneira. Creo que estamos nun momento no que a xente se considera máis informada ca nunca, lendo cinco titulares, pero con menos profundización que nunca e iso é dramático.Creo na capacidade dos profesionais de facer xornalismo honesto

 Pois falemos logo de xornalismo, é posible, hoxe en día, exercer un xornalismo libre?

Eu creo que se pode exercer un xornalismo en conciencia, é dicir, desde a honestidade. Máis que un xornalismo libre, eu calificariao, e Ramón Lobo tamén o di así, dun xornalismo honesto. Que ti sexas honesto con quen te le. A liña de determinados medios é a liña de determinados medios, pero ti podes exercer o xornalismo con honestidade dentro deles. O lector xa sabe que tendencia ten o teu medio. Ti non o disfraces, non intentes parecer o que non é, ti faino con honestidade e con honestidade conta a realidade obxectivamente. Obxectivamente non no sentido da verdade única, senón que estás contando a realidade desde un punto de vista, se honesto desde ese punto de vista.  Quitando iso das tendencias de cada medio, si existe maneira de facer xornalismo libre porque agora mesmo hai moitos medios para facelo, outra cousa é si podes vivir dese xornalismo e se ese xornalismo é pagado. Hoxe a capacidade de publicar témola calquera. O problema é que ti podes ser o máis libre do mundo, pero, tes maneira de conseguir financiamento? En moitos casos non. Pero si creo na capacidade dos profesionais de facer xornalismo honesto.

Vostede pronunciouse publicamente sobre o tratamento informativo do caso Asunta, que sobre todo aquí en Santiago deu bastante que falar. Nese texto falaba vostede tamén da responsabilidade, entre comiñas, do lector que demanda ese tipo de contidos morbosos, en que medida son os lectores responsables dese xornalismo morboso que existe hoxe en día?

Eu creo que a responsabilidade é compartida. Unha das cousas nas que insistía nese  texto é que non podemos como lectores ou como lectoras demandar iso. A min o que me causaba perplexidade era a reacción  de todos os días pola mañá de moitos lectores e lectoras dicindo “mira o que publica El Correo Gallego”, “mira o que publica La Voz de Galicia” , “mira o que acaba de dicir o Programa de Ana Rosa” e seguir consumindo eses medios, e seguir lendo todo o que poñían. Actualmente é terrible o que está sucedendo en Internet co das páxinas máis vistas. Isto acaba sendo para moitos medios o balance e o nivel para dicir que algo está interesando. Entón, as noticias máis vistas eran aquelas que eran máis morbosas. Iso facía que o medio se retroalimentara e pensara que o estaban facendo ben, porque era o que máis se lía. Ao final é unha espiral que medra e  medra sen cesar. Non podemos como lectores e como lectoras estar escandalizados con algo e seguir consumíndoo. Entón, eu non achaco a responsabilidade exclusiva aos lectores, pero si falo dunha espiral que é moi perigosa. Ao que apelaba aí era a que temos que ser conscientes sempre da nosa responsabilidade como consumidores. Eu apelaba á responsabilidade compartida. Ollo, no creo que sexa responsabilidade completa do lector, pero cando consumimos determinados medios o noso comportamento ten unhas consecuencias. Si apelo a ser máis conscientes de nós mesmos como consumidores.

Tamén en referencia a este caso o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Facultade de Ciencias da Comunicación pronunciábanse pedindo prudencia, pedindo respecto aos códigos deontolóxicos no tratamento deste caso. Ata que punto considera influentes ou necesarias estas institucións? Ata que punto teñen un alcance real salvagardando a ética ou o bo xornalismo?

Nin unha nin outra son estritamente gardiás da ética do xornalismo. O que si son é institucións que, si existe presión, si existe certo clamor social, son as institucións encargadas de dar voz. A Facultade crea xornalistas, está formando xornalistas. O Colexio, a parte de representar ao colectivo profesional na defensa dos intereses dos xornalistas, ten unha parte, e como tal está recollida na súa lei de creación,  que é defender a liberdade de información, defender a liberdade de expresión e defender á sociedade. Non é só salvagarda dos profesionais senón que, dalgunha maneira, ten que preservar os dereitos da cidadanía de recibir unha información plural, de recibir unha información equitativa. Por iso se pronunciou, porque, se non o fai o Colexio de Xornalistas, se non o fai a Facultade, quen o fai?

