Menu Xerais

Santiago Cortegoso: «Raclette é un mosaico humano no que os universos dos personaxes forman unha panorámica da sociedade actual»

Praza Pública publicou unha entrevista de Alberto Ramos a Santiago Cortegoso Calvar sobre a obra Raclette, que foi Premio Álvaro Cunqueiro de textos teatrais.

«Raclette é un mosaico humano no que os universos dos personaxes forman unha panorámica da sociedade actual»

Ibuprofeno Teatro vén de estrear Raclette, obra de Santiago Cortegoso galardoada no 2014 co Premio Álvaro Cunqueiro. Nesta montaxe -na que participan os intérpretes Marián Bañobre, Iria Sobrado, Salvador del Río, Deborah Vukusic e Toni Salgado-, Cortegoso ofrécenos dúas tramas paralelas ao redor dunha única mesa. Dúas historias que aparentemente non teñen relación, pero que se entrecruzan para rematar contando unha historia tráxica que trata temas universais como a morte, a parella, a maternidade, a cobiza ou a violencia.

No centro da mesa, como espazo común, atopamos a raclette, un xeito de comer en comunidade inventado polos pastores suízos que, para pasar o frío e a soidade da montaña, reuníanse ao redor dunha pedra quentada con lume para cociñar nela -a medida que ían comendo- queixo, carne e verduras. Na obra de Ibuprofeno, a raclette é urbana e o menú está conformado polos grandes temas da vida que, a raíz desas dúas historias paralelas, vanse desenvolvendo e creando unha panorámica da sociedade actual. As próximas funcións de Raclette terán lugar no Auditorio Cangas (este sábado 30 de xaneiro ás 21.00), no Auditorio Municipal de Vigo (18 de marzo ás 21.00 horas) e no Auditorio Municipal de Ourense (7 de abril ás 20.30 horas).

As dúas historias paralelas que compoñen a obra transcorren, aínda que sen tocarse, ao redor dunha mesa hexagonal na que, no centro, atopamos a raclette. Nela sentan todos as personaxes, pero sempre queda un servizo baleiro, un espazo sen ocupar. No caso do matrimonio é o fillo morto  o que non senta na mesa. No caso da outra cea, é o marido dunha das comensais o que nunca se presenta. Está é, daquela, unha obra de ausencias?
Si, dende logo é unha obra de ausencias. Unhas ausencias que contribúen á intriga, que é a base da estrutura desta peza e mais do seu traballo dramatúrxico. Dende o principio búscase crear unha inquietude no público sobre o que está a pasar e sobre os motivos polos cales se reúnen dúas tramas que nunca se encontran. O espectador así pregúntase ao longo da obra que hai detrás das dúas historias e tamén detrás desas dúas faltas. A mesa, como dis, é hexagonal, pero nun principio ía ser redonda até que chegou o escenógrafo e dixo que as ausencias se agudizarían cunha mesa hexagonal. Esa proposta convenceume, en tres segundos dixen que si.

Así visualízanse moito máis a copa baleira, o servizo sen usar…
Traballamos a partir desa idea e aos actores gustoulles moito. Para uns, o ausente é o marido; para os outros, o ausente é o fillo que morreu.

Malia o dramático da ausencia dun fillo, a obra mantén -sobre todo nos primeiros compases- un equilibrio entre a comedia e o drama.

Hai dúas tramas ben diferentes e quería que fosen dous tons en contrapunto, que se notase que dalgún xeito na montaxe hai dúas obras distintas. No caso dos pais, vívese un proceso de dó. É un drama absoluto e trátanse temas moi duros: a morte, a ausencia, a dor e o trauma. Na outra trama, temos un humor moi claro con situacións cómicas e un humor irónico que presenta, polo baixo, unha serie de críticas sociais. Sobre que temas? Pois sobre o vexetarianismo, o conflito entre a tele e o teatro, a alimentación, o capitalismo… Non obstante, co desenvolvemento da obra, prodúcese unha viraxe paulatina cara ao drama, até que se chega a escurecer todo. É que, realmente, o gran tema é a morte. O dramatismo vai gañándolle terreo á comedia e os conflitos vanse sucedendo até que estoupa a traxedia.

Non sei se podemos falar moito máis en profundidade da obra sen rebentar precisamente esa intriga…
A ver, o texto leva publicado dende abril con Xerais, entón vén xente co texto lido.

Moita xente tampouco será, non?
Pois a verdade é que hai unha parte significativa do público que si chega co texto lido. A min sorprendeume, non o vou negar.

