Menu Xerais

Rosa Aneiros: «Quedo atrapada por unha historia e non hai maneira de liberarme dela ata que poño o punto e final». Entrevista de Armando Requeixo

Armando Requeixo publicou na sección «Parlamento das letras» do seu blog Criticalia unha entrevista coa escritora Rosa Aneiros.

 

Parlamento das Letras

Rosa Aneiros

Rosa Aneiros conxuga na súa escrita o sentimento e a paixón do mar bravo de Valdoviño coa depuración arquitectónica das catedrais de terra adentro. Vai da escrita xuvenil ao periodismo con tiraliñas verbais que tecen arañeiras de admirable consistencia, que crean botóns de fía arácnida en novelas maiores nas que os mundos das Galicias do Aquén e do Alén veñen e van en libre singradura.

Unha escrita resistente, mareira e xenericamente consciente, cordial no máis cordial sentido da palabra, un contar de develamentos, memorias e heroicidades anónimas que a fixo merla branca, arcebispa, e capitá xeral sempre ao pé do abismo.

Vén agora a este espazo para dicir de eu e do nós, para deitar unha canle de luz pola que facer transitar o pensamento en tempos nos que a reflexión se fai máis necesaria que nunca.

—¿Cando, onde e da man de quen publicaches os teus primeiros textos?

A primeira obra que vin publicada foi Eu de maior quero ser, no ano 1999. Gañara algún concurso antes, pero esa foi a primeira en ir ao prelo da man de Sotelo Blanco e grazas a Carme Hermida e Carlos Lema.

—¿Cal das túas obras cres que foi mellor tratada e cal pasou máis desapercibida para o público e/ou a crítica? ¿Por que cres que recibiron ese trato desigual?

Cada obra é froito do seu tempo, tanto na traxectoria literaria da autora como do momento literario xeral e non houbo dúas obras que fosen tratadas da mesma maneira. En xeral, considérome moi ben tratada pola crítica e polo público. Superar a décima edición en Resistencia non entraba nin nos meus mellores soños, así que non teño queixa de nada. Ao contrario, estou ben agradecida.

—¿Tes algún hábito singular ou manía á hora de escribir?

Antes de poñerme a escribir “fisicamente” ando moito tempo dándolle forma ás obras na cabeza. Logo de maduralas ben, hai un momento en que decido darlle corpo coas primeiras palabras. Como sei que sempre quedan máis feas que cando andan pola imaxinación, ese intre vaise adiando, adiando, adiando pola preguiza estraña de comezar. Despois, e cando xa van aló as primeiras páxinas de ruptura do xeo, cústame parar. Talvez por iso sexa lacazana para os inicios: porque logo sei que quedo atrapada pola historia e non hai maneira de liberarme dela ata que poño o punto e final.

—Nunha antoloxía da nosa literatura recente, ¿ao pé de que autores/as preferirías figurar?

Cando eu era cativa os libros de texto tiñan unha estrutura predicible, imaxino que agora acontece o mesmo. A historia da literatura dividíase en temas por épocas históricas e, dentro delas, por xeracións. Logo, en cada tema aparecían os grandes nomes en negriña e con apartado de seu no que se desenvolvía a traxectoria de cada un deles. Finalmente, unha ringleira de nomes, algúns e negriña e outros xa nin iso, como listaxe de autores e autoras dese tempo que case non paga a pena seren citados. Eu, de aparecer (algo que xa sería cuestionable en si mesmo), figuraría entre eses últimos que ninguén estuda porque non entran nunca no exame. O que non sei é quen estaría cabo de min…

—Se tiveses que historiografar a túa propia traxectoria literaria, ¿que trazos salientarías?

Son incapaz de facer tal cousa. Para historiografar estades as persoas expertas. Eu, simplemente, escribo. Para iso respondo a un impulso interior que sigo considerando irracional, así que non ouso poñerlle cualificativos ao seu resultado. Logo de moitas entrevistas e comentarios entendo que hai liñas de fondo que definen as miñas obras, pero non son eu quen debo definilas. Carezo da distancia suficiente.

—¿Que lecturas te acompañan decote ou a que escritores/as regresas con frecuencia?

Cunqueiro, Xohana Torres, García Márquez, Rivas, Lorca, Baricco, Lois Pereiro, Manuel Antonio, Olga Novo, Italo Calvino… aínda que agora comparto moitas horas con Agustín Fernández Paz, Xabier P. Docampo, Fina Casalderrey, Pepe Carreiro…

—¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?

Digo, como xa fixo aquí María do Cebreiro, que lle sobra a insistencia nas carencias. É o que as autoras e autoras queren que sexa. Outra cousa ben diferente é a recepción: fáltanos público e apoio institucional para a súa proxección.

—Se soubeses que o teu tempo se esgota, ¿que non te perdoarías non deixar escrito?

Nesas circunstancias, todo o que se me ocorren son escritos privados dirixidos a persoas que quero e nunca querería que se fixesen públicas.

—¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?

Creo que a diversidade temática, de xéneros, de autores, de editoriais e de estilos permite chegar a todo tipo de públicos, algo fundamental para soster un mercado literario. A calidade é moi boa e a presenza crecente de tantas mulleres ofrece unha ollada diferente e rica dunha literatura en constante movemento. Porén, e como citaba antes, a batalla por gañar lectores e lectoras é cada día máis dura pola escasa visibilidade que as nosas letras teñen.

—Se desexas facer algunha outra consideración, túa é a palabra.

Ben se ve que non me gusta nada reflexionar sobre a miña propia obra, e moito menos publicamente. Por iso agradezo tanto o labor das persoas expertas que axudades a pensar e a divulgar a nosa escrita. Sen esa chave que nos achega ao público seriamos máis invisibles aínda, polo que creo que o voso labor é fundamental para a literatura.

Armando Requeixo

Comentarios pechados