Pero quizais, ou polo menos así chega a moita xente, é algo máis simbólico que efectivo

Chegaron moitas demandas  ao Colexio, tanto de profesionais como de cidadás, de actuar con máis forza. Pero o Colexio non pode facelo, o Colexio non pode dicirlle a un medio que ten que publicar. O medio é unha empresa libre. Si que pode ter un papel máis activo nos medios públicos,  pola súa razón pública. Pero é un papel simbólico, é un papel de dicir: nós estamos aquí e están chegando estas queixas e nós dámoslle voz. No caso do accidente de Spanair se fixo un informe de como foi o comportamento xornalístico. Os resultados foron, para a profesión, terribles. No caso de Angrois fíxose outro estudo e os resultados que estamos tendo son moi bos. No caso de Asunta non se fixo pero a simple observación saltou todo polos aires. Estou falando de simple observación, habería que facer o estudo. Pero si a cidadanía ten un lugar a onde dirixirse. Moita xente protestaba porque o Colexio non facía máis, pero o Colexio non pode facer máis. Pode reivindicar a función do código deontolóxico e pode reivindicar que se creen foros, sobre todo para os medios públicos, e que se creen leis ou reglamentos. Agora, dicirlle a un medio o que pode publicar non, nunca. Iso non está na súa man e tampouco debe estalo.

Non todos reaccionaron neste caso da mesma maneira. Non sei se coñece o caso da profesora da Facultade de Ciencias da Comunicación, Carme Hermida, que non quería continuar dando clase na Facultade. Esta reacción é algo que calou bastante dentro do centro con opinións diversas tamén. Que opinión lle merece?

Eu creo que Carme  o que decidiu  foi facer unha acción para abrir ese debate. O que ela conseguiu foi que,  a partir da súa reacción, se abrise ese debate na Facultade e se abrirse ese debate socialmente. Non é tanto polo que ela fixo, porque é simbólico, é dicir, o de deixar de dar clase é algo que non afecta ao normal desenvolvemento do xornalismo. Non é causa e efecto. O que conseguiu foi poñelo no tema do día, poñelo no debate e niso foi moi efectiva.

Non cre que esa acción foi en detrimento da, xa de por si baixa moral que  teñen os estudantes de xornalismo e en detrimento da súa reputación como futuros xornalistas?

Si, pero actualmente nos datos do CIS os xornalistas estamos xa por debaixo dos militares. A opinión social cara o xornalismo está nuns niveis históricos, nunca estivo tan baixa. O que Carme fixo non vai baixar esa percepción social, o que baixa a percepción social é o exercicio da profesión. O que está baixando a reputación do periodismo é que haxa redactores de Ana Rosa Quintana que chamen a menores do Rosalía [IES Rosalía de Castro] para preguntarlles que opinan. Esas son as prácticas que fan que o xornalismo se afunda, non reaccións coma a de Carme.

Si claro, para algúns foi unha boa actuación, pero hai un sector do alumnado que non o sentiu así

E eu enténdoo, entendo que puido ser doutra maneira. Eu probablemente se fose profesora non o faría. O que intento dicir é que foi a súa maneira de reaccionar ante unha situación e de poñer un tema sobre o punto de mira. E efectivamente, se te pos a analizar a reacción de Carme… houbo o caso de Spanair, o caso de Angrois, houbo miles de casos nos que podía telo feito, podía telo dito antes. Quero dicir eu como espectadora, e desde fóra, entendo a reacción que puido causar nos alumnos, eu nunca o tomei como algo contra o estudantado, senón como unha chamada de atención. É unha chamada de atención, que, como toda chamada de atención escandalosa, provoca reaccións a favor e reaccións en contra.

