Menu Xerais

«ruído de fondo»: o poemario dun poeta do século XXI. Crítica de Manuel Rodríguez Alonso

Manuel Rodríguez Alonso publicou no seu blog, Bouvard e Pécuchet, unha recensión crítica sobre o poemario ruído de fondo, de Daniel Salgado.

 

Un poeta do século XXI

Daniel Salgado pertence a un grupo de poetas nados despois dos oitenta e que pubican os seus primeiros poemarios xa no século XXI. Segundo se falou dunha nova sensibilidade a propósito dos chamados poetas dos noventa, como ben analizou no seu momento, Miguel Louzao Outeiro en Letras de Cal na produción poética galega dos noventa, eu coido que podemos falar agora do grupo dos poetas do novo século XXI. Poetas mozos, como Daniel Salgado (ou Mario Regueira, que comentabamos aquí hai pouco), anuncian unha nova sensibilidade poética. Caracteriza a estes poetas o nacemento durante a década dos oitenta (Salgado naceu en 1981). Viviron a súa infancia e adolescencia no chamado felipismo, pero fixéronse adultos coa transformación que trouxo o 11-S.

Chegaron á maioría de idade non coa caída do muro de Berlín, coma a xeración dos noventa, senón co atentado de 2001 contra as Torres Xemelgas e viviron o proceso de perda de liberdades individuais que este atentado supuxo ou a demonización de calquera pensamento disidente como sospeitoso de terrorista ou filoterrorista. Tamén, ao contrario do que se pensaba nos oitenta ou mesmo nos comezos dos noventa, volveron aceptar que a normalización da lingua, literatura e cultura galegas non só non se realizou coa pax fraguiana, senón que se ve máis ameazada ca nunca e mesmo conta con poderosos medios de comunicación, non só estatais, senón na propia Galicia, que verían con certa tranquilidade a desaparición da lingua, literatura e cultura galegas nun renacer vizoso do nacionalismo español.

Estes poetas decátanse de que a literatura e especialmente a poesía volven estar nas marxes, especialmente a literatura e poesía galegas. O mesmo lle acontece ao pensamento crítico. As grandes cadeas de radio ou televisión ou mesmo os medios galegos convencionais non lles van dar entrada nin difusión. O sistema de Ensino, cada día máis controlado polo considerado política e españolistamente correcto e máis privatizado, tampouco se amosa favorable. Nada ou pouco queda da suposta normalización da lingua, cultura e literatura galegas ou disidentes co poder que querían albiscar algúns nos oitenta e comezos dos noventa.

Mais, aínda que a poesía estea instalada na marxinalidade, non por iso renuncia a dar a súa mensaxe. O poeta sabe que conta cun público ao que chega moi ben agora a través dos novos medios como a internet. Xa non necesita caerlle ben ao poder cultural institucional tipo Consello da Cultura Galega e similares, porque hai, afortunadamente, outras canles de difusión na internet ou mesmo en editoriais ou coleccións minoritarias, que están a facer un gran labor a prol da poesía.

Nesta liña de marxinalidade do poder, de silenciamento ou de confinamento da poesía por rupturista fronte ás mensaxes oficiais e correctas politicamente hai que situar a poesía dos autores do novo século, entre a que se inclúe este poemario de Salgado. Lembremos, por outra banda, que estes poetas galegos aínda que usen o libro ou o texto escrito, empregan para difundir a súa obra outros soportes como poden ser os blogs e moitos deles están moi unidos a un certo xornalismo crítico, especialmente o que aparece na internet.

Xa que logo, neste libro de Salgado, onde está moi presente Hölderlin, o poeta tenta dar unha representación do mundo afastada da que nos propoñen os medios e o pensamento oficial posterior ao 11-S. Así como o eu lírico de Hölderlin tentaba conectar coa natureza ou mesmo converterse nun ser divino capaz de captar a beleza do cosmos ou de recuperar o equilibrio perdido, o eu lírico en Salgado tamén é un esculcador da realidade.

