Menu Xerais

Singular, conmovedora e emocionante: «Palabras de auga», de Marcos Calveiro. Crítica de Armando Requeixo

Armando Requeixo publicou unha recensión crítica sobre Palabras de auga, de Marcos Calveiro, Premio Merlín 2012, nos xornais El Ideal GallegoDiario de FerrolDiario de Arousa e Diario de Bergantiños.

 

 

Baixo o lume do ceo

Con Palabras de auga Marcos Calveiro gañaba este xuño pasado o Premio Merlín de Literatura Infantil, engadindo así unha nova distinción a unha breve (pouco máis dun lustro) pero moi intensa (libro por ano) andaina autorial, que se ten visto recoñecida xa con outros importantes galardóns como o Ala Delta, o Lazarillo ou o Raíña Lupa.

Non sorprende, por tanto, que Calveiro sexa quen de artellar con ben unha historia tan ben tramada como esta novela de ambientación africana, verdadeiro canto á loita pola vida, á capacidade de superación e a fe na esperanza. Tamén si, complexa alegoría sobre a iniquidade e a xenerosidade que, en diferentes graos e medidas, somos quen de achegar ao mundo como humanos.

A dura vida do clan dos Wataki, da tribo dos Kimba, serve para retratar o día a día do pobo suahili, abafado pola falta de alimento e auga, males tan tristemente comúns en boa parte deste continente. Derredor desta apremante realidade, Calveiro consegue fiar unha poderosa historia onde o papel xogado pola amizade, os vincallos familiares e a xerarquía grupal van servindo de cordame para trenzar un adival nodoso sobre o espertar ao mundo adulto dun rapazolo.

Polo camiño van ficando os ritos de paso nese proceso de maduración: a cacería que converte a un en guerreiro, a participación nas reunións do consello da tribo e, sobre todo, a viaxe iniciática na que se enfrontar a descoñecidos perigos que tirarán a venda dos ollos ao mozo inocente para convertelo, definitivamente, nun adulto noviño con consciencia de seu, do sangue do seu pasado, do seu problemático presente e da necesaria batalla que cómpre dar polo seu futuro.

Palabras de auga está narrado cunha ollada cinematográfica evidente, que mesmo por veces semella pautar a acción en longos planos secuencia, imprimindo a todo o relato un tempo lento, vagaroso, que reflicte á perfección a paisaxe interior dos personaxes, dubidosos, desconcertados, temerosos ante o seu porvir incerto, un ramansar tardo que moi ben companga cos decorados nos que se moven os personaxes, de sabanas áridas e soles coma lumes do ceos que fulminan na canícula, espazos nos que mexerse máis do imprescindible semella case suicida.

Esta repousada progresión coa que devagar avanza a novela só creba no remate, un tanto casualista e, sobre todo, de forte contraste pola rapidez coa que se precipita a solución narrativa, que ofrece un desenlace agridoce onde a balanza do positivo e negativo se equilibran.

Escrita con oficio e estilo preciso, Palabras de auga ten o tempero sabio da alternancia do puramente narrativo cos treitos dialogados e de puntuais descricións e, aínda que por veces marea un tanto coa inserción de termos en suahili que obriga a ir consultar nun glosario final, hai que recoñecer que nalgunhas pasaxes a porosidade lírica que Calveiro imprime aos períodos fai deste texto unha obra de mérito non menor.

Singular, conmovedora e emocionante, Palabras de auga —ilustrada con grande alento evocador polo recentemente laureado Ramón Trigo— é a proba mellor de que Marcos Calveiro vai consolidando unha meritoria andaina como escritor, que deixa tras de si títulos tan logrados como esta palpitante e fecunda novela.

Armando Requeixo

Comentarios pechados