Para finalizar un pouco cos temas de xornalismo, na cuestión lingüística, que quizais agora non é a que está máis de actualidade pero que sempre se puxo en tela de xuízo, está vostede a favor das subvencións a medios de comunicación por cuestións lingüísticas? Cre que son efectivas?

Tal e como se está facendo non. Que son necesarias? Si. O que pasa é que ten que existir un control, é dicir, non se poden dar subvencións a fondo perdido. Non pode ser que a un medio se lle den tres millóns para o fomento do galego e lavarse as mans. O que está, e aí van as tendencias europeas tamén, é causa e retorno.  O medio ten que demostrar como o investiu e en que o investiu.

Bota en falta un proceso de avaliación, de comprobar que se fixo con eses cartos?

Ten que haber unha avaliación sempre. Porque está claro que, despois de trinta anos de lei de normalización lingüística no que se investiron moitos cartos,  demostrouse a non efectividade. Ti abres un xornal e non o ves. Entón, onde están eses cartos? Eu creo que o galego, ao non ser unha lingua normalizada, necesita axudas para a súa visibilización. Pero, ollo, ten que existir. O que  non vale é dar cartos a fondo perdido. As subvencións son necesarias pero cun retorno demostrado. Pero hai que demostralo de forma diferente á que se fai agora, teñen que ser as mesmas pautas para todos. Agora, se son necesarias? Si. Ao final coa lingua e a cultura galega existe unha reacción social que é alucinante. Pódese subvencionar desde a producción de coches, se poden subvencionar os zapatos, se poden subvencionar as liñas aéreas, se pode subvencionar todo menos a lingua e a cultura. Cando se pon sobre a mesa a lingua e a cultura botamos as mans á cabeza. Primeiro é un ben material, é un ben producido, pero vai máis alá do estritamente material, pasa a ser un ben inmaterial. Da mesma maneira que se subvencionan outras liñas estratéxicas para un país, ten que subvencionarse a cultura. Pero  ten que verse, non vale tal e como se está facendo.

VIDA E RETOS

Nunha cuestión máis persoal, vostede é da costa. Digamos que Compostela ten unha influencia moi importante na súa vida que tamén queda reflectida na súa obra, que supón para vostede a cidade que lle roubou o mar?

Pois… é a miña cidade. É certo que sigo votando moito de menos o mar, pero o meu mar. É a cidade que me roubou o mar, que puxo un punto de inflexión na miña vida do que foi antes e do que sería despois, pero é a miña cidade. É a cidade na que vivo, é a cidade na que me desenvolvo e na que son moi feliz pero o mar segue estando aí. Eu creo que se marchase a vivir á Coruña tería o mar pero sería outro mar.  A fin de contas o mar para min é un elemento físico pero tamén moi simbólico. Non hai outro mar que substitúa ao mar da miña infancia. Nese sentido non lle podo botar nada en cara a Santiago por non ter mar (comeza a rir). Aínda que tivese mar, non sería o mesmo.Non hai outro mar que substitúa ao mar da miña infancia

En canto ao seu traballo aquí, no Consello da Cultura Galega, que retos ten para o futuro? Que retos quere conseguir desde aquí?

Eu na área na que estou, que é na de Coordinación de actividades, o gran reto que temos  neste momento complicado é a visibilización da cultura, e sobre todo da cultura galega. Esa superproducción que houbo en moitas entidades cando había un boom económico estase restando tanto, tanto, tanto… O gran reto é visibilizar a cultura galega, facer que chegue á realidade a través das actividades que realizamos e a través de culturagalega.org, a través de Internet. Chegar á mocidade, conseguir que a mocidade sinta o Consello da Cultura Galega como a súa casa, como a casa da cultura. Na Consellería de Cultura cambian os cargos radicalmente dun ano para outro. Todo o que valía antes, de repente non vale agora. Existe unha programación e unha maneira de traballar moi errática, en función de quen estea aí se vai trazando dunha maneira ou doutra. Eu creo que o Consello da Cultura Galega ten un rumbo definido. Aquí non vamos segundo as tendencias políticas, aquí non camiñamos segundo quen estea gobernando. É certo que os presidentes poden cambiar ou mudar certas liñas pero os traballadores sempre somos os mesmos. Somos os que manteñen a liña de flotación  e eu creo que eso é fundamental tamén. Cando remato unha obra o mundo literario acabase aí ata que xorde outro

