Menu Xerais

Sabedorías milenarias: «Tal era vivir«, de Xosé Vázquez Pintor. Crítica de Martínez Bouzas

Francisco Martínez Bouzas publicou no seu blog Novenoites unha recensión crítica sobre o libro de fondo: Tal era vivir, de Xosé Vázquez Pintor.

 

«Tal era vivir»: de novo épicos etnólogos de nós mesmos

Con este terceiro volume, Tal era vivir, remata Xosé Vázquez Pintor, unha obra colosal que o noso sistema literario acolleu, como acontece de cotío, sen apenas se decatar. Son os tres volumes do ensaio antropolóxico de Vázquez Pintor, a achega máis completa aos vellos oficios da nosa estirpe. E sobre todo, a máis humana. Porque Tal era vivir, seguindo o ronsel e as querenzas que o autor xa amosara en Os vellos oficios (1996) e A tribo sabe (1999), aproxímase aos escasos superviventes que, desde a súa torre da memoria, aínda lle dan vida aos nosos saberes tradicionais. E faino o autor non coa pluma aséptica do erudito, senón con ollos de emoción, coa veneración e co agarimo de quen sabe que eles, os que neste libro falan e traballan, son as últimas testemuñas das sabedorías milenarias, das destrezas aprendidas e transmitidas por eses trinta avós que nos unen co berce primixenio das nosas tribos.
Xosé Vázquez Pintor é un escritor todoterreo da nosa lingua, que se defende con sobradas forzas como poeta, animador teatral, como gran narrador en ambas as dúas distancias, e tamén como ensaísta, como ensaísta atípico, capaz de suturar nos seus estudos, informacións, coñecementos e o quentor humano que proporciona a oralidade e os contactos directos cos protagonistas dos seus oficios, memorias vivas dunha resistencia. Mais de novo nesta terceira entrega, como xa pasou coa primeira, o autor non sabería dicir que libro é este que lle escapou das súas mans, nunca da memoria: reportaxe, relato, poesía, ensaio…, xustamente porque todo iso ten acubillo nestas páxinas que non reinventan nada, que foron escritas escoitando os superviventes e referendarios dos labores indentificativos das nosas raíces.
Con verbas e berros moitas veces neolíticos, convocou o autor os oficiantes dos traballos e dos días da nosa estirpe á común xeira da lembranza. Supérstites de dezaseis vellos oficios acudiron ás dúas primeiras convocatorias. A nómina complétase agora con outros dez empregos e mestrías, rexistrados con idéntico afervoamento e aloumiños. Mans de vellos oficios nas narracións de Vázquez Pintor, debuxados con idéntica arquitectura, unha “arquitectura instantánea”, como no seu día a calificou un noso escritor de fama. As vedrañas experiencias, a artesanía transmitida na tradición familiar, o noso xeito, as nosas esencias, servidas cun comezo en forma de pequena fabulación que quere introducirnos na orixe mítica do oficio. Logo o autor dálle a palabra os seus protagonistas. O seu labor limítase a puntear o diálogo.

Deste xeito, na infeliz solporecida dos nosos vellos oficios e habilidades ancestrais, aqueles chéganlle aos ollos dos lectores como pequenas aventuras humanas, recuperadas da desmemoria, porque o que este libro pretende, é non calar e que as xeracións presentes e futuras non estraguen as cousas que se saben dos oficios e as garden nos afectos.
Xosé Vázquez PintorFalan así, nas páxinas de Tal era vivir, os colmeiros do Cebreiro, teitadores de pallozas con palla longa e grande. Labor comunal e oficio aprendido en familia. Os canteiros de Cerdedo, Forcarei, Beariz. Cotobade, Melide e, sobre todo, os pedreiros de Agolada aos que o escritor admirou de “tan pasmón” na súa infancia de postguerra. Canteiros de Galicia, labradores do granito que sangraban as mans co pauferro, que levaron o verbo dos arxinas e a súa arte cabo de lonxe, aos catro ventos. E os cesteiros de Mondariz, destros no oficio de boghardes que lle saben dar o tempero ás latas e facían os culleiros para a vendima e os azafaces para o pan, cos que acabou o plástico, e que tamén teñen verbo de seu.

Escoitamos asemade as experiencias dos cereiros, borreiros e capadores de Terra de Montes, vellos oficios que non constan nos papeis, que castran o mel sen pasar do “xuízo” e saben “velar” a cera. Castraban colmeas pero tamén animais. O mesmo que a dos encadernadores de Viveiro, pacientes ganduxadores de tanta palabra. E sabemos das carreiras do Cordel de Meira, memoria viva da actividade artesanal da confección de cabos, cordas e sedeños. Tamén nos achegamos aos ferradores de Penaporrín que seguen no traballo -outra verdadeira arte- de calzar os cabalos e “arreglar” os pés das vacas. E xa por último, Vázquez Pintor, fainos chegar a voz dos aceiteiros de Quiroga, únicos espremedores na nosa terra do zume da oliva e teimudos loitadores para que almazara non desapareza de Galicia.
Libro de novo diáfano, transparente, sen trampa nin cartón; á vez reivindicativo, romántico e epopéico, escrito con lingua forte e fulgurante, botando seu autor man dos mil usos da lingua e da fala; mollando a súa pluma na puxante louzanía do léxico gremial e popular. Libro sobre todo escrito desde dentro, mergullándose o seu feitor na cerna da nosa cultura material e acompañando aos verdadeiros suxeitos da identidade galega. Xa que logo, outra vez épicos etnólogos de nós mesmos.

Francisco Martínez Bouzas

Deixa un comentario!