Menu Xerais

«Sete palabras» de Suso de Toro, premio da Crítica 2010

Como membro do xurado do Premio da Crítica de Creación Literaria, tiven o pracer de compartir moitas horas con varias persoas polas que sinto unha grande admiración, como Alfredo Conde, un dos nosos escritores máis prestixiosos, internacionais e galardonados; Luís González Tosar, flamante gañador dos Premios da Crítica de Creación Literaria 2009; Rexina Rodríguez Vega, Premio Xerais de Novela no 2007; ou a profesora e investigadora Isabel Mociño González, quen actuou, amablemente, como secretaria durante toda a xornada.

Malia que os candidatos finalistas superaron a ducia, finalmente foi o escritor santiagués Suso de Toro, coa súa novela Sete Palabras, o gañador por unanimidade do Premio da Crítica de Creación Literaria 2010. O seu dominio do xénero narrativo e da palabra foi decisivo. Con esta novela, ademais de mergullarnos nunha historia que é, ademais, a súa propia, proponnos unha viaxe ao coñecemento e ao autocoñecemento, e é quen de xogar con distintas tendencias narrativas (xornalística, autobiográfica, experimental, intimista, antropolóxica, etc.) dun xeito que só é propio das grandes voces da literatura universal.

Como lle sinalaba recentemente José Miguel A. Giráldez a Suso de Toro nunha entrevista, “este é un libro que fala de nós, unha novela na que hai moita verdade”. En definitiva, un fito literario que Luís María Ansón definiu en El Cultural como “una novela que cautiva, con una arquitectura literaria excelente”. Sen dúbida, unha boa nova para un escritor ao que lle queda pouco que demostrar, que é un buque insignia da cultura galega, e que interesa tanto a lectores que agardan unha boa historia como a avezados estudosos do panorama literario da nosa terra.

Fragmentos do artigo «Premios da Crítica» de José Manuel Estévez Saá publicado en El Correo Gallego o 6 de xuño de 2010.

Comentarios pechados