Menu Xerais

Rosa Aneiros e «Cartas de republicanos galegos condenados a morte» premiados na Noite da Edición 2009

Rosa Aneiros co Premio Xosé María Álvarez Blázquez á mellora autora de 2009 e Cartas de republicanos galegos condenados a morte (1936-1948) de Xesús Alonso Montero co Premio Ánxel Casal na súa categoría de non ficción foron os dous premios que a editorial recolleu na Noite da Edición 2009, celebrada o sábado no Liceo de Ourense. Ademais, Fran Alonso, subdirector de edición xeral de Xerais, recibiu o Premio Xosé Neira Vilas ao mellor libro infantil de 2009 polo libro A araña máis eu, ilustrado por Manuel G. Vicente e publicado por Kalandraka editora. Ao comezo da cerimonia, Manuel Bragado, director da editorial, foi a persoa encargada pola directiva da AGE de ler a laudatio a Nova Galicia Edicións, con motivo do vinte e cinco aniversario da editora de Carlos del Pulgar Sabín.

Rosa Aneiros non puido recoller personalmente o premio Xosé María Álvarez Blázquez, xa que ao mesmo tempo recibía o recoñecemento de «Caldereta do ano» outorgado en Ferrol pola Asociación Cultura Lefre de Caldereta. No entanto, as palabras de Rosa Aneiros estiveron presentes na cerimonia por medio do texto que enviou e leu o director da editorial.

A gañadora dos premios Xerais e Fundación Caixa Galicia de 2009 despois de explicar os motivos da súa ausencia festexaba a existencia de lectores na literatura galega: «Arestora estou á beira da Malata, canda os lefres de caldereta, festexando a cultura viva de Ferrolterra. festexando a palabra e, o máis importante para vós e para min, que temos lectores. Que hai persoas que nos len, que partillan connosco moitas horas da súa vida, que viven as nosas historias, que rin e choran cos nosos personaxes. Personaxes que nós, os escritores e escritoras un día inventamos e vós, os editores, facedes que cheguen a eles, ao público, a quen quere vivir a nosa literatura. Para iso quero darvos as grazas por este premio Xosé María Álvarez Blázquez que me outorgades, non sei se merecidamente ou non. Grazas, sobre todo, por permitirme a oportunidade de chegar aos lectores e ás lectoras nesta década que veño de cumprir dende a publicación do meu primeiro libro. E sei que onde agora estou, compartindo un premio con que nos le, é tamén compartilo convosco.»

Na súa intervención, Xesús Alonso Montero agradeceu o Premio Ánxel Casal e recordou ao máis importante editor galego do período republicán e a coincidencia de que fora paseado o mesmo día que Federico García Lorca, a quen editara aqueles inesquecibles Seis poemas galegos. «Ánxel Casal nin sequera tivo a oportunidade de despedirse dos seus seres máis queridos ou dos membros do seu partido, como fixeron as sesenta persoas que escribiron as cento vinte cartas reunidas neste volume». Despois de agradecer o premio ao xurado, lembrou que todas esas cartas, escritas en situación límite, estaban impreganadas dos valores da Segunda República, «valores plenamente vixentes».

Todos os parabéns do equipo de Xerais para Rosa Aneiros, Xesús Alonso Montero, Fran Alonso e para o resto de autores e editoras premiadas, así como para Camilo Franco (magnífico condutor da cerimonia) e os editores ourensáns organizadores dunha das máis brillantes Noites da Edición celebradas até agora.

Comentarios pechados