Debe ser algo bastante excepcional, non? Quero dicir, pouco texto dramático se edita, pouco texto dramático se vende e pouco texto dramático se le. Non hai moito falabamos en Praza das dificultades que teñen os dramaturgos á hora de espallar as súas obras. Principalmente hai dúas saídas: gañar un premio ou ter unha compañía para montala. No caso desta Raclette de Cortegoso, danse ambas as dúas circunstancias.
Este debería ser un proceso habitual, debería haber certa naturalidade cun proceso de publicación de textos primeiro e un proceso de montaxe despois. Tamén debería facerse no sentido inverso: que se montase primeiro o espectáculo e despois houbese unha edición en libro. Pero estamos falando de que todo isto é algo moi, moi raro. Publícase tan pouco teatro que é difícil que se lea. Se falamos deste caso, de Raclette, si que se dá un proceso de lectura previa e, sinceramente, isto debería pasar máis veces. Oxalá que este proceso se repita! É o ideal. Imaxinemos que un texto premiado se monta rapidamente, que se estrea nun bo teatro, con cinco actores e que todo o mundo cobra  como profesionais. Iso é o que pasa aquí e iso é o razoable, debería ser algo habitual. Pero non é norma, é excepción. Ese é o problema.

Na actualidade, que un texto resulte gañador do Álvaro Cunqueiro non garante a súa posta en escena. A non ser, como é o caso, que un teña unha compañía propia.

Non só ter unha compañía propia, senón que sexa posible apostar polo texto e polo formato que implique. Podes ter unha compañía, pero se cadra non tes as posibilidades de montala. Hai autores que gañaron premios importantes e que non asumiron a montaxe coas súas propias compañías. No caso de Ibuprofeno? Pois coincidiu todo de cara. Quero dicir, este texto gañou o Cunqueiro e quixemos asumir o reto de facer unha montaxe con cinco actores, un formato máis grande do habitual para nós. A verdade, eu coido que falta un sistema, unha entidade ou unha vía clara para que os textos dramáticos se monten. Non existe ningún rexistro de textos onde visibilizar o noso traballo. Non hai vías. Que pasa cos textos? Ou gañan un premio ou tes unha compañía propia para montalos. Se non é así, quedan perdidos…

Pero os premios, como dixemos, actualmente non garanten a montaxe. Nas súas bases, non o recollen. Só no Abrente hai certo compromiso de promover a súa representación. No Cunqueiro, xa nada…
O Cunqueiro pasou por diferentes fórmulas. Durante anos recollíase a posibilidade, algunha vez mesmo a obrigatoriedade, de que fose o propio Centro Dramático quen se encargase da montaxe. Noutras edicións, reservábase nas axudas á produción uns fondos para a súa montaxe; entón as compañías acababan por presentarse para facelo. Agora, despois de tanto recorte e cambio, simplemente se outorgan máis puntos nas convocatorias de axudas se o texto que vas montar é un texto premiado. A nós deunos puntos, nove puntos xa de base e iso axuda moito para a convocatoria; pero resulta insuficiente. Esta obra miña, se eu non tivese compañía, se cadra quedaba desbotada, se cadra a ningunha compañía lle interesaba.

E quizais hai nesta montaxe de Raclette outro factor que cómpre ter en conta. Refírome a un impulso psicolóxico sobre os Premios Cunqueiro, porque hai que pensar que hai actualmente como seis ou sete obras premiadas que están sen montar. Que se monte este texto premiado é ben recibido polo profesión, polos autores e polos programadores.

Unha obra premiada facilita a distribución?
Non nos podemos queixar, a verdade. Temos oito funcións na xira da estrea polas cidades. Non son todas as que agardabamos, pero para unha compañía como a nosa, con cinco anos de vida, non está nada mal. Estamos satisfeitos e cremos que se abre a porta a que outros concellos se interesen.
Volvendo á obra, comentaba antes que o humor servía para trazar unha crítica social sobre diversas problemáticas. Pola parte que me toca, comezarei co xornalismo. O personaxe de Salvador del Río, o pai do rapaz falecido, é un xornalista que acaba de quedar no paro. E nun momento di que está farto de escribir, de pensar, que quere buscar traballo de calquera cousa mecánica, como ser transportista, ir do punto A ao punto B e esquecerse. A verdade, iso mesmo dixen eu en moitas ocasións e coido que reflicte ben a situación do sector.
Sentícheste identificado?

Si, ho! Se cambiamos o de “transportista” por taxista, xa tes o meu pensamento exacto.

