Menu Xerais

Sempre é un pracer volver á lectura de Astérix: «O papiro do César». Anotación en Trafegando ronseis

O blog Trafegando ronseis publicou unha anotación sobre O papiro do César, o novo álbum de Astérix.

 

O papiro do César

Sempre é un pracer volver á lectura de Astérix, que me retrotrae á miña infancia, e aínda que estas novas entregas adoecen, normalmente, das antigas chiscadelas que tanto me gustaban dos seus inicios, é unha marabilla lelos na nosa lingua grazas á editorial Xerais, que maxino realiza un gran esforzo para que saian ao mesmo tempo que nas outras linguas. Ogallá isto fose unha práctica habitual dos libros en xeral e non unha excepción. Ver a ringleira de libros en catalán cando estiven no Sant Jordi e comparalos cos que nos ofrecen na nosa lingua é absolutamente deprimente. Diciamos que este cómic con texto de Jean-Yves Feri e debuxos de Didier Conrad (traducido por Xavier Senín Fernández e M.ª Isabel Soto López) titulado O papiro do César segue o ronsel iniciado polos seus autores primixenios para afondar nunha situación social de hogano: o personaxe de Dobleoplémix vén agora inspirado polo xornalista Julian Assange e a filtración dun documento do César é a trama sobre a que xira todo o libro; neste temos pombas mensaxeiras en lugar de Twitter, pero a semellanza é absoluta coas novas tecnoloxías. Asemade, estes autores renden tributo aos anteriores, citando mesmo algunhas das súas obras, facendo un xogo metaliterario con eles.
Así que aínda non tendo a mestría dos anteriores, sempre é un pracer volver ás aventuras destes homes e mulleres capaces de vencer á temida Roma e o seu César.

Deixa un comentario!