Menu Xerais

«Sol de Inverno», crítica en «Cartafol de libros»

Reproducimos varios fragmentos do texto da crítica que Manuel Rodríguez Alonso publica en «Cartafol de libros» de Vieiros sobre Sol de Inverno, a novela de Rosa Aneiros gañadora do Premio Xerais 2009.

No mundo cultural galego a concesión do Premio Xerais é unha cerimonia clásica. Os premios poden ser inxustos ou mesmo estar suxeitos a intereses de promoción ou vendas, pero, nunha literatura e cultura normalizadas, son absolutamente necesarios. A difusión que adquiren grazas aos medios é especialmente valiosa nun caso como o da literatura galega, moitas veces invisible, xa non só nos medios galegos, senón mesmo nos escaparates das nosas librarías. Este novo premio Xerais, nesta liña, cumpre con ser unha novela accesible ao gran público, mais tamén ten unha notable calidade literaria, que ha de compracer os lectores máis esixentes.

O primeiro acerto desta novela é a estrutura. Unha narradora protagonista, Inverno, conta a historia da súa vida en segunda persoa, dirixíndose a ela mesma porque está a padecer o inicio da enfermidade de Alzheimer. Inverno relata a historia da súa vida aos cincuenta e tantos anos, cando comeza a padecer esta grave doenza. Relatará continuamente a historia da súa vida, para deste xeito non perder a memoria. Por iso, a novela no seu remate volve recomezar, pois Inverno, para non a esquecer, reiniciará outra volta a historia.
Pero esta estrutura ten así mesmo un claro valor de símbolo. A novela recrea a etapa da república, a guerra civil, o exilio dos republicanos, a revolución cubana ou o maio francés. A represión franquista ou a actual propaganda político-cultural do PP e dos seus xornalistas e intelectuais orgánicos que queren presentar Galicia como o espazo do conservadorismo, do antirrepublicanismo, en definitiva da reacción, cando iso non é certo. Pero, aínda máis, queren que os galegos ignoremos o noso pasado republicano e progresista, coma se fósemos unha comunidade con Alzheimer. A novela tenta que non se esqueza o pasado republicano e progresista de Galicia, os fusilamentos franquistas, o exilio, a represión. Non debemos caer como comunidade no Alzheimer histórico.

A novela abarca desde a primavera do 36 ata a primavera do maio do 68 francés, que Inverno lembra nesa segunda persoa autorreflexiva, contándose a sí mesma a súa vida, mais tamén a da súa familia e a da súa comunidade. Pasamos así polos tempos da República, as misión Pedagóxicas, a Guerra Civil, especialmente en Barcelona, ou o exilio francés e americano. A novela mestura a ficción cos personaxes reais (Rafael Dieste e a súa dona Carmen nas Misión Pedagóxicas, Castelao e a revista Nova Galiza). Más adiante, xa na Habana, o pai de Inverno aparece loitando ao lado de Fidel Castro ou do Che. Esta mestura de ficción e realidade é así mesmo un acerto.
Mais tamén é un acerto, no eido da recuperación da memoria histórica ou simplemente da historia, a interpretación que a novelista fai de Galicia. Galicia e os galegos non son o conservadorismo nin o ruralismo, nin o egoísmo propio do minifundista, que espalla por aí a visión turística ou da dereita galega. Galicia é progreso, é republicanismo, laicismo. Non hai que esquecer esa Galicia, posiblemente moito máis importante ca a outra.

A autora acerta de cheo na representación do ambiente da República, especialmente nas aldeas galegas, da resistencia dos antifascistas en Barcelona ou do exilio tras o triunfo do franquismo (as páxinas dedicadas ao viaxe do Ipanema cara a México cheo de exiliados republicanos é moi boa). Así mesmo na presentación da emigración e do exilio galegos na Habana, sen ningún tipo de idealismo e dun xeito obxectivo, coa loita entre fascistas e republicanos trasladada ao ambiente da Habana.

Cremos tamén acerto a presentación da aldea de Antes ou mesmo da Habana de Luzdivina con técnicas propias do realismo máxico. Así mesmo cómpre salientar a boa linguaxe poética dalgunhas descricións: a morte de Fiz é representada como atravesado polas fouces da terra (páx. 42) ou un ceo de lóstregos é ceo enroscado de escánceres (páx. 75).

Falla, ao noso entender, a autora na creación dalgúns personaxes. O pai, como eterno revolucionario, que loita tanto na República coma no castrismo ou no maio francés, non resulta verosímil. Deixa de explotar, por outra banda, o sentimento da nai de Inverno, Felicia, cara ao pai, ese amor cego, que non pide nada a cambio e que todo atura, por máis que presente o conflito na nai entre o amor cara ao pai e ideoloxía política distinta. Personaxes como o pai de Felicia, Ezequiel, ou o de Luzdivina resultan tópicos de máis. Mesmo ás veces os recursos argumentais ou a caracterización dos personaxes cheira demasiado a folletín. Mais non se pode acertar en todo.

A novela, no eido tan importante da memoria histórica, realiza unha función mitofáxica, ou de destrución de mitos (a Galicia conservadora, franquista, antirrepublicana), mais tamén mitoxénica: recreación dunha Galicia progresista, republicana e laica, que nos queren non só agochar, senón facer esquecer. Xa dixemos enriba quen son eses axentes do esquecemento: os mesmos que queren facer desaparecer o galego. Xa que logo, parabéns á novela por este propósito ben acadado.
[…]

Cómpre salientar a calidade deste libro como obxecto artístico, pois a portada de Fran Herbello é un acerto, a partir dunha imaxe do propio texto, o sabor doce da cereixa madura e do amargo da verde. O relato, co fracaso da República, mais co triunfo á fin de contas da súa ideoloxía, deixa certamente este sabor agridoce. Manuel Rodríguez Alonso

Comentarios pechados