Pero xa non é o poeta-profeta do romanticismo ou mesmo do simbolismo ou incluso o creador de novas realidades das vangardas por medio da palabra, senón que é un esculcador que non consegue transmitir máis que ruído, é dicir, mensaxes que non chegan a ser tales e só quedan en simples ruídos, que o lector ha de identificar e mesmo converter en verdadeiras mensaxes co seu esforzo. A mensaxe, ben sexa intelectual, ben afectiva, non é máis ca un ruído. A partir do ruído, o lector debe crear o significado. Neste sentido o poeta xa non é como en Hölderlin, especialmente no Hölderlin das Aclaracións a poesía de Hölderlin de Heidegger, o ser privilexiado e profeta que conecta coa natureza, cos deuses, que recupera a harmonía entre Apolo e Dionisos da tradición helénica, senón só alguén que transmite ruídos de fondo.

Nesta liña a poesía non se define por certezas, senón por ruídos e máis polo que non é ca polo que é. Así a poesía é non-aliñamento ou non acepta a / terrorífica ordenación do xardín. Lembremos o que supón o xardín na tradición poética, especialmente na de raíz modernista-simbolista. O eu lírico de ruído de fondo non acepta ese xardín. Así mesmo o poema é ruído para desarmar o sentido pactado da beleza. Fronte aos que din que a poesía expresa o inefable ou que a imaxe universaliza ou intelectualiza a realidade, como querían as vangardas, o eu lírico afirma aquí que non /nos serve a imaxe para definir. Mais o poema transmite ruídos que nos fan ver que vivimos tempos de asfalto onde todo se converte en cinzas. O eu lírico vese incapaz de transmitir esta sensación de derrota pois é na impotencia / onde se resolve a escrita.

Xa que logo, nada queda do poeta que conecta coa natureza, que atopa a harmonía, que crea un mundo novo ou mesmo do que é guía. Simplemente o poeta escoita e transmite ruídos, nada de información, nin intelectualizada nin tan sequera emotiva. Xa non existen os famosos catro elementos de auga, lume, aire, terra con que querían conectar os clásicos, pois a luz antiga / virou en ferruxe nunha época postindustrial, / viste ruínas, pero de fábricas, / non sabe nada dos elementos, / aparece calcinado logo dalgunha /guerra química (páx. 24).

Mais o eu lírico non se illa. O ruído dinos que ante este ermo social e individual queda a solidariedade, pois estes son tempos de defunción das poéticas /isolacionistas (páx. 27), aínda que recoñece a imposibilidade dunha época dourada. É dicir, hai que aceptar estes duros tempos como son, hai que asumir que a poesía non é quen de conectar co misterio ou de cambiar o mundo, mais o que oe o ruído de fondo que é o poema recoñece escravitude. Non obstante, a partir deste ruído é posible a salvación, pero non ao xeito da que ofrece a poesía como se entende tradicionalmente pois o poema é incapaz de se dirixir/ cara a ningures: tropeza coa lingua, / coa súa propia historia (páx. 41). Tampouco é quen de crear paraísos ou illas de transparencia (páx.  41).

Xa que logo, a poesía e o poeta non son quen de expresar nin apreixar ningunha realidade inefable, porque a linguaxe, alienada ela tamén polo devir histórico, ofrece informacións que sempre serán falsas ou inexactas. Construír coas palabras paraísos é outra falsidade, que require do autoengano do eu lírico e do receptor do poema, pois saben que os paraísos perdidos, coma o da infancia ou o dos tempos idos como os da antiga Grecia de Hölderlin, non son máis que mentiras creadas pola nosa memoria-imaxinación para fuxir dun presente ingrato. A poesía só é un ruído, que iso si, transmite un desacougo que non sabemos como solucionar, mais dinos que de haber esa solución ou dar con ela nunca pode ser individual, senón que supón a solidariedade dos seres humanos.

Manuel Rodríguez Alonso

Deixa un comentario!