[Risos] A verdade é que eses pensamentos os teño eu ao facer teatro e escribir. Creo que temos algo en común aí e que tamén teñen todos os artistas e que se resume nunha frase: A intimidade, a anos luz do noso xeito de traballar. É que traballas coa túa identidade, coa túa intimidade, metendo moita alma no traballo e total para que ninguén o valore. Iso é tremendo. E coido que é unha reflexión común a moitos creadores, que ás veces pensamos en querer traballar sen pensar e cobrar por facer algo mecánico. Agora ben, o real é que nos gusta o contrario. Mario, o personaxe de Salva, amosa o seu malestar. E esa reflexión xorde en alguén que vive un momento tráxico: está frustrado, quedou sen traballo, morreu o seu fillo e a súa relación de parella está no aire.

Despois, hai algo que se manifesta dende fai tempo: o paro no xornalismo é tremendo, con moitas persoas brillantes cunha visión do mundo moi interesante que se está a perder. Ese personaxe reflicte iso.

Moitas veces falando con xente do teatro, atopo queixas e lamentos pola escasa atención dos medios ao mundo da cultura. Entendo que a crítica da obra tamén vén por aí.
Si, claro. Iso prodúcese dende fai tempo. [Pausa]Ademais, esa visión do xornalismo compleméntase coa visión dun actor que quere facer un teatro alternativo fronte ao comercial e contra o audiovisual, sectores que aos seus ollos só transmiten banalidades. Son reflexións todas deste mundo no que vivimos no que hai moitos contidos, pero no que se afonda moi pouco.

Tamén parece que hai unha crítica clara ao audiovisual galego e á TVG, porque ese actor mófase da serie na que traballa a súa parella. Bótalle en cara que se implique profesionalmente coa “típica serie costumista de urbanita que chega á vila”. É un pouco de mala baba cara á programación e a series que seguen ese patrón de chegada ao rural, que non son poucas…
Non, a ver. Tampouco me apetecía transmitir unha rabieta que reivindica o teatro fronte ao audiovisual, senón poñer de manifesto un conflito que está presente. Este personaxe, o actor, defende isto, mais a súa parella retrúcalle que na televisión se fai un pouco de todo, do mesmo xeito que no teatro hai tamén un pouco de todo. Son mundos diferentes e hai que lembrar unha cuestión: a tele é un ámbito creativo que pode acadar un gran nivel. Eu non son dogmático nese sentido, pero si quixen expoñer ese conflito.

Ao longo da obra fálase do vexetarianismo, sobre a guerra de clases, o capitalismo… Son grandes temas os que se tocan, pero con certa perspectiva banal. Parece nalgúns casos reproches ou parodias dos idealistas, non?

Hai un intento de plasmar na mesa certas posturas a través duns mantras que están moi gastados e repetidos, como que a alimentación está nas grandes multinacionais. Cuestiónanse así elementos do sistema, pero sempre con posicións que no fondo parten do mesmo sistema. A personaxe de Marián [Bañobre] planta tomates nunha horta urbana e o actor respóndelle se é que así pensa cambiar o mundo. En realidade, reflíctense certas posturas da clase media moi acomodada… En realidade, empréganse catro frases feitas e tópicas, moi alternativas e críticas, pero que non deixan de actuar a favor do sistema. A partir de aí, na obra van xurdindo conflitos entre as diferentes visións dos personaxes.

Todo isto do que estamos falando vai relacionado coa raclette. Do mesmo xeito que comen alimentos variados, tamén se cociñan sobre a mesa moitos temas. Cadaquén expón así os seus conflitos e as súas teimas. Represéntase así en Raclette unha idea de mosaico humano, cinco universos que nos amosan os seus conflitos e que serven para realizar unha panorámica da sociedade actual.

Se tivese que resumir en tres palabras a obra, diría que Raclette fala do trauma, da ausencia e da culpabilidade. Non sei se estará de acordo, pero coido que todas as personaxes cargan con culpas.
É certo, a culpabilidade é un dos motores da obra. Ademais desas palabras, tamén destacaría que os personaxes están en momentos cruciais das súas vidas. Todos teñen que tomar decisións importantes. A parella nova ten que decidir se seguir ou non. Mentres, a parella dos pais ten que ver como seguen despois da morte do fillo… É que todos están en momentos moi cruciais.

Parte do público sitúase enriba do escenario, a escasos metros dos actores. Por que se tomou esa decisión?
Sempre sentín que o público debería estar moi preto, que é unha obra de distancias curtas. Esa posición do público fai que te metas na intimidade das súas vidas. Foméntase a idea de que o espectador é un voyeur. Ademais, esa disposición do público fai que todos estean rodeando a mesa e mirando cara ao centro, cara á raclette. Todos forman parte da mesa e todos viven nesa mesma sociedade na que viven estes personaxes. Esta disposición era necesaria para unha maior identificación.

Alberto Ramos

Comentarios pechados