Na súa faceta máis literaria, que perspectivas de futuro ten? Comezou agora unha triloxía xuvenil na que as tecnoloxías están moi presentes. Nunca antes fixera unha triloxía, supón un reto? Que virá despois?

Cando decidín construír Ámote Leo A. (reflexiona) non decidín facer unha triloxía. Empecei a escribir e vin que o material daba moito xogo, que permitía dar moito máis do que cabería nun libro e a partir de aí foi cando decidín facer unha triloxía. Procuro que todas as obras sexan retos para o lector e a lectora pero tamén para min mesma, porque senón me aburro e necesito que a literatura siga sendo un estímulo. Eu digo sempre que non vivo da literatura, eu vivo doutra cousa. Entón, para min a literatura ten que ser un pracer e ten que ser un reto. Ten que ser algo que me valla máis a pena estar narrando algo, que estar de paseo, porque si, porque ao final é tempo e é vida. Nese sentido construír a triloxía foi marabilloso, paseino xenial, disfrutei moitísimo con Leo, con contar toda a súa viaxe, sobre todo a súa viaxe interior a través das aventuras que lle sucedían. Dos próximos retos? Non o sei. Eu cando remato unha obra o mundo literario acabase aí ata que xorde outro. E eu nunca sei se vai existir outro. Os autores galegos non temos un contrato editorial a anos ou a proxectos. Eu agora, e van catorce anos desde que publiquei o primeiro libro, sigo sen dicirlle nada á editorial do que estou facendo ata que o remato. Eu presento un proxecto cerrado. No caso da triloxía cabía a posibilidade de que decidisen publicala ou que decidisen que non ou que me pedisen que metera todo nun volume. E eu podería aceptar o reto ou non, negarme e dicir que quero manter a triloxía. Os retos son sempre persoais, non son coa editorial. . Agora mesmo non teño ningún reto inmediato tamén porque por circunstancias vitais teño menos tempo e agora aínda me ten que interesar moito máis meterme nunha historia para perder tempo doutra cousa e dedicalo a escribir. Entón nunca sei cando vou publicar o último libro. Non me angustia a publicación do próximo libro pero si que hai algo sempre dentro de min que me fai preguntarme: e se nunca me apetece volver a escribir? Esa pregunta sempre a teño latente. Na literatura galega son perfectamente prescindible

Non é unha profesión para vostede? 

Non, é algo que o fago porque me fascina e sempre teño ese medo de non querer volver a facelo. A min a literatura e escribir outórgame moito e permíteme ver a realidade desde outros puntos de vista. É algo que me enriquece moito como persoa e dáme medo que non me apeteza volver a facelo. Pero non porque teña medo polos lectores e as lectoras, seguramente sen min vivirían moito máis felices (ri). Hai moitos autores e autoras marabillosos que están escribindo e producindo cousas que satisfarían as necesidades de todo lector e toda lectora. Cando me preguntan que papel quero xogar dentro da literatura galega, que creo que lle falta á literatura galega… son perfectamente prescindible, non teño ningún papel crucial e nese sentido non teño ningún tipo de peso na conciencia de que pasará se non estou aí. Que va! É máis por unha cuestión persoal, é máis unha cuestión da escrita que da publicación, máis do que me faltaría na miña vida se non sigo escribindo. Como publicar, da igual. Os lectores e as lectoras si que me poden botar de menos como autora, pero teño obra publicada, está aí e se agora desaparezo durante cinco anos non pasa nada, vai haber moitos outros autores. Non son tan importante.

 

Deixa un comentario!